A Coruña non destaca unicamente polo seu interese arquitectónico ou gastronómico, senón que tamén é unha terra cunha incrible paisaxe. A natureza galega é, sen dúbida algunha, marabillosa e fascinante, dende as súas praias aos seus montes, verdes e antigos. Sen esquecer, por suposto, a fauna que os habita: aves, mamíferos… de tódolos tamaños e cores. Así, na Coruña podemos atopar cantís, illas e miradoiros únicos e fascinantes.
Por iso, seguimos a estela das entradas anteriores, nas que se expuxeron diferentes elementos de interese para o visitante que se achegue á zona de A Coruña. Ben foran construcións ou puntos de interese gastronómico, tiñan en común que a man que os creou foi a do ser humano. Nesta entrada vamos a falar dese outro tipo de puntos de interese, aqueles labrados polo mar e polo vento ó longo de centos de anos conformando a nosa paisaxe.
Monumentos cos que xa se marabillaron os nosos devanceiros e que está na nosa man preservar para que o sigan a facer os nosos descendentes. A continuación, imos facer unha viaxe por algúns elementos da paisaxe que podemos atopar a só uns minutos de navegación dende A Coruña, e que vale a pena coñecer.
Índice de contenidos
Illas de San Pedro
Situado fronte ao porto do Portiño, moi preto do centro da cidade de A Coruña, e formando un impresionante conxunto paisaxístico xunto co monte de San Pedro, este arquipélago formado por catro illas maiores e un cantos illotes (Illa do Vendaval, O Aguillón, Illa do Pé, As Tres Illas e os illotes de O Rompedeiro, Os Fernandiños e O Merlón) está situado a uns escasos 250-350 metros da costa.
A superficie total das illas ronda as 7 hectáreas, e a altitude anda polos 12 metros. Son illotes graníticos e, a pesar de que os seus contornos son moi irregulares debido ás cambiantes forzas da erosión, a súa superficie é bastante plana, permitindo medrar unha importante cuberta herbácea no centro das illas, cuxa paisaxe se pode observar nas imaxes.
Este arquipélago é un importante acubillo de biodiversidade, sobre todo no número de especies de aves que as frecuentan, e é unha zona de gran riqueza pesqueira e marisqueira. Debido á isto, o concello de A Coruña está levando a cabo diferentes medidas para a conservación do arquipélago, como a prohibición do atraque de embarcacións que non pertenzan a profesionais do mar, a prohibición de introducir animais nas illas ou a realización de campañas de desratización para evitar o ataque das ratas aos niños das aves aniñantes.
Monte de San Pedro
A poucos minutos cara o oeste do centro da cidade atopámonos co monte de San Pedro, unha elevación de 140 metros que se ergue á veira do mar, conxuntando así unha paisaxe rochosa e verde.
Durante o século XX, o uso do terreo foi o de instalación militar, pero na actualidade atópase habilitado como parque, con diferentes instalacións de interese: o labirinto vexetal, o estanque, cafetería e mostras de equipamento militar, como canóns e baterías. Ademais, posúe varios puntos dende onde se poden admirar unhas vistas privilexiadas, entre as que se atopa o Miradoiro de San Pedro, dende o que se poden observar en detalle as Illas de San Pedro.
Polo lado oeste da elevación podemos observar as ondas bater nas illas de San Pedro e a costa estenderse cara o horizonte. Se miramos cara o leste podemos observar a costa de Riazor da península onde se asenta a cidade de A Coruña, que segue ata chegar á Torre de Hércules e, por detrás dela, chegamos a avistar as entradas das rías de Ferrol e Betanzos, que xunto coa Ría da Coruña, conforman o Golfo Ártabro. Así, este monte coa súa localización privilexiada permite observar as combinacións de paisaxe que rodean á Coruña.
Por todo isto, é altamente recomendable a visita a este punto, xa que nos permite cunha soa mirada comprender o contexto xeográfico que fai que a cidade de A Coruña se atope tan intimamente ligada ao mar, tanto na actualidade como ao longo de toda a súa historia. Sen esquecer que este parque é unha localización ideal para merendas e almorzos na natureza, desfrutando da brisa mariña e o agarimo do sol.
Ría de O Burgo
Tamén chamada Ría da Coruña, é a ría máis sur occidental do Golfo Ártabro. Boa parte da costa do concello de A Coruña atópase bañada por esta ría, así como as dos concellos de Culleredo, Cambre e Oleiros.
Ao longo das marxes desta ría, pódense apreciar as fisionomías das diferentes poboacións que miran ao mar a través dela, e percorrer os numerosos paseos que transitan polas súas marxes.
