Faros de Galicia: os oito faros do Golfo Ártabro

11 minutos de lectura

Ao norte da provincia de A Coruña, no zona media do seu litoral, sitúase a chamada Costa Ártabra. Entre as vilas, paisaxes, praias e recunchos desta área atopamos unha serie de cabos que enmarcan catro rías. En cada unha desas puntas destaca a construción do faro, a figura que protexe aos navegantes fronte a forza do mar e os bruscos cantís.

O Golfo Ártabro.

Localización.

A Costa Ártabra é unha zona litoral que vai dende o cabo Ortegal, na ría de Ortigueira, ata a cidade de A Coruña. A combinación das rías que a conforman fai un efecto semellante a un ángulo de 90º, característico da silueta do norte de Galicia.

Polo tanto, chámaselle golfo Ártabro ou Arco Ártabro, antigamente Magnus Portus Artabrorum, á zona da costa que inclúe as rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, no norte de Galicia. Sería, así, a zona de costa correspondente ao comezo das Rías Altas e o final da Costa da Morte. A ría de Ferrol estírase un pouco cara ao nordeste, así como a de Ares, mentres que as de Betanzos e A Coruña estíranse cara ao sur.

É unha comarca natural que tamén se coñece como As Mariñas Coruñesas, que abren cara ao mar en forma de anfiteatro, enmarcado polos montes da Zapateira, O Xalo, Castromaior, Tieira, O Gato, Queixeiro, Capelada e Forgoselo. As costas que se abren nesta área presentan grandes cantís nos seus cabos, como é característico do norte de Galicia, o que fixo especialmente importante a construción dos faros.

A súa historia.

Anteriormente á romanización, esta área estaba habitada polo pobo dos ártabros, dos que provén o nome do golfo. Os ártabros, cuxo nome fai referencia “aos do norte”, proveñen do líder coñecido como Breogán, que segundo din sería o primeiro poboador de Galicia. A súa tribo estendeuse polo noroeste da Galicia lucense séculos antes da chegada dos romanos á  Península Ibérica. Parece ser que a súa forma de vida especializábase na navegación en barcas de bimbio.

Eran un pobo conformado, en principio, por tres tribos máis pequenas (brigantinos, lapatiancos e nerios) que ao unirse creaban un grupo moi poderoso no territorio. A súa influencia, cuxos vestixios observamos nos restos arqueolóxicos actuais, mantívose ata que os romanos chegaron á península, no 62 a. C.

Como sucede coa maior parte da costa galega, os rexistros arqueolóxicos mostran gran cantidade de castros costeiros e de interior, proba dos núcleos de civilización deste pobo. Entre eles atopamos o Castro de Elviña, o Castro de Meirás, o Castro de Pastoriza ou o Castro de Lobadiz. Xunto con eles tamén están presentes restos de cerámica e ourivaría da época, testemuñas do paso dos ártabros polo norte de Galicia, antes da ocupación romana.

A romanización trouxo consigo o cambio e evolución das construcións e estruturas, proceso que se pode observar hoxe en día nos deseños urbanísticos, na decoración, etc. Así, aparecen restos de vilas romanas como a de Cambre ou a de Caldoval.

Ruta dos Faros do Golfo Ártabro.

Recorrendo a costa Ártabra dende o leste cara ao oeste, para comezar coa ría de Ortigueira e rematar na cidade de A Coruña, atopamos oito faros. Hoxe imos falar dos sete primeiros, deixando así a Torre de Hércules, o faro de A Coruña e vixía antigo da súa costa, para a próxima entrada do blog.

Imaxe do faro de Cabo Ortegal xunto co seu mirador.
Faro de Cabo Ortegal (fotografía M. Froiz)

Faro de Cabo Ortegal

Este cabo sinaliza o final da ría de Ortigueira polo oeste, enfrontado a Estaca de Bares, a punta mais ao norte do país. Pertence ao municipio de Cariño e marca unha liña divisoria entre o Océano Atlántico e o mar Cantábrico. É, ademais, a segunda punta mais ao norte de España.

O faro, de construción moderna, ten esa estrutura típica cilíndrica, pintada en branco con unha grosa liña vermella horizontal, que destaca á luz do día para avisar aos navegantes dos perigos da costa que navegan.

Foi construído entre 1982 e 1984, deseñado polo arquitecto Jaime Arrandiaga. A estrutura chega case aos 13 metros de alto, o que xunto coa súa cor e a súa posición de vixía no alto do cabo, fano unha visión impoñente dende os barcos.

A finais do século vinte foi remodelado, ata alcanzar a estrutura que vemos na actualidade. Ademais de un cambio estrutural tamén se automatizou, controlándoo dende o porto de Ferrol. Do mesmo xeito, neste século actualizouse a súa fonte de enerxía para reducir o consumo e o impacto ambiental.

