Finalizamos o noso percorrido pola Coruña nesta entrada, referíndonos aos séculos de historia que perfilan esta cidade. A chamada Cidade Vella agrupa igrexas, rúas empedradas, parques e prazas que merecen un bo paseo para coñecelos e descubrir así esa historia barroca e medieval.
Ate agora descubrimos que A Coruña é unha cidade estreitamente unida ao mar, con tascas e restaurantes que fan dos produtos mariños non só unha fonte de alimentos, senón incluso a materia prima dun arte. Tamén percorremos a natureza e as súas costas e paisaxes. Por último, demos a coñecer a gran cantidade de festas, feiras e concertos que animan durante a maior parte do ano a aqueles que habitan e visitan esta cidade.
Por todo isto, sabemos que A Coruña é unha cidade moderna e cosmopolita, moi vinculada ao mar e a natureza. Percorrendo as súas rúas e avenidas vémonos absorbidos polos sons e ambiente producidos polo continuo ir e vir de persoas e vehículos na axitación da vida diaria. Tendas, eventos, luces, multitudes, ocio nocturno,… son aspectos moi buscados polos amantes das grandes urbes e A Coruña é, sen dúbida, un dos mellores exemplos que podemos atopar en Galicia.
Pero a cidade conserva unha opción que é perfecta para aqueles momentos nos que se desexa fuxir desta algarabía, buscar unhas rúas tranquilas apenas percorridas por tráfico rodado, e onde poder aprender historia a cada paso, con multitude de monumentos e recunchos singulares. Nada máis cruzar a praza de María Pita comeza a Cidade Vella, na que, baixo os nosos pés, o asfalto e os enlousados deixan paso ao empedrado: o casco vello da cidade da Coruña.
Índice de contenidos
Un pouco de historia sobre a Cidade Vella
Durante anos esta zona da cidade, onde estaba o asentamento orixinal de Brigantium, estivo abandonada xa que, dada a súa localización á veira do mar nunha das penínsulas de A Coruña, era atacada constantemente por vía mariña. Non foi ate 1208 cando Alfonso IX decidiu reconstruíla e trasladar a ela ás xentes que vivían en zonas máis protexidas do interior.
No século XIV levantouse unha muralla que protexía a cidade ante as invasións externas, como a do inglés Francis Drake en 1589. Co paso dos séculos e as innovacións militares, as murallas fóronse desfacendo para permitir a expansión da cidade e para aproveitar as súas pedras noutras construcións. Na actualidade podemos atoparnos con algún resto da mesma, como algunha das súas portas.
Debido á importancia que adquiriu a cidade como centro de comercio e por ser un dos puntos de partida dos peregrinos que desexaban alcanzar Compostela polo camiño inglés, apareceu a necesidade de proveer á cidade de múltiples edificacións de índole relixiosa. Moitas destas edificacións perduran ata os nosos días e podemos aprecialas practicamente idénticas a como se construíron.
O incremento da relevancia da cidade tamén impulsou a construción do Castelo de San Antón, o cal na actualidade acolle un museo no que se mostran e ilustran elementos claves da historia da cidade. Preto do castelo atopamos a tumba de John Moore, un xeneral inglés que foi clave na defensa contra os franceses nas guerras napoleónicas.
A continuación pasamos a mergullarnos na historia dalgún destes monumentos, que xuntos conforman unha marabillosa ruta para coñecer a Cidade Vella de A Coruña.
Igrexa de San Jorge
Esta igrexa, localizada no centro de A Coruña, a carón da Praza de María Pita e do Mercado de San Agustín, é de estilo barroco. For declarada Ben de Interese Cultural no ano 1975.
A súa construción foi longa e complexa, entre 1693 e 1906, non estando sempre localizada no mesmo lugar. Durante un tempo, o templo que coñecemos (ou polo menos unha parte) estaba situada no que hoxe é o Teatro de Rosalía de Castro e oficinas da Deputación Provincial.
Ata que foron expulsados da Península por Carlos III, esta igrexa estivo ocupada pola Compañía de Xesús. Despois e ate 1838 foi a Compañía de Agostiños os que a utilizaron como convento.
No seu interior cabe destacar a imaxe da Virxe dos Dores mentres que na súa fachada principal destacan as súas enormes columnas, que recordan a construcións de Santiago de Compostela.
Castelo de San Antón
Esta antiga fortaleza do século XVI, da que xa falamos en entradas anteriores, está localizada no extremo exterior da Cidade Vella e foi utilizado como edificio defensivo, prisión e lazareto.
