Se alguén te pregunta por mulleres mariñeiras, en quen pensas? Quizais en piratas, quizais en todas as mulleres que embarcan en barcos de recreo, quizais tes o privilexio de coñecer a algunha mariña mercante, que non son moitas. Quizais, incluso, sabes de deportistas mariñeiras ou de pescadoras. Persoalmente, eu sempre penso en peixeiras, redeiras e marisqueiras. Probablemente pola miña orixe nun pobo de mar e porque, en realidade, a nosa historia remítenos a esas posicións en terra.
Así, parece claro que as nosas miras neste tema non son moi amplas. Como sucede con moitos outros ámbitos, é sinxelo dicir un par de nomes de mariñeiros ao longo da historia e do mundo. Non hai que darlle moito ao maxín para pensar nun oceanógrafo famoso, nun afamado almirante ou nun explorador. Pero no caso das mulleres, ate o século pasado a cousa estaba complicada, con moi pouca participación activa embarcadas, xa sexa en funcións de navegación, pesca, deportes, militares ou científicas.
Por todo isto, imos aproveitar esta data sinalada para facer unha viaxe pola figura da muller no mar, da muller mariñeira. Remarcando, nas distintas perspectivas do mar e as labores que se poden realizar nel, como cambiou o papel das mulleres para a sociedade, dende que telas no barco era sinal de mal augurio ate a actualidade, en que, paseniño pero insistindo, imos atopando o noso lugar en calquera recuncho dese fogar que é o mar.
Índice de contenidos
As mulleres nos barcos.
Aínda hoxe en día quedan reminiscencias das imaxes das mulleres nas proas dos barcos, unha sinal de identidade, supoño. Unha mostra desa versión mítica da muller no mar, como símbolo das sereas, do perigo e da fantasía. E din que tamén de protección, como mostra a costume de poñerlle nome de muller ás embarcacións. Dese modo, a muller era unha imaxe e un símbolo, tanto en figura como en nome.
Mentres tanto, durante séculos as mulleres de carne e óso non eran benvidas nos barcos, sendo inconcibible que navegaran ou dirixiran os navíos. Considerábase a súa presencia un mal augurio, culpándoas de todo aquilo que fose mal. De feito, en varios países estaba directamente prohibida a presenza das mulleres, incluso como pasaxeiras.
Sen embargo, ben é certo que hoxe en día sabemos que miles de mulleres viaxaron ás Américas no súa conquista. Do mesmo xeito, as esposas de postos militares viaxaban cos seus maridos, axudando en postos de enfermería e coidados. Así, aínda que a presencia feminina no mar é escasa non está totalmente ausente.
Sábese que houbo mulleres embarcadas como almirantes, piratas, na armada, en buques mercantes… pero o segredo estaba en conseguir facerse pasar por un home ou un rapaz. Por isto é moi posible que a presenza das mulleres mariñeiras sexa maior do que hoxe en día coñecemos, xa que debemos ter en conta que en moitos casos debían ocultarse e que a historia, polo xeral, está escrita por homes. Non debía ser sinxelo admitir e deixar probas de que os enganaran durante anos.
Un caso curioso é o que sucedía coa mariña británica, onde a costume era que os mariñeiros non baixaran ás cidades. Así, para mantelos tranquilos permitían que, por uns días, mulleres subiran a bordo. Ocultando a súa profesión, estas mulleres gañaban unhas moedas dos mariñeiros e axudaban a manter a calma no navío durante as longas viaxes posteriores. Eran coñecidas, eufemisticamente, como “Queen’s Caroline Daughters”.
Mulleres na historia náutica
Buscando detalles e algúns casos concretos, podemos atoparnos con personaxes de renome que son recordados na actualidade. En épocas nas que non se permitía a súa presenza no mar, houbo mulleres que rexeitaron os impedimentos e superaron calquera límite imposto pola sociedade, para alcanzar os seus soños e obxectivos.
Ana María de Soto
No 1793 incorporouse ao Corpo de Infantería da Mariña, facéndose pasar por un rapaz chamado Antonio. Serviu durante máis de cinco anos como soldado da Infantería da Mariña, demostrando grandes aptitudes e participando en diversas batallas. Posteriormente, embarcada no Matilde, descubriuse o seu xénero nun recoñecemento médico, dándoselle a orde de desembarcar.
Pese a isto, e grazas ao bo traballo realizado durante eses anos, concedéuselle o grado e remuneración de sarxento primeiro de Batallóns, así como o permiso de utilizar as cores do seu uniforme nas súas prendas femininas para identificala como membro da mariña.
Isabel Barreto
Educada como un varón polo seu pai, con coñecementos de armas, xeografía e matemáticas, esta muller tiña soños propios dos homes naqueles tempos: quería viaxar polo mundo. Para conseguilo, púxose ao mando dunha embarcación, chegando a ser a primeira muller na historia en ter o cargo de Almirante.
Participou, xunto con outras mulleres e o seu marido, na expedición ás Illas Salomón, no ano 1596. O seu esposo contaxiouse de malaria e, antes de morrer, nomeouna gobernadora e á seu cuñado almirante. Apenas uns días despois o irmán de Isabel morreu, e así foi como ela cargou co mando da expedición.