O faro de cabo Ortegal sinala o final da costa, xunto con tres grandes rochas situadas enfronte do mesmo. Estes picos reciben o nome de Tres Aguillóns e están datadas de ate 1160 millóns de anos de antigüidade. Sinalan, de maneira figurada e literal, a unión entre o Cantábrico e o Atlántico.

Ao visitar este faro dende o mar pódese apreciar a grande altitude dos acantilados situados ao oeste do mesmo. É o acantilado costeiro máis alto de España, con máis de 600 metros. Entre estes cantís destacan a Serra da Capelada, os acantilados de Vixía Herbeira e a Punta do Limo.

A visión destes acantilados xunto cos Tres Aguillóns e o faro son fascinantes e mostran o impoñente que é a costa norteña dende o mar. En moitos casos considérase o comezo ou final da ruta dos faros da Coruña.

Faro de Punta Candieira

Está localizado no municipio de Cedeira, a uns 8 km da localidade. O acceso por estrada está cortado cerca dun km de distancia do faro, tanto por seguridade como para protexer aos traballadores deste faro galego.

Sitúase a case oitenta metros sobre o mar. Construíuse en 1933, pero tardou máis de 20 anos en ser inaugurado, por mor de discusións sobre a idoneidade da súa localización. O edificio sobre o que se erixe o propio foco ten forma de U, como sucede con moitos dos faros galegos. Sobre el, e na cara que da ao mar, está a torre, de base octogonal, sobre a que se sitúa o foco do faro.

O faro de Punta Candieira ten 9 metros de altitude e nas últimas décadas foi actualizado e modernizado, sendo supervisado dende o porto de Ferrol.

As costas que vixía este faro son agrestes e escarpadas, con gran cantidade de illotes rochosos que poden observarse dende o mar e dende unha distancia segura na terra.

Faro de Punta Robaleira

Atópase, como o anterior, no municipio de Cedeira e na ría do mesmo nome, que dende 2009 considérase Reserva Mariña de Interese Pesqueiro. Concretamente este faro sitúase na zona chamada A Robaleira e non debe confundirse co faro de Punta Robaleira de Cangas de Morrazo. Esta punta atópase enmarcada por dúas praias, a da Magdalena e a de Vilarrube, formando unha península en cuxo extremo atopamos o faro.

Para chegar ao faro por terra é necesario recorrer o último tramo por un camiño de terra, ate alcanzar o edificio, de base cadrada sobre o que se atopa unha torre hexagonal que conforma o propio faro. Construíuse en 1861 a partir do deseño do enxeñeiro Celedonio de Uribe, despois de conseguir achegar os materiais de construción a través do mar, xa que a dificultade era moi grande dende terra.

Observando o faro e a súa zona dende o mar podemos ver as pequenas e íntimas calas que o rodean, como a Cala Miseñora ou a Cala Burbujas. Caracterízanse pola proximidade do bosque e porque, en xeral, teñen un acceso complicado e dependente das mareas dende terra.

Faro de A Frouxeira, de construción vangardista, rodeado de toxos
Faro de A Frouxeira (fotografía M. Froiz)

Faro de A Frouxeira

Situado sobre os cantís de punta Frouxeira, no concello de Valdoviño, este faro afástase da imaxe tradicional á que estamos acostumados, debido ao seu deseño vangardista. Os seus 47 metros de altura están decorados con cor azul e branco, para emular ás ondas do mar, facendo referencia á cor da auga e da escuma.  A súa luz indícalle o camiño a embarcación afastadas ata 20 millas náuticas.

En referencia á súa luz hai que destacar que no 2012 converteuse no primeiro faro de longo alcance en España en funcionar cunha lámpada LED, minimizando o seu consumo.

A súa construción remóntase ao ano 1992, iniciando a súa actividade dous anos despois, o que o converte nun dos faros máis modernos da zona. No ano 2008 sufriu unha remodelación na que se lle retirou a cuberta de cristal que tiña a fachada en orixe.

A pesar de ser un faro relativamente novo, podemos atopar fragmentos da historia baixo os seus pés, xa que se sitúa sobre unha rede de túneles que se escavaron nos anos 40 do século pasado, en resposta ao ambiente bélico que se respiraba naquela época debido á Segunda Guerra Mundial.

A zona onde se atopa este faro forma parte do Espazo Natural da Lagoa e Areal de Valdoviño. Dende o mar pode observarse a torre, enmarcada polas praias de A Frouxeira e a dos Botes, que acompaña atenta á Ermida da Virxe do Porto á beira do mar.

Faro de Cabo Prior

Este cabo pertence á parroquia de Covas, do municipio de Ferrol, e esténdese uns 4 km cara ao mar. Na punta chega a ter unha altitude de 171 metros sobre o mar, que descenden en forma de abruptos acantilados.

