Que ver en A Coruña (1) – Cousas do mar

9 minutos de lectura

A Coruña é unha cidade estreitamente vinculada ao mar, tanto dende unha perspectiva histórica como na súa arquitectura. Esta relación é, de feito, literal, xa que é unha cidade construída ao redor dunha península e o seu ismo, sendo practicamente imposible atoparse nun punto onde a costa estea a máis de dez minutos. Así, é inevitable pensar simultaneamente en A Coruña e o mar.

Quizais cando un turista pensa en Galicia, Santiago de Compostela é a primeira cidade que lle ven á mente. Sen embargo, cando pensa en Galicia e no mar… A Coruña claramente escala posicións. É un destino turístico por méritos propios, dos que falaremos nesta entrada e nas próximas, pero tamén o é pola súa proximidade a Santiago e por atoparse en moitos dos Camiños.

Así, se acabas de chegar a Galicia ou se tes pensado vir por aquí de visita recorda facer unha parada en A Coruña e os seus arredores. Sen quedarse unicamente na cidade, xa que a provincia ten faros e cantís, praias, pobos e recunchos que paga a pena percorrer.

Nesta entrada imos a falarvos sobre algunhas localizacións interesantes vinculadas con A Coruña e o mar. Se non es turista, bótalle un ollo tamén, que ao mellor descubrimos para ti algún tesouro que descoñeces, quen sabe.

A Coruña e o mar: a cidade

A Coruña ten unha costa rica en monumentos, paraísos para descansar, rutas para coñecer e, en fin, lugares polos que desfrutar dunhas vacacións únicas. A conxunción entre A Coruña e o mar da múltiples posibilidades para pasar o tempo de lecer, podendo incluso elixir entre ir por terra ou por mar, dende unha das nosas rutas na Punta Pragueira, por exemplo.

Comezando pola capital, a cidade da Coruña ten moitísimos lugares dignos de visitar, tal e como podemos comprobar con unha busca rápida na internet. Estes son algúns:

A Torre de Hércules e o parque escultórico

Sen ir máis lonxe a Torre de Hércules, da que xa falamos non fai moito na entrada do noso blogue, é un monumento de referencia en calquera visita a Coruña, veñas unhas horas ou varios días. Por algo é o faro romano activo máis antigo que coñecemos. Mostra de forma incomparable esa unión entre A Coruña e o mar.

Ademais, ao seu redor temos o parque escultórico, mostra artística ao aire libre de diversas figuras en pedra. Rodeadas de sendeiros e zonas para entreter aos máis cativos. Entre as figuras de pedra podemos destacar a Breogán, protagonista de lendas galegas, ou a representación dos menhires, unha versión actualizada dos nosos monumentos máis antigos.

María Pita: a heroína da cidade

María Pita é unha das personaxes máis ilustres da Coruña, sendo a súa historia coñecida por todos os seus cidadáns. Esta brava muller tivo un papel clave na expulsión dos invasores ingleses que atacaron a cidade dende o mar alá por finais do S.XVI, ou iso afirman as historias que chegaron ata os nosos días. A vida desta heroína local encheu por séculos o maxín dos coruñeses, polo que na súa honra podemos atopar na cidade diferentes elementos de interese para os visitantes.

O principal é a praza de María Pita, que actúa como praza maior da cidade. Esta praza foi proxectada a finais do século XIX e acolle o edificio do concello así como múltiples negocios de interese. No centro da praza atópase unha fermosa estatua que representa a María Pita cunha lanza en alto e sostendo o corpo do seu marido morto a mans dos invasores.

Non moi lonxe da praza, atopamos a casa museo de María Pita, a cal se atopa situada na que foi a casa do seu primeiro marido, onde podemos atopar moita información sobre a vida deste personaxe histórica e sobre o conflito naval contra os ingleses, o que nos amosa, unha vez máis a importancia do mar na historia de A Coruña.

No horizonte a Torre de Hércules. Imaxe sacada dende o Punta Pragueira
A Torre de Hércules dende o Punta Pragueira (A Coruña)

Mercado da Praza de San Agustín

O edificio deste mercado é unha mostra da vangarda arquitectónica de comezos do século vinte. Pioneiros no uso de formigón armado, utilizouse o arco catenario tan propio de Gaudí para conseguir unha estrutura e arquitectura modernas, máis propias, semella, desa Europa vangardista que do norte de España.

Na actualidade mantense en uso, mostrando a riqueza da nosas costas, con produtos frescos entre os que destacan os mariscos e peixes. Ademais, tamén podes mercar algunha das xoias gastronómicas da zona, xa preparados, como as empanadas tan típicas de Galicia.

 Avenida de A Mariña

Cunha orixe humilde, no que se coñecía como o barrio de A Pescadería, esta zona da cidade mostra unha das visións cosmopolitas máis impresionante que poidas pensar., xusto ás veiras do porto e bañada polo mar do Atlántico.

Se achegas a observala cando comeza o día, coas cores do amencer reflexándose na multitude de galerías de cristal que a conforman, a combinación de cores desta zona de A Coruña e o mar nesas primeiras horas do día fará que mereza a pena o madrugón.

Na actualidade é unha das zonas máis caras, se queres vivir nela, pero se o que queres e desfrutar dun paseo diferente non dubides en dedicar un tempo a percorrela, xa que mostra unha imaxe de cidade de cristal, moderna e sorprendente, ofrecendo unha fronteira exquisita entre o mundo urbano e o mariñeiro.

