Empeza ben o ano: 7 consellos para o consumo responsable de peixe

10 minutos de lectura

Considéreste ou non ecoloxista, respectar o planeta é unha obriga que ten toda a humanidade. Do mesmo xeito que coidamos a casa na que vivimos, aínda que non sexa nosa, e que procuramos non causar desperfectos nos lugares comúns do noso edificio ou de fora del, tamén debéramos pensar na casa común de todas: o planeta Terra.

Covid-19 e consumo responsable

A pandemia da Covid-19 que a humanidade sufriu no ano 2020 demostrounos a importancia que ten a natureza na nosa vida. A aparición desta pandemia ten moito que ver coa forma na que nos relacionamos co noso planeta xa que a orixe deste virus está no consumo de animais salvaxes. A especie humana non vive ao marxe das outras especies do planeta e xa está demostrada a relación entre a perda de biodiversidade e os surtos de enfermidades humanas. Neste artigo científico, relacionan a desaparición de anfibios con surtos de malaria en América Central.

Consumo responsable

A diario tomamos decisións, como a onde ir a comprar, ou con que comida alimentarnos que teñen repercusión sobre o ambiente. A xente que consumimos temos a capacidade de decidir que produtos mercamos. Podemos decidir comprar un produto polo material co que está feito, pola embalaxe coa que ven empaquetado ou pola súa procedencia. Se planificamos a nosa compra e a facemos de xeito responsable, teremos o control sobre os alimentos e obxectos da nosa casa. Podemos dicir que unha persoa fai un consumo responsable cando compra intentando minimizar o impacto no ambiente. 

Como e onde se fabricaron as cousas que temos na casa? de que material son? a onde os fomos a mercar? de que animais e plantas nós estamos a alimentar? deberíamos facernos preguntas coma estas cando imos a comprar.

Cooperativismo de consumo Fonte: waitala.com
As cooperativas de consumo fomentan un consumo responsable. Fonte: waitala.com

Cambio climático e quecemento global

O cambio climático é a alteración global do clima da Terra. Aínda que existiu un debate científico sobre se se trataba dun proceso natural ou provocado polos humanos, hoxe en día está amplamente aceptado que as accións humanas están a influír no clima da Terra. É por iso, que se queremos diminuír esa alteración climática debemos reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro como o CO2. Para iso debemos mudar o xeito no que vivimos e deixar de queimar tanto carbón e derivados do petróleo.

O quecemento global da terra é un feito constatado (+0,6°C no século XX), que ten como consecuencia máis coñecida a subida do nivel do mar. Pero o aumento da temperatura da terra tamén altera o réxime de precipitacións e outros elementos climáticos. Por exemplo, estanse a producir con máis frecuencia fenómenos climáticos extremos como grandes inundacións, grandes treboadas, fortes secas, etc. Aínda que os termos “cambio climático” e “quecemento global” non son 100% sinónimos, están conectados. Mentres que “cambio climático” fai referencia a todas as alteracións climáticas, o “quecemento global” designa só unha delas: o aumento de temperatura.

Produtos pesqueiros conxelados nunha grande superficie
Produtos pesqueiros conxelados nunha grande superficie

Reducir a pegada ecolóxica

Unha das formas máis gráficas de medir como inflúen as actividades humanas sobre o ambiente é a pegada ecolóxica. Exprésase en “hectáreas de ecosistema” e reflexa a superficie do planeta que emprega unha comunidade ou rexión. Esta medida intenta avaliar o impacto do noso xeito de vida sobre o planeta. Calcular a pegada ecolóxica require un cálculo complexo para convertir en superficie de terreo o noso gasto enerxético e material. 

Se usamos de forma racional e sustentable os recursos que hai no planeta, a nosa pegada ecolóxica será igual á superficie que ocupa a nosa comunidade ou rexión. Segundo a organización WWF, no estado español precisamos só 5 meses do ano para consumir todos os recursos que nos corresponden pola superficie que ocupamos. A este ritmo de consumo precisaríamos 2,3 planetas. Un bo propósito de ano novo para a  humanidade é consumir dunha forma máis respectuosa co ambiente. 

Pesca sostible

Precisamente as consecuencias da cambio climático son máis evidentes no mar. No 2019 a temperatura do océano foi a máis alta rexistrada nunca, e tamén está a subir o nivel do mar debido ao desxeo dos polos. Outra consecuencia menos coñecida é a acidificación da auga mariña, causada polo aumento de CO2. Este cambio químico na auga ameaza aos animais e plantas que teñen carbonato cálcico no seu corpo como os mexillóns. 

