A Coruña destaca pola súa costa e praias, os seus monumentos e o estreito vínculo que ten co mar. Ademais, ten gran relevancia como punto de interese no Camiño de Santiago, especialmente pola proximidade a Santiago de Compostela. Sen embargo, isto non é o único que cabe destacar. Non se poden mostrar as características máis interesantes desta cidade sen ter en conta as súas festas.
Así, ao longo de todo o ano atopamos diversas celebracións, a maioría asociadas a datas relixiosas, como é propio do noso país. Outras asociadas ao mar ou á música. Ao final, todas elas co obxectivo de desfrutar desta marabillosa cidade, aportar un tempo de lecer de calidade e poñer en valor a cultura e as tradicións galegas.
A maioría de festividades máis famosas agrúpanse, como é habitual, na época estival. Pero tamén hai outras datas relevantes ao longo do ano, como por exemplo o Entroido.
Índice de contenidos
Entroido
É a primeira das festas do calendario, especialmente importante e tradicional en toda Galicia. En algunhas localizacións como Verín, Laza ou Xinzo de Limia esta festividade está considerada como Festa de Interese Turístico de Galicia.
As súas datas veñen definidas polo calendario relixioso, de acordo co comezo do período de coresma. Mais, pese a que varíen as datas concretas si que se teñen definidos os días de celebración: o luns e martes de Entroido ou o mércores de cinza.
Unha das razóns que fan que esta tradición estea tan arraigada en toda Galicia é que durante a ditadura española as celebracións do Entroido galego mantivéronse a pesar da prohibición, persistindo as tradicións nas aldeas e as festas nas zonas urbanas.
Como sucede coa maioría de Entroidos galegos, o da Coruña ten tamén un concurso e desfile de comparsas e de disfraces, así como un peche de festa marcado polo enterro da sardiña. Ademais, estas festas inclúen tradicións propias, entre as que destacan as ofrendas a Nito, unha personaxe destacada deste entroido, e a entronización do deus Momo, co seu trono do Obelisco, dende onde vixía que a festa e o desfrute duren.
San Xoán
A noite do 23 de xuño, a máis curta do ano, ten lugar en A Coruña a que é unha das súas festas máis famosas e importantes. É a nosa noite meiga por excelencia, durante a que se prenden as fogueiras e compártense as sardiñas e os cachelos.
A bebida desa noite, que da luz e cores co seu lume, e música co seu conxuro, é a queimada. A finalidade é, ademais de desfrutar dunha bebida a base de augardente e azucre, espantar aos malos espíritos.
Na cidade de A Coruña as praias son un dos puntos clave da noite, xa que moitas fogueiras préndense nelas. Tamén nas principais prazas da cidade, onde tamén se reparten as xa citadas sardiñas e a queimada.
As actividades que teñen lugar para celebrar a noite de San Xoán comezan xa durante a tarde, e na actualidade inclúen concertos, fogos artificiais, etc.
O Carme
As festas do Carme fanse en honor á Virxe do Carmen, patroa dos mariñeiros. Por isto en Galicia, especialmente en localidades de costa, é unha festa de gran relevancia, relixiosa e popular.
Celébrase o día do Carme, o 16 de xullo. Aínda que é normal que as festas inclúan o día anterior ou o seguinte.
As celebracións inclúen, como en outras moitas festas, concertos e verbenas, actividades para os cativos e degustacións gastronómicas. Pero tamén, como é propio desta data concreta, procesións marítimas e ofrendas florais.
Así, nos barrios cunha tradición pesqueira máis destacada da cidade de A Coruña, engalánanse as embarcacións para sacalas ao mar, acompañadas de luces e música. A celebración tamén inclúe unha misa, coa salve mariñeira.
Entre os barrios da Coruña que participan activamente nestas festas atopamos Feáns, Os Castros, Mariñeiros-Peruleiro ou San Pedro de Visma-O Portiño.
Feira das Marabillas
Feira que neste ano 2023 celebrou a súa XXVII edición. Sitúase no casco histórico da cidade entre o 21 e o 25 de xullo. É unha feira medieval con xornadas nas que podemos atopar malabaristas, bufóns ou titiriteiros, caracterizados de forma apropiada para homenaxear á Idade Media.
