Que ver en A Coruña (2): Gastronomía e mar

7 minutos de lectura

Na cidade de A Coruña podemos atopar incontables mostras da importancia e gusto pola comida, especialmente vinculada ao mar. Estas mostras aparecen nos seus restaurantes máis recoñecidos a nivel internacional, pero tamén nos pequenos negocios de décadas de costumes e tradicións. Están, en fin, nos recunchos máis comúns e nos máis curiosos desta cidade galega.

I é que Galicia é un pobo no que temos dúas cousas claras: a comida e o mar son prioritarios. Para a maioría dos galegos e galegas ambas cousas son algo esencial e central das nosas vidas. Por exemplo, nas datas especiais a maioría das nosas memorias son ao redor dunha mesa, que se temos sorte vai chea de comida que ven do mar: berberechos, centolas, nécoras, gambas, camaróns, rape, ollomol, abadexo…

Así, neste novo percorrido pola cidade de A Coruña imos guiarvos a través do vínculo entre o mar e a cultura gastronómica. Espero que desfrutedes da lectura tanto como nós, e invitámosvos a acompañarnos nunha das nosas rutas no Punta Pragueira, que inclúen degustación gastronómica a bordo.

Combinación de dúas tapas habituais en A Coruña, neste caso no bar A Bombilla
Tapa típica, calamares e chourizo (A Bombilla, A Coruña)

A orixe: os produtos galegos en A Coruña

Se estás de visita en A Coruña e tes interese en coñecer a nosa gastronomía, o mellor punto para comezar é a lonxa. O porto de A Coruña é un dos máis importantes de Galicia, tanto a nivel industrial como pesqueiro. Paralelamente a súa lonxa, localizada como é lóxico, no propio porto, é unha mostra das riquezas das nosas costas, así como da tradición pesqueira desta comunidade.

A visita implicará madrugar, iso ben é certo, mais a cambio poderás ver as poxas das mercadorías. Este proceso de compra-venda ten séculos de historia, e aínda que na actualidade estea máis dixitalizado, segue a ter un aire indiscutiblemente tradicional. A ollos dos espectadores resulta, sen dúbida, un momento emocionante e que merece a pena presenciar polo menos unha vez. E que mellor que na lonxa de A Coruña, con máis de 100 anos de historia!

Os peixes que se traen á lonxa de A Coruña teñen un selo propio:  “©peixe da lonxa de Coruña”, co que se busca remarcar a profesionalidade, así como a historia, no proceso de comercialización do pescado en todas as súas etapas: dende o mar ata os nosos fogares. Entre estes peixes destacan, por exemplo, a xarda, o congro, o rape ou o xurelo entre un longuísimo etcétera. Pero tamén atoparás os nosos famosos mariscos, dende o antigamente infravalorado berberecho ate os máis custosos percebes ou camaróns.

Tras rematar na lonxa e dar un paseo matinal pola costa, podedes seguir a viaxe percorrida polos pescados e mariscos da lonxa cara ao mercado. En A Coruña, destaca o Mercado de San Agustín, do que falamos na entrada anterior. Situado no centro da cidade, este mercado con arquitectura vangardista, vende todo tipo de carne, pescado e marisco.

Ademais,  poderás parar a tomar un breve almorzo no seu interior, xa que tamén venden produtos para tomar alí e desfrutar dun momento relaxado observando o movemento matinal de un mercado tan activo como é o de San Agustín en A Coruña.

A tradición: as tascas e tabernas máis tradicionais

No meu pobo de nacemento o bar máis coñecido para tomar a primeira comida do día sempre foi o da lonxa. Non había peixe máis fresco para comer frito, nin bocadillo de zorza o calamares máis recomendable.