Pero o cambio climático non é o único factor que ameaza os caladoiros de pesca, tamén o aumento da contaminación, a sobre-pesca ou a desaparición dos hábitats mariños están a diminuír as capturas de moitas especies de peixe. Segundo a FAO, máis da metade das pesqueiras mundiais están ao límite da súa explotación e case un terzo están sobre-explotadas. Os produtos mariños son un alimento esencial para os humanos, e se queremos seguir a explotar estes recursos precisamos facelo dunha forma máis sostible.

Evolucion da calor contida no oceano quecemento global cambio climático
Evolucion da calor contida no oceano. Fonte: Cheng, L., et. al. 2020.

2021 o mellor ano para empezar a vivir de forma sustentable

Que 2020 foi un mal ano para a humanidade é innegable. A pandemia da Covid-19 e a crise económica que trouxo consigo, provocou millóns de mortes e penurias económicas para moita xente. Mudar a nosa forma de consumir para ser máis respectuosas co ambiente non é xa unha moda, senón máis ben unha obriga para co planeta e o resto da humanidade. 

O cambio de ano é un bo momento para facer borrón e conta nova sen remorsos. Está nas nosas mans cambiar unha forma de vivir insustentable, e podemos facelo no mesmo momento que deixamos atrás un dos anos máis dolorosos da historia. Se queres facer que a época post-pandémica sexa tamén máis ecolóxica ponte como propósito de ano novo levar unha vida máis respectuosa co ambiente facer un consumo responsable.

Sexa por esta razón ou simplemente para sentirte mellor contigo mesmo, recoméndoche que sigas estes consellos para consumir produtos do mar de forma máis sustentable:

1. Compra legal e evita a sobrepesca

Cando compras ilegalmente estás a cometer un delito e axudando a financiar as organizacións mafiosas que están detrás do furtivismo. @s furtiv@s non respectan a cota nin a talla mínima, ademais de ser unha competencia (desleal) para @s que teñen permisos e paga impostos. 

O maior consecuencia da pesca ilegal é a sobre-pesca, e o esgotamento dos caladoiros. As poboacións poden chegar a desaparecer se non se regula a cantidade que se pesca. Para controlar isto a Comisión Europea emprega os TACs (totais admisibles de capturas), que son unha ferramenta pensada para xestionar de forma sustentable os recursos mariños. Aínda que este mecanismo pode ser mellorable, demostrouse útil para manter as capturas nalgunhas pesquerías.

2. A compra local, dalle máis valor na túa comunidade

Ir comprar á peixería do teu barrio é máis beneficioso para o medio ambiente e para a economía da túa zona, e probablemente sexa máis agradable, que ir a un gran supermercado. Reduces a emisión de CO2 ao non usar coche, e como consumes nunha PEME estás xerando máis riqueza na comunidade. Os beneficios das grandes compañías van parar aos seus soci@s e accionistas polo que o diñeiro que gastas nasa grandes superficies beneficiará a un pequeno grupo de xente. Se compras en varias empresas pequenas (na peixaría, na carnicería, na froitería, …) o beneficio repartirase entre máis persoas.

Se vives nunha zona de costa, seguro que coñeces a alguén que vive de capturar peixes ou mariscos e quizais lle poidas comprar directamente ela/el. Comprando directamente ao produtor asegurámonos de que o produto sexa esté en óptimas condicións e evitamos intermediarios.

Pescadores de atun
Pode a pesquería do atun ser sustentable?

3. Consume consciente e mira a etiqueta

Buscar información sobre os animais e vexetais que comes é unha cousa que deberías empezar a facer hoxe mesmo. Saber como se capturaron as ameixas que comiches no nadal é unha boa forma de ser consciente de como se producen. Cando vaias mercar busca a etiqueta do peixe ou marisco. Poderás ver a procedencia, a especie e a arte de pesca empregada para a captura. 

Se queres consumir produtos pesqueiros responsablemente, fíxate na etiqueta que ten o peixe que compras. Nas prazas e peixerías teñen obriga de mostrar a etiqueta, aínda que moitas veces non é doada de ver porque está pendurada nun taboleiro ou no cristal dunha vitrina.