É considerado Monumento Histórico Artístico dende o ano 1949 e Ben de Interese Cultural dende 1994. Dende 1968 no seu interior localízase o Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña.
Entre as coleccións deste museo destacan xa no exterior os patios e xardíns, nos que aparecen obras escultóricas e heráldicas como mostra da historia da cidade. No seu interior atopamos mostras da orixe da cidade e de Galicia, mapas e probas de antigas batallas e obxectos de historia máis recente. Tamén son interesantes e diferentes os seus murais, cunha visión moi especial da historia de A Coruña.
Preto desta edificación atopamos á nosa Embarcación, a Punta Pragueira, dende a que se pode desfrutar dunha vista excepcional do Castelo nunha das nosas rutas.
Tumba de John Moore
No Xardín de San Carlos, moi preto do Castelo de San Antón na Cidade Vella, atópase a tumba de John Moore. Este xardín está rodeado por murallas pertencentes á antiga fortaleza que se situaba nesa localización e a súa distribución está deseñada ao redor da tumba.
O Xeneral inglés John Moore morreu tras as feridas recibidas na Batalla de Elviña en 1809, durante a Guerra da Independencia. Moore tratou de parar ás tropas francesas ate poder reembarcar as tropas inglesas que estaban loitando nesta zona da costa.
A localización tan concreta da tumba débese ao desexo persoal do militar, que quería descansar no sitio onde caera durante a batalla.
Igrexa de Santo Domingo
O convento dos dominicos está situado na Cidade Vella e construíuse no século XIII e, trala súa destrución a mans dos ingleses no 1589, foi reconstruído no século XVII. O seu estilo é barroco, e da construción orixinal restan na actualidade dúas capelas.
Destaca visualmente unha das torres, que aparece xirada respecto da fachada do edificio. O motivo é que esta torre ten unha orientación da fachada que é oblicua respecto ao templo, polo que esta torre en realidade está aliñada coa igrexa.
A igrexa, tamén de estilo barroco, pertence ao propio convento.
Colexiata de Santa María do Campo
Igrexa cristiá declarada Ben de Interese Cultural en 1931 que se localiza próxima a un dos extremos da Cidade Vella. A súa orixe é románica tardía e na súa arquitectura aparecen tamén influencias góticas.
Unha bula papal no 1441 fixo que dende entón fose considerada colexiata e antigamente era a igrexa do gremio dos mareantes, polo que tamén se coñece baixo o nome de Santa María do Mar. A edificación tal como a coñecemos actualmente, aínda que suxeita a reformas posteriores, data de 1889, mentres que a súa primeira orixe suponse no século XII.
Praza de Azcárraga
Praza da Cidade Vella situada pegada á Praza da Constitución, tamén coñecida como Praza da Fariña o do Mercado. Durante varios séculos foi a praza principal da cidade, con varios edificios oficiais.
Destaca no seu centro a Fonte do Desexo, construída en 1870. Mostra a figura dunha muller de bronce, representación do desexo, cun farol na man dereita. Durante anos esta fonte foi utilizada para abastecerse de auga, e hoxe en día mantéñense os asentos para os recipientes utilizados. En canto ás súas árbores, destacan os plataneiros e fresnos, que levan plantados dende fai máis de 120 anos.
Esta praza queda xusto ao carón da Igrexa de Santiago, así como ao antigo edificio da Capitanía Xeral.
Igrexa de Santiago
Esta igrexa, a última parada no noso percorrido pola Cidade Vella, é un templo do románico e a día de hoxe está datada como o segundo monumento máis antigo de A Coruña. Foi construída arredor do século XII, polo que soamente a supera en antigüidade a Torre de Hércules, da que ten partes conservadas dende o século II despois de Cristo.
Dende o ano 1972 está considerada como un Monumento Histórico Artístico, destaca especialmente que ten unha figura da Virxe embarazada así como unha alimentando ao neno Xesús. Tamén destacan as súas representacións de Santiago Apóstolo, sobre todo a situada sobre a porta principal do templo.
Pese a que sufriu varios incendios e sucesivas modificacións co paso dos séculos, é indiscutible a súa idade así como o seu interese artístico e histórico.
Se queres saber máis sobre a cidade de A Coruña, o seu patrimonio e as posibilidades que ofrece, podes visitar a páxina de turismo de A Coruña.
E, xa sabes, se queres desfrutar dun paseo único nas costas desta cidade, para descansar os pés tras este percorrido pola Cidade Vella, non dubides en viaxar con nós no noso galeón .