Tamén hai unha gran cantidade de postos con artesanía e gastronomía. Sen esquecer os concertos, os torneos e as xustas. Tamén é interesante o espazo dedicado aos máis cativos, así como actuacións na rúa.
Ademais, durante a celebración desta Feira ten lugar o Encontro de Música Medieval na igrexa de Santiago. Este Encontro non é unicamente interesante a nivel musical senón pola oportunidade de desfrutar desta fermosa igrexa coa mellor ambientación posible.
Feira de Artesanía
Este ano celébrase a XXXIX edición desta feira, que dura dende o 29 de xullo ata o 27 de agosto. Localízase nos xardíns Méndez Núñez e inclúe uns 70 postos de artesanía que van dende calzado, xoguetes, cerámicas ou madeira ata xoiería, arte floral ou traballo de papel e cartón.
Todos os produtos que se venden nesta feira teñen a garantía de cada obradoiro e tamén da Asociación Galega de Artesáns. Así, promóvese a tradición e culturas artesanais de Galicia, animando ao consumo de proximidade e do pequeno comercio.
Festas de María Pita
Son consideradas as festas máis famosas e importantes de A Coruña, tanto pola súa duración durante todo o mes de agosto como pola multitude de actividades que inclúen, dende festivais ate feiras e eventos.
O ano 1850 foi o primeiro no que se levou a cabo esta festividade, que leva celebrándose dende entón. Entre as celebracións destas festas inclúese unha gran Batalla Naval, homenaxeando a María Pita, unha das imaxes da cidade e a figura representativa da súa praza principal, e a súa heroica resistencia fronte a invasión inglesa.
Inclúen varias feiras e festivais que se van desenvolvendo ao longo de todo o mes. Entre eles:
Feira do Libro Antigo
Evento que ten lugar nos xardíns de Méndez Núñez e dura ata comezos de setembro. Participan múltiples librerías, entre cuxas ofertas inclúen libros de historia, ficción, cómics e un longuísimo etcétera.
Festival do Noroeste Pop Rock
Celébrase entre o 10 e o 14 de agosto. Este Festival ten múltiples escenarios, repartidos por toda a cidade en lugares como a Praia de Riazor, Campo da Leña, o Castelo de San Antón ou o Museo Casares Quiroga.
Do mesmo xeito que son variados os seus escenarios tamén o é a oferta musical, xa que inclúe as actuacións dun gran número de artistas de distintos estilos como indie, rock, pop…
Festival Internacional do Folclore
Con máis de 35 anos de historia, este festival forma parte das festas de María Pita e ten lugar entre o 10 e o 14 de agosto.
O seu obxectivo e achegar á cidade de A Coruña as culturas de outras comunidades e nacións. O instrumento para esta transmisión cultural é o baile e a música. Buscan así establecer vínculos entre os diferentes pobos a través do seu folclore e tradición.
Festival Manicómicos
Neste ano o Festival Manicómicos era o previo ao comezo das festas de María Pita, celebrándose entre o 21 e o 30 de xullo.
A súa programación inclúe pasarrúas e representacións que mostran o traballo realizado pola asociación para formar e divulgar a comedia e o teatro.
Festa do Globo de Betanzos
Esta celebración ten lugar durante as festas de San Roque, a mediados de agosto. Ten lugar, como xa indica o seu nome, en Betanzos, cidade localizada na provincia de A Coruña.
Durante estas festas atopamos embarcacións engalanadas e decoradas, grilandas pola cidade e música de charangas amenizando as rúas.
O momento máis destacado ten lugar a noite do 16 de agosto. Consiste no lanzamento dun aeróstato non tripulado, fabricado artesanalmente a base de papel calcificado, tratando así de manter a tradición. O seu obxectivo é homenaxear a San Roque, quen é o patrón de Betanzos.
Estas non son as únicas festas de A Coruña, pero si son algunhas das máis destacadas. Así, se andas preto de aquí cando teñen lugar algunha delas… non dubides en achegarte.
E recorda, que calquera das festas do verán é bo momento para desfrutar dunha das nosas rutas polo mar de A Coruña. Sempre queda tempo, entre concerto e concerto, para unha boa viaxe en barco.