As candorcas (Orcinus orca) son sen dúbida os cetáceos máis mediáticos. Teñen protagonizado filmes e son domesticadas para converterse na principal atracción dos acuarios, a tradución literal do seu nome en inglés (balea asasina) produce titulares con maior impacto, e xenera atracción nos lectores de prensa. O avistamento dunha manda destes animais nas costas galegas foi o acontecemento máis mediático deste verán, polo excepcional do feito e pola interacción que estes animais tiveron con varios barcos.
Índice de contenidos
Na ruta de paso
Non é para nada habitual observar estes grandes cetáceos en Galiza, aínda que no 2017 xa se observaron moi cerquiña da costa. As candorcas do atlántico norte son observadas habitualmente nas costas de Islandia, Noruega, Finlandia, Grenlandia e no Reino Unido, pero son poucas as observacións ao sur dos 35ºN de latitude si exceptuamos a poboación do Estreito de Xibraltar. Os atúns, unha das presas favoritas das candorcas, inician na primavera a súa migración dende as augas próximas ao ecuador cara o norte, e os cetáceos van ao seu encontro. Entre este período que vai dende Abril a Setembro, poden verse esporadicamente nas Illas Canarias e noutras zonas do Atlántico nas que son moi pouco frecuentes como as Azores ou Madeira.
No seu periplo dende as zonas frías do norte de Europa ate as augas máis cálidas de África, inevitablemente deben pasar polas costas galegas. Normalmente pasan lonxe da costa e non son observadas, ou son puntualmente avistadas por barcos de pesca no banco de Galicia. Pero neste ano 2020 e no 2017, unha manda de candorcas achegáronse á costa e puideron ser gravadas por numerosas persoas. As candorcas son animais depredadores, que están no alto da pirámide trófica, e que van seguindo os cardumes de peixes dos que se alimentan. Igual que no ano 2018 o gran número de varamentos de cetáceos foi causado por unha situación “rara” das condicións do océano, na que os golfiños non abandonaron a costa galega, como adoitan facer no verán. Este ano, todo parece indicar que unhas condicións oceanográficas pouco habituais levaron as candorcas preto da costa na súa ruta migratoria na procura de atúns.
As candorcas saltaron aos titulares da prensa polo encontro con varios barcos e por un aviso a navegantes emitido por Salvamento Marítimo. O máis popular foi o encontro no que os cetáceos causaron desperfectos no veleiro Mirfak da Armada Española. No vídeo dese incidente obsérvanse varias candorcas ao redor do barco, e os tripulantes van narrando o incidente que remata coa rotura do timón do veleiro. É difícil explicar o que aconteceu nese e nos outros encontronazos das candorcas con veleiros xa que a información da que dispoño é pouca (apenas 3min de vídeo), pero é obvio que calquera xesto feito por un animal que chega a pesar 9.000 kg pode ser interpretado por un humano como un ataque.
A CEMMA elaborou un manual de boas prácticas onde se recollen recomendacións para os navegantes que se atopan cunha manda de cetáceos. Para as especies ameazadas, existen unha obriga legal de manter unha distancia de 60m, 500m se hai crías, e de navegar máis lento que o animal máis lento.
Ameazas para a especie
Fora como fora, estes enormes animais que pasan por ser os delfínidos de maior tamaño, son especies ameazadas. Aínda que en España só figuran no listado de especies ameazadas a poboación do Estreito de Xibraltar, ao igual que moitos outros cetáceos pende sobre elas varias ameazas que poñen en risco a especie. Aínda que na primeira análises sobre o estado da especie feita no 1993 incluíuse na lista vermella da IUCN como “en perigo”, actualmente ten o estatus de “datos insuficientes” pola falta de datos das poboacións do oeste de Grenlandia.
As principais ameazas para esta especie despois da moratoria para a caza de baleas de 1986, están relacionadas coas interaccións cos humanos. Capturas accidentais, desaparición das súas presas pola sobrepesca e toxicidade causada pola contaminación son as principais. Tamén poderíamos incluír a mudanza climática como unha ameaza xa que está a alterar os hábitats mariños de todos os océanos, sobre todo nas rexións árticas. Isto está obrigando a esta especie a alterar o seu comportamento, e en moitos casos, interacciónar máis cos humanos.
Como recoñecer unha candorca?
As candorcas son doadas de identificar pola súa aleta dorsal larga e o patrón de coloración branco e negro. Os machos son maiores que as femias, pero en ambos sexos a aleta dorsal é moi elevada e non ten un aspecto falcado (en forma de C) como nos arroaces e golfiños, senón que ten un perfil triangular. Son brancas polo ventre e negras polo dorso. Cunhas manchas brancas ovaladas despois dos ollos. Nalgúns individuos tamén se ve unha pincelada branca na parte do dorso máis próximo á aleta dorsal. As crías distínguense dos adultos polo tamaño.
Opinión
Ao marxe de que sexa máis ou menos sensacionalistas os titulares dalgúns medios de comunicación que parecen máis preocupados por vender números de xornais ou visitas á súa web que de realmente informar obxectivamente, debemos ver estes avistamentos como o que son: feitos extraordinarios.
Intentar ver estes acontecementos como un recurso turístico non é beneficioso nin para os animais nin para o medio ambiente. Interpretar os encontros das candorcas con barcos como un ataque ou con certa intencionalidade por parte dos animais, faille fraco favor á conservación desta especies que esta nunha fráxil situación.
Actualización (14/09/2020)
Un grupo internacional de xente investigadora especialista en cetáceos estudou as raras interaccións con barcos das candorcas, e chegou á conclusión de que se trata dun xogo dos individuos máis novos. Un xogo con consecuencias para os barcos, dada a embergadura dos animais, pero sen maldade. Que un grupo de candorcas “adolescentes” se acheguen a unha embarcación a morderlle o temón é comparable a xogar á cucaña: o máis valente do grupo é o que colle a bandeira a pesar do risco que hai de golpearse contra o pau ou caer ao mar. Tamén o podemos comparar coa trastada dun neno que rompe unha fiestra co balón, como apuntan dende a CEMMA. As interaccións que analizaron foron entre outras as do veleiro Mirfak da Armada, as acontecidos nas costas portuguesa, ou a dun veleiro inglés que navegaba dende o porto de Ferrol.
Máis información
Jourdain, E., Ugarte, F., Víkingsson, G.A., Samarra, F.I.P., Ferguson, S.H., Lawson, J., Vongraven, D. and Desportes, G. (2019), North Atlantic killer whale Orcinus orca populations: a review of current knowledge and threats to conservation. Mam Rev, 49: 384-400.
Faro de Vigo. 31/08/2020. Un grupo de orcas ataca un velero de la Armada
La Voz de Galicia. 01/09/2020. Un grupo de orcas atacó a un barco de la Armada española a dos millas de Corrubedo
Faro de Vigo. 05/12/2017. Avistado un grupo de orcas en la costa gallega
La opinión de A Coruña. 13/09/2020. Alfredo López: “Os contactos das candorcas cos barcos son un xogo, un ensaio”