Barco prehistórico do Castelo de San Antón

O Castelo de San Antón, do que xa falamos en entradas anteriores, é unha antiga fortaleza da Coruña. Construída no século XVI, tivo ao largo dos séculos as funcións máis variadas: fortaleza, prisión, centro de corentena para os mariñeiros recién chegados e, actualmente, museo.

Conforma, coas súas distintas seccións, o Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña, no que podemos atopar, entre outras cousas, unha embarcación feita de coiro e vime. Esta embarcación, chamada Borna, foi un experimento da Universidade de Santiago de Compostela para tratar de replicar as antigas embarcacións prehistóricas, seguindo as indicacións de textos clásicos.

Fai apenas catro anos fíxose unha restauración desta embarcación para amosala tal e como se fixo fai máis de cincuenta anos. Tanto esta como as outras pezas exhibidas neste museo fan que a visita mereza moito a pena… se é que as vistas non son suficientes!

Aquario Finisterrae

Este acuario, de carácter municipal, foi inaugurado en 1999 e é unha das puntas de lanza da divulgación científica da cidade. Percorrendo os seus corredores podemos observar os seus múltiples tanques, que conteñen infinidade de especies diferentes de seres vivos mariños, incidindo sobre todo na biodiversidade propia do océano Atlántico.

Nel tamén podemos explorar diferentes exposicións relacionadas co mar e observar algún elemento histórico da navegación galega, como a áncora do Mar Egeo, petroleiro que en 1993 encallou fronte á Torre de Hércules, ou a cabina dun barco pesqueiro.

Xunto coa súa localización privilexiada, entre o Domus e a Torre de Hércules, o feito de que xa dende o exterior poidamos observar ese vínculo entre A Coruña e o mar, fan esta unha visita que non se debe deixar pasar. Especialmente se imos con nenos, que poderán desfrutar tanto como aprender.

O Castelo de San Antón, na costa de A Coruña
O Castelo de San Antón (A Coruña)

A Coruña e o mar: cousas da provincia

Museo marítimo “Seno de Corcubión”.

En Corcubión, na provincia de A Coruña de camiño a Fisterra, atópase un museo dedicado ao mar. Atópase no que antigamente era unha fábrica de salgadura e as máis de mil pezas que compoñen a exposición están relacionadas coa vida marítima e mariñeira desta zona de costa.

Se vas de camiño a Santiago, pola ruta de Fisterra-Muxía, non deixes de parar no Museo “Seno de Corcubión”, xa que trata de amosar o grande patrimonio mariñeiro da Costa da Morte, unha parte da nosa historia que, sen dúbida, non queremos perder.

Entre as pezas que se expoñen podemos atopar bitácoras, antigos equipos de salvamento, maquetas, maquinaria ou pezas de carpintería de ribeira, en xeral procedentes de embarcacións desta zona denominada Seno de Corcubión.

Museo mares de Cedeira

Como sucede co resto de A Coruña, na zona de Cedeira o mar forma parte do seu sangue, da súa propia identidade. É por iso que, nesta vila de tradición náutica, atopamos un museo do mar que pretende poñer en valor e divulgar ese patrimonio.

As pezas expostas van dende fósiles ata pezas da arte pesqueira, como os “raños” para os berberechos. As coleccións están conformadas por pezas que proveñen de distintos lugares, como as doazóns dos propios veciños, que queren así participar nesta mostra da súa historia.

Así, se queres coñecer unha visión máis dese irrompible vínculo entre A Coruña e o mar, non dubides en parar en Cedeira, unha vila mariñeira dende a que podes ver o faro de Punta Robaleira, e visitar o seu museo do mar.

Redes (Porto de Redes)

Este pequeno pobo, situado no municipio de Ares, atópase a apenas media hora de A Coruña. É un exemplo actual da tradición da Galicia mariñeira, coas típicas edificacións de pouca altura, cores diversas e galerías en madeira.

O seu nome, Redes (ou Porto de Redes) débese precisamente ás redes utilizadas polos mariñeiros, que se colgaban ao sol trala xornada de pesca. Hoxe en día mantéñense as estruturas de madeira nas que se colgaban estes aparellos.

Algunhas das casas están excepcionalmente preto do mar, permitindo así que os propietarios chegaran rápido ás embarcacións. O estilo de moitas delas ven das Américas, xa que foron construídas polos emigrantes cando volvían ao seu pobo natal con cartos para edificar os seus fogares. Estas construcións combínanse coas propias do casco central, más urbanas.

Este pobo tamén é coñecido por ser escenario de series como a famosa “Padre Casares”, máis non só isto, xa que tamén forma parte dos platós de rodaxe de dúas películas de Pedro Almodóvar: “Julieta” e “Silencio”.

O mar baña a Avenida de A Mariña, e ao fondo as fachadas de cristal
O mar bañando as costas de A Mariña (A Coruña)

Se queres coñecer máis lugares sobre a Coruña, podes consultar a súa páxina de turismo.

E recorda, se queres coñecer A Coruña dende o mar, non dubides en contactar con nós. Na nosa Ruta Salgada incluímos unha degustación a bordo, para percibir A Coruña e o mar con tódolos sentidos.