Nas entradas anteriores falamos sobre algúns dos máis coñecidos faros de Galicia, como a famosísima Torre de Hércules. Os faros son, en esencia, balizas de sinalización activa que emiten unha sinal luminosa e, en casos concretos, tamén sonora. Na actualidade esta non é a única función dos faros, pero sigue a ser a súa fin principal.
Así, as balizas son obxectos que indican ou sinalan un lugar xeográfico ou un potencial risco. Poden ser balizas activas como os faros, ou pasivas, que non emiten sinal algunha, como as boias náuticas, sobre as que falaremos nesta entrada.
As boias de sinalización náutica defínense, polo tanto, como balizas flotantes que xeralmente están ancoradas ao fondo do mar para evitar que perdan a súa posición concreta. Aínda que teñen distintas finalidades, os seus obxectivos principais poden resumirse en orientar e protexer as embarcacións e aos navegantes, sinalando obxectos somerxidos, permitindo a estabilización do navío e evitando colisións.
A súa tipoloxía é moi variable, sobre todo debido a que tamén son moi diversos os seus usos. Pese a isto, xeralmente son estruturas lixeiras, recheas de gases ou de escuma de polietileno, que flotan gracias ao principio físico de Arquímedes.
Índice de contenidos
Tipos de boias marítimas.
- Boias de fondeo: funcionan como guía, marcando as zonas marítimas onde se pode navegar de maneira segura. Están lexisladas a nivel internacional polo Sistema de Balizamento Marítimo.
- Boias salvavidas: son boias que van unidas ás embarcacións e teñen como finalidade ser lanzadas ao mar en caso de que sexa necesario socorrer a unha persoa do mar.
- Boias DART: boias de sinalización específica para tsunamis e maremotos. Detectan movementos nas mareas que avisan con certa antelación dun posible tsunami.
- Boias de sinalización de zonas de recreo: a súa presencia é habitual en zonas de baño, como praias e outras áreas de recreo. Limitan as zonas nas que as embarcación poden navegar, separándoos dos bañistas e limitando así os accidentes. Xeralmente son rechamantes, para facilitar a súa visibilidade, e tratadas para que sexan tan duradeiras e resistentes como sexa posible.
- Boias de amarre: utilízanse para amarrar embarcacións fora do embarcadoiro. Son macizas e deben estar ben aseguradas ao fondo, para manter a súa posición fronte ao clima. Especialmente deseñadas para resistir tanto temporais como colisións. As boias meteorolóxicas e oceanográficas poden incluírse neste tipo, xa que ademais de tomar medidas son boias de amarre.
- Boias articuladas: normalmente sitúanse en zonas de pouco calado e pouco espazo, como indicación para as embarcacións e regulación do tráfico das mesmas. Están feitas a medida para as zonas nas que se localizan.
- Boias para submarinistas: deben ser utilizadas por submarinistas e nadadores de augas abertas, xa que sinalan a súa posición e axudan a ser advertidos dende as embarcacións. Son, usualmente, lixeiras e de fácil transporte e manexo.
- Outras: sonoboias, para localizar submarinos; correntómetros, que miden as velocidades das correntes; respondedoras, emiten respostas concretas en función da situación na que se encontre unha embarcación,
De acordo ao material co que están feitas as boias marítimas, que usualmente tamén vai vinculado aos seus usos, podemos distinguir outras boias como:
- Boias de aceiro: teñen unha estrutura tradicional, que se mantén dende fai tempo. Precisan flotadores, que son tratados para aumentar o seu tempo de vida.
- Boias de polietileno: os flotadores deste material teñen boa estabilidade e van acompañados de partes metálicas. Son moi versátiles, xa que se poden personalizar para adaptalas a moitos usos.
- Boias de espeque: son boias de elastómero, pequenas e lixeiras. Son visibles e de instalación sinxela, cun flotador elástico e lixeiro. Son boias moi resistentes aos impactos.
- Boias de elastómero: son moi estables e difíciles de afundir, incluso fronte a grandes impactos. Son resistentes ás deformacións.
Funcións de distintas boias marítimas
Como xa comentamos na introdución e na breve descrición dos distintos tipos de boias, estas teñen dúas finalidades esenciais, unha delas é a sinalización e outra a defensa.
Sinalizan diversas localizacións, dende puntos de amarre separados dos embarcadoiros, ata restos de naufraxios. Quizais as boias de sinalización náutica máis importantes son as que nos indican as canles navegables, que todo navegante debe coñecer.
Sen embargo, non se deben descoidar aquelas boias marítimas que nos indican a presenza de submarinistas, xa que se atopan nunha situación especialmente vulnerable respecto ás embarcacións. Tamén son interesantes as boias que sinalan a presenza de nasas e outras artes pesqueiras.
