7 minutos de lectura

A ferramenta básica de Marabaixo é o noso barco, o Galeón Punta Pragueira. Como xa contamos brevemente en entradas anteriores, este navío é unha embarcación tradicional, propia das rías galegas, empregada noutros tempos para mover mercadorías e que na actualidade utilizamos para viaxes turísticas e divulgativas. Con oito metros de eslora poden viaxar nel ate sete persoas, ademais da nosa tripulación!

Por que unha embarcación tradicional?

Hai quen podería cuestionarse a necesidade de usar unha embarcación tradicional fronte a outras máis modernas. Pero é que nada se pode comparar á sensación de navegar como se leva facendo dende antigo, deixándose levar polas velas e o vento, recorrendo a ría confiando nunha aparentemente sinxela estrutura de madeira. Ademais, non debemos obviar a importancia do patrimonio galego, o seu interese e o esencial que é dalo a coñecer para poder protexelo: non quedan moitas embarcacións tradicionais e as que temos debemos coidalas e compartilas

E precisamente tendo en conta a importancia do coidado que debemos ter para co noso barco é que escribimos esta entrada no blog: para destacar algúns detalles do mantemento dunha embarcación de madeira

A importancia dun bo mantemento

Tódolos tipos de embarcacións deben ser mantidas de forma adecuada por múltiples razóns: é esencial para un bo funcionamento, a súa durabilidade aumenta segundo mellore o seu coidado e a seguridade na navegación estará directamente relacionada con este coidado.

Así, parece obvio que o mesmo que levamos o noso coche ao taller para a revisión anual debemos tamén revisar a nosa embarcación tradicional. Especialmente tendo en conta que están feitas a base de madeira sometida ás inclemencias do tempo (ventos, sol, salitre) e ao contacto constante coa auga de mar.

Por todo isto, en canto recollemos o galeón para que descanse nos meses de inverno debemos revisalo en detalle, limpar e arranxar todo o necesario, deixándoo así preparado para a súa seguinte primeira viaxe.

Aparellos e mastro do Galeón Punta Pragueira onde se mostra a necesidade de mantemento da madeira
Aparellos e mastro do Galeón Punta Pragueira

Os principais puntos de revisión: o casco, as velas, os aparellos, os mastros.

En primeiro lugar debemos comprobar toda a superficie da embarcación, revisando o estado da madeira que a compón. Un detalle esencial consiste en asegurarse de que non haxa madeiras podres.

A presenza de material podrecido non é permisible, xa que implica a entrada de auga e a posibilidade de que a embarcación sufra danos que leven, nun caso extremo, ao seu naufraxio. Por iso, en caso de que se atope calquera madeira podre a peza deberá ser substituída de inmediato.

A continuación buscaranse zonas do casco que presenten fendas ou buratos. É bastante común que os barcos feitos con madeira, ao estar sometidos á auga salgada e á exposición solar, teñan fendas co paso do tempo. Estas deben ser seladas mediante o uso de distintos materiais.

Non sempre se observan os buratos á primeira vista, por iso, cando a embarcación está en terra límpase con auga a presión, que permite visualizar posibles puntos de entrada de auga. Dedicarlle a estes puntos do mantemento a atención requirida é realmente importante, xa que ninguén quere navegar mentres achica auga de continuo!

O uso de auga ten dúas funcións principais. Por unha banda permite limpar o casco da embarcación e por outra comprobar as condicións nas que se atopan os materiais. Non soamente é importante que a madeira estea en bo estado, senón que tamén deberemos limpar tanto a obra viva (a parte somerxida) como a obra morta (a zona da liña de flotación).

Proceso de mantemento da embarcación
Proceso de mantemento

É por iso que se debe dedicar tempo e esforzo á limpeza de toda a embarcación, e revisar a pintura e os materiais de illamento. En primeiro lugar deben limparse as superficies exteriores, eliminando os restos de seres vivos que poidan estar medrando na obra viva. A continuación debe comprobarse o estado de tódolos materiais e reforzalo onde sexa preciso. Cada certo tempo as capas de pintura deben ser substituídas, sempre tendo en conta que non debe utilizarse o mesmo tipo para as zonas somerxidas que para as que están expostas de continuo á luz.

