O pasado ano 2018 foi o de maior número de varamentos de mamíferos mariños en Galiza dende que a CEMMA ten rexistros (sobre 350), e nos 2 primeiros meses de 2019 vararon xa máis de 110 animais. A media anual de varamentos é de 280, e non só aumentou o número total de varamentos senón que tamén se alterou nestes últimos anos a distribución ao longo do ano. Se antes o máximo de varamento no ano acontecía sobre Marzo-Abril e existía un descenso en Xuño-Setembro, agora o máximo estase a dar en Xaneiro-Febreiro e practicamente non existe un descenso no número de varamentos ao longo do ano.
Como apuntan dende a CEMMA, isto ten que ver coa poboación de golfiño común (Delphinus delphis) que se atopa nas nosas costas, xa que os varamentos desta especie supoñen a metade de todos os que acontecen en Galiza. Neste dous últimos anos os golfiños non deixaron as nosas costas, algo que adoitaban facer no verán, e que coincidía co descenso de varamentos ente Xuño e Setembro. Ademais, a serie de temporais que nos azoutan todos os anos, adiantáronse para Xaneiro-Febreiro nos últimos tempos, polo que se da un maior número de varamentos nestes meses. Así, cando entran en Galiza varias borrascas seguidas solen darse casos de varamentos de animais vivos, e de animais mortos con signos de esgotamento ou enfermos. Nestes anos tamén se detectou un aumentou no número de quenllas que apareceron varadas.
Porque os golfiños comúns non se van de Galiza é unha incógnita pero esta situación tamén se dá en lugares próximos como Francia. É posible que teña que ver coas condicións oceanográficas e co retraso na chegada da primavera que altera os movementos das presas destes cetáceos, e claro, os depredadores van detras das presas.
Índice de contenidos
Grandes cetáceos
Entre Decembro de 2018 e Xaneiro de 2019 vararon 7 baleas nas nosas costas. Para a CEMMA este número de varamentos de baleas non é excesivo, se ben si que resulta chamativo o pouco tempo no que aconteceron. A chegada a terra destes grandes cetáceos foi un acontecemento medíatico que non só ocupou titulares de prensa, senón que tamén encheu as praias de xente curiosa por ver unha balea morta varada.
Estes varamentos de grandes cetáceos acumuláronse nun período curto de tempo debido aos temporais que aconteceron nesa época. Os ventos e a ondaxe empurran os cadáveres que aboian no mar cara a costa, ou esgotan definitivamente aos animais enfermos ou vellos. Pero, obviamente, ten que haber animais perto da costa para que se produzan varamentos. O avistamento de baleas nas costas galegas está a ser máis habitual do que o era, e iso é posible que tamén sexa causado polas peculiares condición oceanográficas, dos dous últimos anos.
Pero non existe unha soa causa de varamentos, nin todos os mamiferos mariños que chega á costa teñen unha morte natural, senón que se calcula que aproximadamente un terzo das mortes de cetaceos teñen relación coa interacción destes animais con artes de pesca.
Rede de varamentos
A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA) mantén a Rede de Asistencia a Varamentos en Galiza, que visita todos os varamentos que acontecen en Galicia. Esta rede de varamentos leva a funcionar dende o 1999, e documenta todos os varamentos de animais producidos en Galiza, tanto de cetáceos (golfiños, arroaces, baleas….), pinnipedos (focas e lobos mariños), réptiles (tartarugas), como de grandes peixes (quenllas, peixes lúa, etc). O persoal da CEMMA acompañados en moitos casos de voluntariado, toman medidas de todos os animais e nalgúns casos mostras de tecidos para documentar o varamento. Estes datos son empregados para facer estudos científicos como este.
Se cando paseas pola praia ves un animal varado, esté vivo ou morto, debes notificalo o antes posible chamando a unidade móbil da CEMMA no 686989008 ou directamente ao 112 (chamada de balde).
Referencias
Redacción GCiencia. Estes son todos os varamentos en Galicia en só 70 días de 2019. 13/03/2019
Web da CEMMA. REDE DE VARAMENTOS. Consultado o 18/03/2019
La misteriosa muerte de ballenas en Galicia continúa. La Voz de Galicia. 11/03/2019
Manuel Boó. Gran expectación para ver la ballena varada en Balarés. El Correo Gallego. 21/01/2019
Saavedra, C., Pierce, G.J., Gago, J. et al. Factors driving patterns and trends in strandings of small cetaceans. Mar Biol (2017) 164: 165.