Outro tipo de sinalización é a das boias marítimas meteorolóxicas e oceanográficas, por aportar datos de interese científico. Estes datos son utilizados de forma inconsciente na nosa vida diaria, por exemplo cando consultamos as previsións do tempo.
No que se refire á defensa, implica tanto ás embarcacións como ás propias estruturas portuarias. Así, utilízanse nos barcos para protexelos fronte a colisións con outras embarcación ou mesmo coa propia zona de amarre. Tamén están situadas nos peiraos, para facilitar os atraques. As características destas boias varían dependendo do tamaño e características das embarcacións que atracan nese porto.
A importancia dunha boia de calidade e dunha localización adecuada.
As boias marítimas que deben utilizarse en circunstancias concretas están definidas e lexisladas, e así, da mesma maneira que o Sistema de Balizamento Marítimo regula a sinalización das canles navegables tamén determina as boias que debe levar cada tipos de embarcación. Así, un navío debe seguir a normativa internacional do RIPA e a nacional seguindo a Lei Nacional de Navegación Marítima do país no que navegan.
Paralelamente, os pescadores deben seguir unhas normativas para marcar os lugares onde deixan as nasas, ou o paso das redes, por exemplo. De maneira similar, nos portos as boias e sinalizacións seguen unha lexislación concreta, establecida a nivel nacional e internacional.
Así, ademáis da lexislación pertinente, deben cumprirse uns estándares de calidade en canto ao material utilizado, así como de coidado na localización das boias. Isto ten como obxectivo dous puntos esenciais: aumentar o rendemento para minimizar custes e protexer o medio no que se sitúan estas balizas.
Fai uns anos atopouse unha boia galega, pertencente a un pescador da ría de Muros e Noia, nas costas das Illas Canarias. Esta boia náutica, feita artesanalmente para mellorar a súa calidade e durabilidade, navegou á deriva durante aproximadamente un ano, ata alcanzar as costas canarias. Este suceso tan especial e improbable pon en relevo a importancia que ten non deixar nada á deriva, xa que ao final o mar queda con todo o que nós deixamos atrás. Por iso é tan importante asegurarnos da calidade, resistencia e subxección das nosas boias marítimas.
Por outra banda, xa indicamos que as boias marítimas usualmente están ancoradas ao fondo por un peso (ao que chamamos morto) e unha cadea. Este amarre é esencial porque é o que permite que a boia manteña a súa posición, o que é básico nos casos nos que esta boia ten como finalidade marcar ou controlar características dunha localización concreta, como sucede nas boias de sinalización marítima. En aquelas situacións nas que as boias funcionan como amarres de embarcacións, que non se movan e resistan as condicións meteorolóxicas máis desfavorables é tamén algo fundamental.
Por todo isto, debe coidarse non só a calidade do material utilizado senón tamén un bo estudo do lugar onde se vai situar ese peso. Cando se pousa nunha zona de algas, por exemplo, córrense dous riscos importantes: danar o ecosistema ao matar esas algas e a vida que as rodea, e o posible desprazamento desa boia e o seu morto por escorregamento nunha superficie pouco apropiada.
A boia do Chino.
Coñécese como “boia do Chino” á baliza que sinala o pecio do barco Rytterholm, que afundiu no ano 1976 á altura de San Amaro. Os restos desta embarcación localízanse a 30 metros de profundidade e son un dos máis visitados da costa galega.
O Rytterholm era un barco mercante que tras unha serie de problemas coa súa carga, provocados por un importante temporal, intentou atracar no porto. Sen embargo, debido aos riscos dese mesmo temporal iso non foi posible. Ao final o barco comezou a afundir preto das costas da Coruña, polo que se iniciou unha operación de rescate da tripulación.
Nesta operación todo ía ben e a tripulación puido saír da embarcación e chegar a porto, con unha única excepción: o cociñeiro chino do barco. Cando intentaron sacalo afirmou que non ía abandonar o barco e terminou por afundir con el.
Así, hoxe en día unha boia marca o punto do naufraxio, onde se atopan os restos da embarcación, e tamén cumpre unha función orientativa para marcar o camiño ás embarcacións. E polo sacrificio deste tripulante é coñecida aínda na actualidade como a “boia do Chino”.
Se vas saír ao mar e non estás seguro de cal é o equipo de salvamento que debes levar, podes consultalo en http://www.salvamentomaritimo.es/mejora-tu-seguridad/navegacion-de-recreo/antes-de-zarpar/equipo-y-material-de-seguridad-obligatorio-a-bordo
Recorda que a lista inclúe as boias salvavidas!
Nas nosas viaxes en marabaixo confirmamos que temos todo o equipo necesario, para que sexa seguro, emocionante e divertido! Apúntaste?