Jeanne Baret
Muller do século XVIII, grande coñecedora do mundo vexetal. Traballou e mantivo unha relación co naturalista Philibert Commerson, co que viaxou na expedición de Bougainville (1766), facéndose pasar polo asistente do naturalista.
Debido a unha enfermidade de Commerson, Jeanne Baret realizou a maior parte do traballo de recolección de identificación das plantas da expedición. Descubriu, por exemplo, a Bougainvillea, e recolleu máis de 3000 plantas. Ironicamente só puido darlle o seu nome a unha das plantas descubertas, que na actualidade nin tan sequera mantén ese nome.
Para evitar e silenciar as sospeitas sobre a súa verdadeira identidade, Jeanne chegou a contar que o castraran os piratas otománs. Pese a tódolos esforzos, ao final foi descuberta. Os membros da tripulación acurralárona e maltratárona, para ao final, abandonala xunto a Commerson na Illa Mauricio.
Nesta illa viviron varios anos, facendo viaxes a Madagascar, ate a morte do naturalista. Ao final, Jeanne volveu a Francia, onde recibiu a herdanza do seu compañeiro e o recoñecemento público por participar na primeira expedición francesa que deu a volta ao mundo.
Mulleres piratas
É complicado separar a historia da ficción nesas piratas, corsarias e bucaneiras. Ademais, non é moito o que se sabe destas mulleres do mar. Sen embargo, hai dúas mulleres que son, con case total seguridade, as dúas piratas máis famosas da historia: Mary Read e Anne Bonny.
Anne Bonny tiña fama de mal carácter xa dende moi xoven, con antecedentes de agresións que levaron a seu pai a repudiala. Namorouse do pirata Jack Rackham, converténdose na súa lugartenente. Chegado a certo punto, o barco destes piratas capturaron a Mary Read, que navegaba disfrazada de home. Os tres navegaron xuntos, forxando vínculos estreitos entre eles, ata 1720, ano no que a tripulación deste pirata foi capturada.
Os piratas foron condenados a morte, exceptuando ás dúas mulleres, que afirmaron estar en cinta. A partir deste punto, nada máis se sabe delas. Pode que sobreviviran… ou non.
Mulleres nos deportes náuticos
As regatas deportivas permiten ver os cambios e os progresos na inclusión de xénero das últimas décadas. Así, a súa presenza é cada vez máis común e son moitos os nomes femininos que son coñecidos pola maioría da poboación.
Entre elas están, por exemplo, Florence Arthaud, Ellen McArthur ou Naomi James:
- Naomi James foi a primeira muller que deu a volta ao mundo navegando a vela, no ano 1977, sen facer ningunha escala e superando os récords de velocidade.
- Florence Arthaud fixo a súa primeira travesía con 18 anos, e foi a primeira muller en gañar a Route du Rhum, en 1990.
- Ellen McArthur estableceu, en 2005, o récord da viaxe máis rápida en solitario ata o ecuador, pasando o Cabo de Buena Esperanza, Cabo de Horn e de volta ao ecuador.
Mulleres na pesca
Ao igual que sucede coa mariña mercante, onde tivemos que esperar ate 1935 para que aparecese a primeira capitana (Anna Ivanovna Shchetinina, Rusia), no mundo da pesca as cousas van lentas e contra marea.
Ben é certo que, dende sempre, houbo oficios vinculados á mar que eran e son levados a cabo maioritariamente por mulleres. Mais estes son traballos que se realizan en terra, como facer as redes ou mariscar. É moi posible que isto se deba, ademais de ao xa contado ata agora, á necesidade da presencia das mulleres nas casas, non pudendo permitirse as longas ausencias asociadas ás viaxes en barco.
Sen embargo, na actualidade a conciliación non é algo descoñecido, e hai moitas opcións de viaxes relativamente breves (xa non con longos meses de ausencias) que deberían permitir unha maior presencia de mulleres na pesca, actuando de forma directa e activa. Mais non é o habitual. Seguimos a ser unha presencia minoritaria nas embarcacións pesqueiras, en pleno século XXI.
Para rematar… as heroínas do naufraxio do Santa Isabel
Na madrugada do 2 de xaneiro de 1957 o transatlántico Santa Isabel naufraga ao intentar entrar na ría de Arousa. Encallou, afundindo pola popa e escorando con considerable rapidez. Durante a madrugada lanzáronse os botes, tratando de salvar á maioría de pasaxeiros, a pesar das espantosas condicións meteorolóxicas, que os levaban a ir contra as rochas da costa.
Dende a aldea de Sálvora saíron, entre outras embarcacións, dúas dornas dirixidas por tres xoves mulleres: María Fernández, Cipriana Oujo e Josefa Parada. Remaron no medio do temporal para tratar de chegar á embarcación naufragada e conseguir rescatar aos pasaxeiros que trataban de evitar chocar contra as rochas nos botes. Nesa madrugada realizaron varias viaxes e calcúlase que salvaron a máis de 15 persoas.
En caso de que vos interese este tema, recomendámosvos algunhas lecturas:
- A expedición do Pacífico (Marilar Aleixandre) https://www.xerais.gal/libro.php?id=1461533
- Mujeres en el mar (David Condingly) https://www.edhasa.es/libros/913/mujeres-en-el-mar
- Hija del mar (Alicia Vallina) https://www.penguinlibros.com/es/novela-historica/234386-libro-hija-del-mar-9788401025761