Seguindo a ruta dos faros da Costa Ártabra dende o cabo Ortegal chegamos ata A Coruña. No seu extremo situado máis ao norte atópase o faro que, dende a época dos romanos, permanece sinalando o camiño aos mariñeiros. É a coñecida Torre de Hércules, actual símbolo da cidade de A Coruña.
Na entrada anterior percorremos xuntos a Costa Ártabra, parando nos sete faros que a representan. Comezamos no Cabo Ortegal, co seu faro de finais do século XX, pasando por Punta Candieira, cun faro que tardou vinte anos en comezar a funcionar, e pola vangardista torre de A Frouxeira, por exemplo. Así, descubrindo algúns dos cantís mariños máis altos de España, chegamos a Mera, dende a que observamos xa o faro de A Coruña.
Índice de contenidos
Historia da Torre de Hércules.
Na actualidade crese que a torre foi construída no século I polos romanos a partir dunha construción previa, posiblemente un lugar de culto, dos pobos naturais da zona. O máis probable é que o arquitecto encargado da remodelación fora Gaio Sevio Lupo, xa que se conserva unha inscrición conmemorativa co seu nome na base da torre.
O faro achábase nas proximidades de Brigantium, unha das urbes máis occidentais do Imperio Romano, próxima ao seu Finis Terrae, e que tempo despois evolucionaría ata converterse na actual cidade da Coruña.
A construción do faro polos romanos foi froito da necesidade de asegurar a navegación da zona, xa que para a época o seu tráfico marítimo era moi frecuente, non só pola importancia comercial de Brigantium, senón tamén porque era zona de paso para as armadas romanas que ían cara Britania ou calquera zona da costa norte do Imperio.
Así, o faro marcaba o punto onde debían virar as proas dos barcos cara o norte, xa que naquela época os traxectos realizábanse bordeando a costa, ou indicaba a entrada do Golfo Ártabro para aquelas naves que buscasen amarre ou refuxio.
Coa caída do Imperio Romano a actividade marítima de carácter comercial decaeu moito, polo que coa desaparición da necesidade de alumear o horizonte, o faro acabou caendo no abandono e na ruína coa chegada da Idade Media. Ademais, comezaron a producirse incursións normandas que provocaron un abandono case total de Brigantium, xa que os seus habitantes migraron a posicións menos expostas a estes ataques.
Polo tanto, durante esta época as ruínas do faro posiblemente só servisen como torre de vixilancia para dar aviso ás localidades próximas da chegada dos normandos.
Xa cara ao final da Idade Media e co descenso dos ataques inimigos por mar, no ano 1208 o asentamento de Brigantium foi refundado, xa co nome de Coruña, polo rei Alfonso IX. Foi paulatinamente repoboada cos habitantes das poboacións da contorna.
Os diferentes reis foron tomando medidas que favoreceron a prosperidade e crecemento da poboación, chegando a obter no ano 1446 o título de cidade por Juan II. Durante esta época de rexurdimento da poboación a estrutura do faro foi espoliada como fonte de pedra para outras construcións, como o castelo de San Antón ou as murallas da propia cidade.
A mediados do século XVI e co florecemento do comercio marítimo entre a Península e o resto de Europa e cos territorios americanos de recente colonización, na Coruña medrou a necesidade de tomar medidas para a recuperación da torre, como evitar o espolio das súas pedras ou a construción dunha escaleira interna de madeira.
Debido á aparición do faro nas cartas náuticas da época é de supoñer que as medidas tomadas neses aspectos devolvéronlle ao faro a súa función de guiar as embarcacións nas súas travesías pola zona, despois de varios séculos tendo a súa luz apagada.
A finais do século XVII encárgaselle a Amaro Antúnez, arquitecto coruñés, outra obra de mellora da Torre de Hércules. Así é como aparece un balcón na parte superior e a estrutura necesaria para soportar dúas lámpadas que funcionaban con aceite.
O afianzamento do porto da Coruña como un dos máis importantes da Península a finais do século XVIII e a situación no mesmo Golfo Ártabro do porto de Ferrol, base da armada española, levaron ás autoridade a tomar a decisión de levar a cabo unha restauración e modernización completa do faro.
