Turismo e residuos: xestión do impacto ambiental

7 minutos de lectura

Cando practicamos turismo xeramos un impacto ambiental considerable, cuxo peso é importante especialmente tendo en conta a cantidade de fluxo turístico que se da na actualidade. Así, este impacto sobre o medio ambiente vai dende o desgaste do patrimonio ou a contaminación por combustibles ate o que nos ocupa neste artigo: os residuos que deixamos ao noso paso.

Restos visibles da pegada humana e os seus residuos nun fluxo de auga da costa
Restos da pegada humana e os seus residuos nun aceso á auga

O impacto ambiental do turismo

As actividades humanas, na máis ampla visión das mesmas, modifica o medio ambiente de forma xeralmente prexudicial. Isto é o que se denomina impacto ambiental. Este impacto vinculado a actividades concretas virá determinado por múltiples factores, que serán os que o definan.

Cando facemos turismo hai diferentes tipos de impacto ambiental posibles. Por exemplo, aquel derivado da necesidade do uso de medios de transporte para acadar o noso destino, os cales van contaminar en maior ou menor medida.

Outro tipo de impacto ambiental é o que vai asociado ao número de persoas que visitan un hábitat natural determinado. O feito de que en lugares onde habitualmente hai pouca ou ningunha presencia humana aparezan persoas a centos implica alteracións do medio ambiente a múltiples niveis. Poderían causar molestias ás especies animais da zona, producir residuos derivados das actividades humanas (envoltorios, envases, cabichas, produtos hixiénicos…), mortes non naturais de individuos vexetais e animais, compactación do solo, etc.

Na maioría dos casos a aparición deste tipo de impacto é imposible de eliminar totalmente, mais si está na nosa man minimizar a súa magnitude. Así, podemos escoller medios de transporte menos contaminantes, por exemplo.

E, en canto aos medios naturais, podemos comportarnos de forma cívica, xestionando de maneira adecuada os nosos residuos. Isto pódese ver en zonas protexidas, como as Illas Atlánticas de Ons e Cíes, onde non está permitido deixar ningún tipo de residuo (todo o que levas tes que traelo de volta contigo) e non se pode coller ningún animal ou vexetal. E, por suposto, non se poden deixar tampouco atrás: non queremos que aparezan especies invasoras!

Os residuos no mar

Tal como sucede en terra, o mar no  é alleo a sufrir o impacto ambiental orixinado polas actividades humanas. Os residuos son moi visibles ó navegar, e por iso queremos centrarnos neste asunto.

Dende Marabaixo queremos facer fincapé na necesidade de que os que somos usuarios de embarcacións esteamos concienciados máis que ninguén na problemática da vertedura de residuos no mar. 

Ao estudar a historia da humanidade queda comprobado que xa dende os comezos da civilización se verteron refugallos ao mar, pero non foi ata o século XX que se converteu nun verdadeiro problema.

Hai varios motivos que deron lugar a este aumento da importancia do problema de residuos nos mares. Por unha banda o rápido incremento demográfico mundial, por outra o aumento da industria e o desenvolvemento de materiais derivados do petróleo (por exemplo, plásticos) que tardan en descompoñerse centos de anos e son cada vez máis demandados. Así, ao vincularse ambos factores, con máis xente que demanda e tira cada vez máis produtos, aparece un problema do que todos somos conscientes na actualidade: todo o que tiramos remata nos océanos.

Desta forma, non hai día no que saiamos a navegar e non nos topemos coa visión de refugallos flotantes. Ou imos pasear ás veiras dun río para atoparnos restos de todo tipo. Ou percorremos as nosas praias para ver escuma densa, proba da contaminación existente, e envases flotando nas ondas.

Ás veces estes refugallos agrúpanse entre si formando masas flotantes, que teñen o seu máximo expoñente na denominada “illa de plástico do Pacífico ou Gran mancha de lixo do Pacífico”. Está localizada entre Hawai e California e ten unha extensión estimada en centos de miles de quilómetros cadrados. Foi descuberta en 1997 e está formada por botellas de plástico, restos de calzado e xoguetes, microplásticos, equipos de pesca e un longuísimo etcétera.

