Embarcacións tradicionais galegas: historia do galeón galego

  • 6 minutos de lectura
  • Turismo
6 minutos de lectura

Embarcacións tradicionais galegas

A costa galega ten unha grande riqueza paisaxística, biolóxica e económica. Por esta razón, dende hai séculos, os mariñeiros utilizaron as embarcacións tradicionais galegas para traballos de pesca, marisqueo ou transporte de mercadorías. 

As nosas rías foron navegadas por diferentes embarcacións que forman parte do patrimonio marítimo do pobo galego. Non se podería entender a nosa cultura mariñeira tradicional sen elas.

A grande diversidade das nosas costas, a necesidade de adecuarse a diferentes traballos ou o cruce de culturas atlánticas e cantábricas que é Galicia explican a variedade das embarcacións tradicionais galegas.

Se queres coñecer mellor a nosa historia e as diferentes embarcacións tradicionais galegas acompáñanos neste percorrido para poñer en valor unha parte importante do noso patrimonio: empezamos polo galeón!

Galeón galego

A embarcación máis tradicional das nosas rías é o galeón galego. Se estás pensando nos grandes galeóns españois estás moi equivocado. Esta embarcación é de pequenas dimensións, polo que se empregaba para o transporte de mercadorías entre as cidades e vilas das nosas rías.

O seu tamaño, que se aproximan aos 8 metros de eslora e 2,5 metros de manga, facilitaba levar todo tipo de produtos, coma peixes, en zonas costeiras, rochosas ou perigosas para grandes barcos, mais non aturaba entrar en mar a dentro. Ademais, permitía transportar varios mariños na mesma embarcación, ao redor de oito.

Desde os anos 30 até os 60, coa incorporación dos motores, moitos destes barcos foron desarmados. Porén, actualmente seguen a empregarse nas nosas rías, xa que moitos foron restaurados para actividades turísticas, de lecer e recreativas.

Un destes barcos tradicionais galegos que “se salvou” foi o Galeón Punta Pragueira, que podes coñecer en Mar Abaixo: contacta connosco para navegalas augas da Coruña!

Paseos en barco por Coruña
Galeón Punta Pragueira

Traiñeiras

Esta embarcación non é de orixe galega, pero foi importada entre finais do século XIX e comezos do XX dende outras rexións cantábricas. A súa grande difusión polo noso territorio débese a que era empregada para pesca de xurelos e de sardiñas, peixes moi comúns no noso litoral.

As traiñeiras podían transportar entre 14 e 20 persoas, que rodeaban os bancos de sardiñas  cos remos. Esta embarcación permitía chegar moi rápido a lonxa co peixe fresco, pero o seu uso foi esmorecendo a partir dos anos 30 coa chegada dos barcos de vapor.

Hoxe en día utilizase en moitas localidades do país, pero con finalidades deportivas. Son ducias os clubs deportivos que compiten na Liga Galega de Traiñeiras, entre os que podemos destacar o Club Regatas Perillo. En Cantabria, e sobre todo no País Vasco, tamén se empregan en eventos deportivos.

Traiñeira unha das embarcacións tradicionais galegas
Traiñeira da Cabana

Buceta 

A buceta é unha embarcación tradicional galega que tivo moita difusión nas rías de Muros e Noia. A proa e a popa teñen a mesma forma e permite a posibilidade da incorporación dun motor fora da borda.

“A buceta é de forma simétrica, cuxa eslora rolda os 5 metros. A proa e a popa son rectas.”

Como non podía ser doutro xeito, está construída con madeira. Isto, ademais da utilización dos remos e das velas de relinga ou mística, permite a rapidez e a lixeireza precisa para as faenas de pesca, polo que foi moi empregada polos mariñeiros da costa galega nas primeiras décadas do século XX. Especialmente, utilizouse para pesca en liña, pero tamén para o marisqueo con aparellos pequenos.

Embarcacións tradiconais galegas.: a buceta
 Buceta A Fanequeira – Bouzas

Chalana

A chalana é unha das embarcacións tradicionais galegas por excelencia, sendo quizais a máis utilizada en Galicia. O seu pequeno tamaño, entre 4 ou 5 metros, explica que fose empregada coma embarcación auxiliar doutras de maiores dimensións nas pescas de polbo e choco. Non obstante, nas zonas máis costeiras utilízase para o marisqueo de proximidade.

Aínda que tamén se pode navegar con vela, na inmensa maioría dos casos utilízase con remos, que permiten manexala mellor. A súa construción realízase con madeira, caracterizándose polo seu fondo plano.

Os diferentes usos ou as dimensións da proa e popa ou da súa forma explican a variedade de tipos de chalanas que existen no noso litoral:

  • Lanchas ou barcas na zona de Cambados
  • Choupán en Marín

Algunhas pódense empregar para transportar persoas ou mercadorías en zonas de pouca profundidade, coma as nosas rías ou ríos.

Embarcacións tradicionais galegas: a chalana
Chalana Caíño – Cambados

Dorna

A dorna é a embarcación máis tradicional das Rías Baixas. Utilízase para pescar, polo que existen diferentes variacións entre localidades en función das Rías e das artes de pesca que se empregan en cada comarca.

Desde a Ría de Arousa até A Guarda, a dorna segue ser unha embarcación moi frecuente, pódese atopar na actualidade con facilidade en diferentes localidades como, A Illa de Arousa, Bueu ou Marín. 

Entre as dornas máis tradicionais destacan:

  • A dorna meca: debe o seu nome aos estaleiros do Grove onde foi construída por primeira vez.
  • A dorna de tope: debe o seu nome a técnica empregada para súa construción.
  • A dorna polbeira: emprégase para pesca do polbo e o marisqueo. É a dorna máis popular no país.

As orixes da dorna remóntanse as invasións viquingas que sufriu a costa de Galicia entre os séculos IX e XII, sendo moi similar nas súas tipoloxías as embarcacións nórdicas e dos normandos.

Embarcación tradicional galega: a dorna
Dorna polbeira Bicoca – Portonovo

Goleta

Esta embarcación tradicional galega procede de Turquía. Pódese definir como un buque de vela, que pode ter dous mastros, coma un bergantín. Nalgunhas ocasións pode ter máis mastros. De feito, os diferentes modelos ou tipos de goletas clasifícanse en función do número de mastros.

“Para a súa construción o material máis empregado é a madeira.”

As súas características permitían que se empregase con diferentes finalidades nas rutas marítimas do Cantábrico e a Península Ibérica:

  • Comercio de mercadorías
  • Pesca
  • Transporte de carbón, madeira e sal
Embarcación tradicional galega: a goleta
Goleta Evangelina Uno – Rianxo

Non obstante, como sucede cos galeóns galegos, hoxe en día empréganse para navegalas a nosas costas con fins recreativos. Se ti tamén queres surcar as ondas do mar nunha embarcación tradicional galega so tes que contactar con Mar Abaixo: desfruta dunha apaixonante aventura pola ría da Coruña!

Fonte das fotos externas (2, 3, 4 e 5): XIIº ENCUENTRO – CABOCRUZ 2015