4. Produtos de tempada e con menos CO2

Do mesmo xeito que as foitas e vexetais comercialízanse cando están no seu momento óptimo hai produtos do mar que teñen tempada. Aínda que no verán é cando máis gostamos de comer marisco, a centola e o polbo reproducense nesa época e están vedadas. As vedas, ao igual que as tallas mínimas, son restricións que permiten que as especies se reproduzan para poder continuar a explotar o recurso. 

Outros produtos pesqueiros como o bonito, son pescados no verán ao seu paso preto da costa. Durante a migración que fan estes animais dende zonas tropicais ate as frías augas do norte pasan pola nosa costa, momento no que @s boniteir@s aproveitan para saír ao seu encontro. Cando consumes bonito fora de tempada os peixes son traídos doutras partes do mundo como Cabo Verde ou as Azores. Realmente paga a pena comer peixe con tantas emisións de CO2?

Intermareal sedimentario Ría do Burgo
Un intermareal coma este pode ser unha zona de cultivo de bivalvos

5. De acuicultura en Galiza

Se queremos consumir produtos pesqueiros sustentables, a acuicultura é unha boa alternativa. Galiza é un dos maiores produtores de bivalvos do mundo. Cultívase dende hai décadas mexillóns e ameixas na nosa costa. Esta é unha actividade sustentable que se pode manter indefinidamente sempre que existan as condicións axeitadas.

Pero ao igual que acontece coa gandeiría intensiva en terra, o cultivo intensivo no mar tamén ten efectos negativos sobre o ecosistema. O uso de fármacos e a gran cantidade de penso empregada altera o ecosistema próximo ás granxas de peixes. Tamén a alteracións provocada pola propia instalacións da granxa ou da gaiola pon en dúbida a sustentabilidade deste xeito de cultivo.

6. Especies en perigo, non gracias

Igual que non comerías un lince ibérico, existen algunhas especies que estamos a comer os humanos que están en risco de extinción e non debéramos comer. O atún vermello, por exemplo, segue a ser unha das mercadorías de maior valor comercial aínda estando “en perigo” de extinción. Isto tamén acontece con especies de quenllas como a melga, ou o cazón, de feito calcúlase que o 26% das especies de quenllas e raias do atlántico noroeste están ameazadas.

Cantas máis especies vivan no mar, máis robustos e complexos serán o ecosistemas. A diversidade fai o océanos menos vulnerables aos cambios e máis resistente a catástrofes. Tamén como consumidores temos a obriga de conservar a biodiversidade das nosas costas.

7. R de reducir o consumo

Dos catro “Rs” do consumo sustentable a de Reducir é a máis importante. O peixe que máis valor ten é o que non sae do mar, porque nos permite seguir pescando. Para seguir a consumir debemos non desgastar os caladoiros é reducir o consumo, isto é, consumir o necesario, nin máis nin menos. 

Diminuír o consumo da pesca extractiva é dende logo unha boa opción para evitar a sobre-pesca pero tamén debemos reducir as capturas non desexadas. Dende que no 2013 a Unión Europea obriga a descargar todo o que se pesca, fixéronse varios proxectos de investigación para mellorar a efectividade das redes. Neste vídeo podes ver un resumo do proxecto DESCARSEL do IEO. 

Resume do proxecto de investigación DESCARSEL do IEO

Modo de uso

Ir á compra é unha cousa importante asique antes de sair da casa céntrate e planifíca. Colle a túa bolsa re-utilizable e algún tupper de cristal para o peixe e o marisco. Canto menos plástico consumamos menor será tamén o nosa pegada ecolóxica.

Se eres consciente de que non estás a facer un consumo responsable e queres empezar agora non intentes da noite para a mañan ter unha cesta da compra ecolóxica. Empeza pouco a pouco e vai mellorando o que fás. Recorda que os camiños longos percórrense con pequenos pasos, e que se queremos cambiar o mundo temos que facelo para que non volte ser coma antes.

Máis información

Oceana. 2010.Lucha por los tiburones amenazados. Informe

WWF. Mares en números rojos: Estamos agotando la despensa marina

Michael R. Springborn, Joakim A. Weill, Karen R. Lips, Roberto Ibáñez, Aniruddha Ghosh. 2020. Amphibian Collapses Exacerbated Malaria Outbreaks in Central America. medRxiv 2020.12.07.20245613

Cheng, L., et. al. 2020. Record-setting ocean warmth continued in 2019. Adv. Atmos. Sci., 37(2), 137−142.

Europa.eu. TAC y cuotas

Wikipedia. Cambio climático

Wikipedia. Quecemento global

Wikipedia. Pegada ecolóxica