Sobre o seu extremo está situado este faro, que comezou a funcionar o 1 de marzo de 1853 e contan as crónicas da época que a súa luz chegaba a verse a unha distancia de 15 millas náuticas, grazas ao seu aparello óptico da casa Sautter. Co tempo este alcance aumentou ata as 22 millas náuticas.

A súa base foi cambiando ao longo das décadas, xa que nun comezo os fareiros residían nas instalacións. Así, a construción inicial con forma octogonal foi ampliada para mellorar a súa habitabilidade, pasando a ter unha planta rectangular, que  sufriu outras  ampliacións posteriores ata acadar a planta actual con forma de U.

Hoxe en día o faro non está habitado, polo que a edificación serve para outros usos esporádicos, culturais ou sociais, como o de sede de exposicións. Este tipo de actividades aportan un interese engadido á hora de facer unha visita a esta área.

Faro de Cabo Prior e vista das augas que garda
Faro de Cabo Prior (fotografía M. Froiz)

Faro de Cabo Prioriño

Este faro, construído no ano 1854, álzase sobre os cantís de case 30 metros da entrada da ría de Ferrol, tendo a súa torre unha altura de 5 metros. A súa luz chega a un alcance de 23 millas náuticas.

Nos seus inicios, durante os días de néboa a súa luz acompañábase cunha sinal acústica que se escoitaba, segundo contan, a 7 millas de distancia.

 A torre é octogonal e a cuberta da lámpada é de fundición metálica, coroada cun fermoso catavento tamén de fundición. A torre está situada sobre unha estrutura de planta rectangular de dous pisos cuxa finalidade é ser o fogar dos fareiros.

Pasou por gran número de remodelacións nas últimas décadas. No ano 1990 sufriu un grave ataque vandálico que o deixou varios meses sen funcionar. Coas tarefas de reparación tamén se realizou unha remodelación da estrutura interna do edificio. Posteriormente, en 1995 realizouse a automatización dos seus mecanismos.

No ano 2007 levouse a cabo outra remodelación, pero no 2009 o paso do furacán Klaus causoulle danos graves que esixiron outra rehabilitación, que se aproveitou para a mellora da súa contorna, incluíndo a construción dun Centro de Interpretación.

Na zona tamén se poden visitar gran número de baterías militares, características da ría de Ferrol, como demostra a presenza militar de Cabo Prior e da Frouxeira. Dende unha perspectiva mariña, este faro anuncia a entrada da ría de Ferrol, e pode observarse a construción porto exterior de Ferrol.

Faro de Mera

Está situado nas parroquias de San Xulían de Serantes e San Cosme de Maianca, pertencentes ao municipio de Oleiros. Localízase no lado este da ría da Coruña, xunto á praia de Mera, dende o que se pode ver, enfronte, a capital da provincia. Seguindo a ruta dos faros aquí descrita, esta sería a última parada antes de acadar a cidade de A Coruña.

Na actualidade, no cabo de Mera hai dous faros separados por apenas 300 metros. A torre pequena, construída en 1914, está situada a 56 m de altitude sobre o mar e coñécese como Faro Pequeno (de 11 metros en comparación cos 14 do grande). O conxunto de ambos forman o que se coñece en náutica como un sistema de enfilación artificial, xa que crean unha liña de posición a distintas alturas nas cartas náuticas. A súa función é, polo tanto, favorecer a entrada dos barcos na ría.

A planta do faro principal é circular e dende o mesmo poden observarse as rías de A Coruña, Ares e Betanzos. Entre este faro e o máis pequeno atópase a que era a antiga casa do fareiro, que na actualidade é a Aula do Mar (Centro de Interpretación da Natureza e do funcionamento dos faros).

É un faro construído en formigón, rematado con un enreixado en pedra que rodea á lanterna. Actualmente a súa fachada está pintada en branco.

Igual que sucede nos cabos anteriores, neste caso tamén se poden atopar baterías militares abandonadas trala Segunda Guerra Mundial. Consérvanse un búnker, un galpón e un pequeno edificio abovedado. Por outra banda, esta é unha zona considerada Lugar de Interese Comunitario (LIC), Monumento Nacional e pertence á Rede Natura 2000.

E con isto chegamos á cidade da Coruña e a súa Torre de Hércules, que xa se pode ver dende o faro de Mera. Mais esta deixámola para a seguinte entrada.

Se tes curiosidade, vémonos para a próxima! Mentres recorda que podes visitar a costa da Coruña no noso Galeón Punta Pragueira: contáctanos en Marabaixo

Se queres facer o Camiño de Santiago, estes faros forman parte do chamado Camiño do Mar, unha adaptación do coñecido Camiño Inglés. Podes consultar itinerarios na seguinte ligazón: https://www.caminodesantiago.gal/es/planifica/las-rutas/camino-ingles