Un punto máis a ter en conta é a pala do temón, xa que dela depende a boa dirección da nave. E pola súa posición e forma está sometida a moita presión e potenciais danos. Por iso debe revisarse de forma independente, desmontándoa e repintándoa para deixala sempre en perfecto estado.

E as partes do barco que non son de madeira? Estas tamén deben coidarse e revisarse. Recordade que a salitre, o sol e os cambios de temperatura teñen efectos importantes sobre case tódolos materiais. O óxido é un problema cando temos partes metálicas, da mesma maneira que a corrosión pode afectar aos cabos. De aí que o seguinte paso sexa revisar, limpar, reparar e tratar tódolos aparellos.

Entre estes atópase a hélice, na que se revisa que o material estea en bo estado, así como que a súa unión co corpo da embarcación, entre outras cuestións.

Para rematar, imos cunha das partes máis características deste tipo de embarcación: as velas. Son o medio a través do que este barco consegue o movemento e polo tanto, son esenciais para unha viaxe áxil, segura e agradable.

Detalle dunha vela onde se observa a necesidade de limpeza e coidado
Detalle dunha vela

O coidado das velas e a súa importancia.

O deterioro das velas, tanto dos propios tecidos como das costuras, é algo inevitable especialmente cando o seu uso é constante. Sen embargo, este deterioro depende tamén do coidado que teñamos delas, se as protexemos do sol e as inclemencias do tempo, se as gardamos con coidado e ben dobradas, etcétera.

Un dos problemas cos que nos podemos atopar no que respecta ás velas é o mofo, que pode aparecer con facilidade nos pregos das mesmas ao haber unha gran presenza de humidade. Para evitar isto as velas deben dobrarse coidadosamente despois de cada navegación, ademais de tratarse e limparse cando chega un período no que non se utilizarán, como sucede no inverno. Deberán limparse con auga doce, para evitar así que aumente a corrosión producida pola salitre.

Outro punto a ter en conta é, obviamente, a revisión de buratos e das costuras. Se as velas non se atopan en bo estado a navegación resentirase. E pode chegar a un punto en que se reduza tamén a seguridade da navegación. Iso sen contar con que arranxar pequenos danos pode ser rápido e sinxelo, pero se estes aumentan en importancia tamén serán máis difíciles de solucionar. Como sucede con tódalas cousas importantes, canto antes se arranxe un problema máis sinxela será a solución.

Ademais das velas en si mesmas, tamén deberán revisarse os puntos de unión entre estas e o navío, dende os cabos ate os mastros. Ao igual que co resto da embarcación deben solucionarse os pequenos danos no material, nas pinturas e nas áreas metálicas.

Con isto podedes facervos unha idea do proceso de mantemento esencial nunha embarcación como a nosa. É un traballo detallado e esencial, que debe facerse polo menos unha vez cada ano e que non exclúe a importancia de pequenos traballos de mantemento durante o resto do ano, cando a embarcación está sendo utilizada.

Por exemplo, o control da presencia de organismos mariños que se agarran á obra viva para medrar alí, como se dunha batea se tratase, ou que se alimentan dela producindo importantes buratos. Os vermes de barco entérranse na madeira e aliméntanse dela, producindo grandes canles no interior da madeira, por exemplo. Para evitalo é preciso manter un bo revestimento e unha boa vixilancia que evite o crecemento destes animais.

Para outra perspectiva no mantemento de embarcacións de vela podes consultar:
https://fundacionvelaclasicadeespana.es/mantenimiento-de-los-barcos-de-vela-clasica-como-se-hace/

Esta entrada ten un comentario

Deixa unha resposta

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: Alexandre García Regueira.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio. El Titular ha contratado los servicios de alojamiento web a Dinahosting SL que actúa como encargado de tratamiento.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional: Puede consultar la información detallada en la Política de Privacidad.