O mesmo se podería dicir na maioría de poboacións de Galicia, alá onde hai produto fresco é onde o local de ao lado terá o mellor produto e, moi probablemente, a maior tradición ao preparalo. Así, a carón de praias, portos, mercados e lonxas poderás atopar tascas, tabernas ou bares que estarán especializados en algún produto típico: pescadiños fritos, chipiróns, bocadillo de calamares…

Así, nas aforas de A Coruña, atopamos o barrio de As Xubias. Non é un barrio turístico nin especialmente coñecido, incluso polos habitantes da cidade. Sen embargo, é unha zona única e antiga de A Coruña, practicamente sen rehabilitar nin inverter nel dende unha perspectiva turística en décadas. E alí, preto da praia de Santa Cristina, ao carón dun pequeno mirador dende o que podemos observar a ría do Burgo e parte da costa da cidade, atópase unha casa branca que acolle a Tasca “A Toqueira”.

“A Toqueira” é ben coñecida porque leva aberta máis de 100 anos, sendo así o bar máis antigo de A Coruña. Ten unha terraza incrible, dende a que parece que comas enriba do mar. A súa especialidade son as racións de sempre, con pescados frescos e de calidade, desfrutando paseniño do día e das vistas.

O centro e a cidade vella

Camiñando polo centro de A Coruña, as súas rúas están repletas de negocios de todo tipo. E por suposto, entre eles non poden faltar os bares, cafés e restaurantes.

Entre eles podemos atopar locais pequenos, con racións nas que sempre se inclúen os produtos mariños, como “A Bombilla”, a bo prezo e xa con décadas de tradición. Ou outros máis modernos, con un toque actualizado e racións máis custosas (en tódolos aspectos), como o “Pepa a Loba”. Este último localízase en fronte do coñecido como A Chencha, unha antiga taberna con aire mariñeiro e boas críticas respecto ás súas racións.

Estes son só algúns exemplos dos múltiples que podes atopar paseando pola cidade. Dende os que anuncian xa o seu produto, como “A Pulpeira do Rompeolas”, ate os que no seu nome se remontan á nosa cultura máis galega, como “A Taberna de Cunqueiro”. O meu consello, sinxelamente camiña e desfruta da cidade e para a tomar unhas tapas naquel lugar que te chame a atención, xa sexa o nome, a carta ou as críticas. Malo será que non acertes.

A alta cociña en A Coruña

A cociña máis tradicional e a golpe de rúa non é a única que podemos atopar na cidade. En A Coruña hai, segundo a Guía Michelín, 15 restaurantes con polo menos unha das súas prestixiosas estrelas.

Entre eles non quero deixar de nomear tres restaurantes con carta mariñeira, que van dende o tradicional ate a cociña máis moderna e vangardista, pero en tódolos casos con algunha especialidade que mostra o vínculo existente entre a gastronomía de A Coruña e o mar.

“El de Alberto” é un restaurante localizado preto das praias de Orzán e Riazor, que ten unha clientela leal e unha cociña tradicional que se vai modernizando sen perder a súa esencia nin a calidade do seu produto.

“Artabria”, restaurante cun nome que recorda a tradición da zona de A Coruña e a súa costa ártabra. Entre os seus pratos destacan aqueles relacionados cos produtos do mar, como as zamburiñas, as nécoras e a lamprea. E nas súas paredes, pinturas de artistas galegos, que combinan tamén, ese mundo tradicional e máis modernista.

“NaDo” ten unha estética máis moderna, con unha fachada que o fai pasar desapercibido se non o estás buscando. Próximo, como nos dous casos anteriores á costa e as praias da cidade. A súa cociña, que mantén unha base tradicional, pon en valor o espírito mariñeiro combinado coa cociña creativa.

Fachada e entrada do restaurante NaDo, con estrela Michelín (A Coruña)
A Entrada de NaDo, restaurante con estrela Michelín en A Coruña

E así chegamos ao final deste breve percorrido por algúns dos recunchos gastronómicos da cidade da Coruña. Mais, se aínda quedas con fame e con ganas de viaxar, non dubides en compartir con nós a Ruta Salgada. Desfrutaremos xuntos do mar e dunha degustación moi galega e moi do mar.