Na actualidade sofre de diferentes problemas ambientais sobre as que se están a tomar diferentes medidas. Exemplos destas son o dragado do exceso de sedimentos arrastrados polo río Mero (o cal desemboca na ría) e polas correntes, ou o estrito control das industrias da contorna para evitar as verteduras incontroladas que se deron por décadas, que fixeron que nalgún momento as augas desta ría chegaran a ser das máis contaminadas do país.
Costa do Dexo
Cruzando a ría de A Coruña e bordeando o litoral en dirección nordeste, atopámonos coa coñecida como costa do Dexo. Esténdese dende o faro de Mera (do que xa falamos nunha entrada anterior) ata o porto de Lorbé, unha pequena localidade mariñeira.
Ao longo deste fragmento de costa pódense atopar innumerables cantís de rochas metamórficas que se meten no mar, furnas, praias, arrecifes e pequenos illotes rochosos, que en conxunto crean unha paisaxe moi singular ao longo duns once quilómetros. Destacan as formas moi dispares que aparecen nas rochas, creadas pola erosión e polos diferentes tipos de afloramentos e vetas que as conforman, entre as que destacan as vetas de cuarzo branco no lugar de Seixo Branco, por exemplo.
Esta tamén é unha zona de gran biodiversidade, destacando a presenza do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Esta ave mariña de cor negra é propia da costa atlántica. É habitual atopalos nas zonas de costa e cantís secando as súas ás ao sol, nunha posición curiosa e característica.
Así, debido á súa riqueza xeolóxica e biolóxica, a costa do Dexo foi declarada Zona de Especial Conservación, destacando a importancia da paisaxe pero tamén da súa riqueza biolóxica e cultural.
Para aqueles visitantes que se acheguen por terra, é case obrigado o paso pola Aula do Mar, situada nos faros de Mera. Nesta instalación existen diferentes exposicións permanentes onde adquirir coñecementos sobre a fauna, xeomorfoloxía e socioloxía da zona. Tamén existen rutas de sendeirismo que percorren toda a liña de costa para poder desfrutar das marabillas da súa paisaxe con todo o tempo do mundo.
Cantís da Garita Herbeira
Ao norte da provincia da Coruña, onde a serra da Capelada se atopa co mar, érguense os impoñentes cantís de Garita Herbeira, os cales teñen a distinción de ser os máis altos da Europa continental, chegando a erguerse 613 metros sobre as augas. Esta sobrecolledora paisaxe, que atopamos entre os concellos de Cariño e Cedeira, foi resultado dos choques de pracas téctónicas que formaron Panxea fai centos de millóns de anos, os cales produciron centos de quilómetros de cordilleiras xigantes das que nos nosos días quedan restos como estes cantís.
Neles podemos observar vestixios da época graciar, atopando zonas con erosión en forma de U, tan típica dos vales glaciares, e das morrenas que formaron os sedimentos que arrastraban as masas de xeo. Como colofón a todos estes eventos de formación e erosión glaciar, todas as rochas da zona sofren o envite constante do mar e de fortes ventos, polo que podemos apreciar os típicos efectos e formas da erosión mariña.
Nesta zona tamén hai marabillas como a praia de Teixidelo, que sen ser de orixe volcánica ten a peculiaridade de posuír areas negras. Tamén se atopa aquí a fervenza de Teixidelo, cuxas augas precipítanse 50 metros para caer directamente no mar.
A vexetación destes cantís é herbácea ou arbustiva, xa que os fortes ventos non permiten que as plantas alcancen altos portes. Tamén é unha zona onde podemos observar moitas especies de aves mariñas, que percorren a zona nas súas rutas migratorias.
Na zona máis alta atópase a garita de vixilancia de Herbeira, a cal da nome aos cantís e que ten a súa orixe no século XVIII, cando se creou unha rede destas estruturas por toda a costa norte da provincia.
Sen dúbida é unha zona que merece a pena visitar varias veces en diferentes épocas do ano, xa que a climatoloxía do momento cambia drasticamente a cara que nos ofrecen os cantís, dende a forza das ondas rompendo neles en día de temporal ata o misticismo que producen as néboas cando cobren as zonas máis altas destas magníficas paredes de rocha.
Para coñecer estas mostras da biodiversidade e paisaxe do Golfo Ártabro e das costas de A Coruña, podes facer a ruta en barco da biodiversidade ártabra, ofrecida por Marabaixo. Nela poderás coñecer A Coruña cunha perspectiva distinta e inesquecible, coñecendo tanto a cidade como a natureza que a rodea.