Estes refugallos son visibles, e ao estar agrupados, son relativamente fáciles de detectar. Mais debemos ter en conta que moitos máis estarán suspendidos na columna de auga e cubrindo os fondos mariños.

Estes residuos non son só un problema estético, se non que son un grave risco para a fauna que tanto nos gusta observar nas nosas travesías. Dende sempre se nos advertiu do risco que supoñen as argolas de plástico das latas nas que quedan atrapados peixes e tartarugas mariñas. Ou das enormes cantidades de plásticos que se atopan nos estómagos de animais, como as baleas ou aves mariñas.

Pero na actualidade estase a dar a alarma dunha consecuencia aínda máis grave, a transmisión de microplásticos ao longo da cadea alimentaria. Estes microplásticos son producidos ao irse desfacendo e descompoñendo os elementos plásticos máis grandes, quedando por exemplo unha pequena boliña como mostra dunha cabicha. Son inxeridos polos animais, para pasar logo aos outros animais que se alimentan destes. Isto inclúenos ás persoas, cuxos riscos para a saúde están sendo investigados na actualidade.

Que facer para reducir o impacto dos nosos residuos

Aínda que o problema dos residuos e o seu impacto é global, calquera xesto que fagamos pode axudar a mitigalo. Así, cando navegamos debemos coidar do que nos rodea, coidando de non tirar refugallos ao mar e devolver todo a terra para alí depositalos nos contedores apropiados.

Do mesmo xeito, podemos recoller aqueles restos que nos atopemos durante a nosa viaxe. Por iso mesmo, cando na nosa embarcación utilizamos envases para as nosas degustación, despois debemos gardar os restos de xeito seguro ata a volta a terra. Buscamos evitar, deste xeito, que caian ao mar nin tan sequera en caso de mares vivas.

Isto inclúe tamén ás cabichas, que moita xente tiraba pola borda pensando que non causarían ningún problema polo seu pequeno tamaño, cando na realidade é todo o contrario, xa que son de fácil inxestión por peixes de tamaño medio e son moi pouco biodegradables, permanecendo no medio durante moitísimos anos.

Outro refugallo que afecta moito ó ecosistema mariño, e moi relacionado coa navegación, son os aceites e combustibles derivados do petróleo que se verten nel. Estas verteduras débense habitualmente a escapes nas tarefas de carga de combustibles ou na limpeza das embarcacións. Polo tanto debemos ter especial coidado nas tarefas de mantemento das nosas embarcacións, xa que a capa superficial que forman estes residuos é mortal para o plancto, base de toda a cadea alimentaria mariña.

Finalmente, podemos contribuír diariamente a loitar contra este problema modificando os nosos hábitos de consumo. É importante reducir a nosa produción persoal de residuos e xestionar os que xeremos de maneira adecuada, depositándoos nos contedores adecuados. Desta forma axudamos a mellorar a eficiencia do sistema de xestión de residuos implantado no noso concello, xa que calquera desperdicio vertido indebidamente en terra é moi probable que remate no mar, sobre todo en localidades costeiras.

Para finalizar…

Recordade seguir uns poucos detalles nas vosas viaxes, tanto navegando como desfrutando da paisaxe que nos rodea:

  • Trata de deixar tras de ti o mínimo rastro posible. Leva de volta contigo todo o que leves
  • Ten coidado dos seres vivos que te rodean, tanto vexetais como animais.
  • Mantén as embarcacións, en caso de que teñas, en bo estado para reducir a pegada que deixe tras de si e realiza as tarefas de mantemento co máximo coidado posible para evitar verteduras ó medio.
  • Utiliza transporte público ou aquel de mínimo impacto sobre o ambiente.
  • Recicla, reutiliza e reduce o túa pegada!

Así, xuntos podemos manter os nosos mares nas mellores condicións posibles. Non só por nós ou pola natureza, se non por que as xeración vindeiras poidan desfrutar deste marabilloso recurso que se nos deu sen pedir nada a cambio.

Se queres aprender e participar en actividades sobre a xestión de residuos e a limpeza das nosas costas e, con isto, dos nosos mares, podes consultar as actividades de voluntariado de Adega, entre as que se inclúen limpeza de praias e ríos.