En xaneiro de 1788, o Rei Carlos III autorizou esta restauración, que foi financiada polo Consulado do Mar. O proxecto elaborouse entre marzo e xuño dese ano, polo enxeñeiro militar Eustaquio Gianninni, en estreita colaboración con José Cornide, un dos máximos expoñentes da Ilustración en Galicia. Esta colaboración permitiu que a restauración do faro, máis aló de cumprir cos obxectivos de manter as funcións do faro, conservara en gran medida os restos romanos existentes na estrutura, converténdose nun exemplo de restauración respectuosa dun monumento antigo.
Ao longo dos séculos XIX e XX o sistema de alumeado do faro foise mellorando seguindo os adiantos que se ían producindo no sector, destacando en 1847 a actualización do sistema de deflectores, ou a electrificación do faro no ano 1927.
No ano 2009 o faro pasou a formar parte da lista de Patrimonio Mundial, gracias ao seu alto grado de valor histórico e cultural, sendo o único faro romano que permanece activo na actualidade.
Como é na actualidade.
O perfil exterior actual do faro é ben coñecido por todos. Trátase dunha torre de base cuadrangular situada sobre unha plataforma case circular de 32,40 metros de ancho que a sitúa por riba do terreo. Por riba da torre cuadrangular sitúase outra sección, xa pertencente en exclusiva á restauración do século XVIII, máis estreita e con planta octogonal. Esta fracción está coroada á súa vez por outra sección aínda máis estreita e tamén octogonal, que alberga a lámpada do faro na súa cúpula acristalada, e por un característico pináculo no lado sur occidental que contén unha escaleira de caracol para acceder á lámpada e que serve tamén como base para o pararraios.
Cada un dos catro lados da base da torre mide arredor de 11,75 metros aproximadamente, sobre os cales se erguen os 55 metros da altura total do faro. Desta altura, á construción orixinal corresponderíanlle 34 metros, e os 21 metros restantes son en exclusiva da restauración.
A estrutura orixinal atópase oculta baixo a fachada que se lle engadiu no século XVIII, e posúe 3,2 metros que se atopan soterrados baixo a plataforma sobre a que se sitúa o faro, a cal foi engadida a comezos do século XIX.
No ano 1992 realizáronse traballos de carácter arqueolóxico na base da torre, o que permitiu a datación da mesma, así como o achado de diversos obxectos de orixe romana e da inscrición conmemorativa pertencente ó suposto arquitecto encargado da construción do faro.
Na actualidade, ademais de exercer a función para a que foi creada, a Torre de Hércules é un dos principais atractivos turísticos da cidade de A Coruña, achegándose a ela miles de visitantes todos os anos.
Para incrementar o atractivo turístico do faro, a península na que se sitúa atópase totalmente preparada para acoller aos visitantes e proporcionar multitude de puntos de interese. Así existen varias rutas que percorrer, un rico parque escultórico e o característico mosaico circular de 25 metros de diámetro que representa unha rosa dos ventos.
Sabías que…
A pesar de que o faro se chame torre de Hércules, na súa orixe nada tiña que ver con este heroe. Foi Alfoso X o Sabio quen conta nunha das súas obras que a torre foi construída por Hércules. Posteriormente outros autores crearon historias baseadas nesta afirmación e o nome de Hércules xa quedou asociado co faro para sempre.
Outra lenda de orixe irlandés contaría que a torre foi levantada polo heroe mitolóxico Breogán, quen está representado nunha das esculturas do contorna do faro, despois de someter aos pobos da zona e fundar Brigantium.
En 1858 a raíña Isabel II tiña planeada unha visita ao faro. Para tal acontecemento realizáronse varias obras menores de embelecemento para acoller á monarca, como a colocación de papel estampado e falsos teitos de madeira que ocultaban as cúpulas romanas. Finalmente a raíña cancelou a visita e estes elementos quedaron instalados case medio século, ata que no ano 1905 foron retirados grazas ás queixas de visitantes e intelectuais.
Se queres subir ao faro terás que superar un total de 244 chanzos. Ese é o “prezo” por facer cume no cuarto faro máis alto de España, só superado polo faro de Chipiona, o faro de Morro Jable e o faro de Maspalomas.
E con isto chegamos ao final desta pequena viaxe, pero faremos máis xuntos!.
Se tes curiosidade, vémonos para a próxima! Mentres recorda que podes visitar a costa da Coruña no noso Galeón Punta Pragueira: contáctanos en Marabaixo.
Se queres facer o Camiño de Santiago, estes faros forman parte do chamado Camiño do Mar, unha adaptación do coñecido Camiño Inglés. Podes consultar itinerarios na seguinte ligazón: https://www.caminodesantiago.gal/es/planifica/las-rutas/camino-ingles