Primeiro estudo da distribución de microplásticos en Galiza

4 minutos de lectura

Ven de publicarse o primeiro estudo que detecta microplásticos nas rias baixas e na desembocadura do río Miño. Os microplásticos son fragmentos menores de 5 mm de material plástico. Os resultados deste estudo coinciden con outros feitos noutras partes do mundo como Portugal, o Golfo de Biscaia, Bélxica ou Singapur.

Para contabilizar os microplásticos presentes nos fondos mariños é preciso unha metodoloxía específica. A precisión e minuciosidade do persoal investigador do IEO e do Campus do Mar, pode resumirse nos seguintes pasos:

  1. Recollida de mostras de area ou lamas: Dende unha embarcación empregando unha draga.
  2. Separación por diferencia de densidade. Cunha solución hipersalina na que o plástico flota.
  3. Filtración: Unha vez retirada toda a area ou lama, a solución salina fíltrase.
  4. Separación manual: O filtro é inspeccionado baixo unha lupa binocular polo persoal investigador. 
  5. Procesado: Un a un, os fragmento plástico son fotografados. Determinase o tamaño e superficie de cada partícula de microplástico.
  6. Análise estatístico: para determinar tendencias.

As ferramentas usadas neste proceso non pode ser de plástico, xa que correríamos o risco de que interferise no estudo, polo que todos os utensilios que se empregaron son de aluminio, madeira ou vidro. 

As distintas formas dos microplasticos. Fonte: Carretero et all 2020
As distintas formas dos microplasticos. Fonte: Carretero et all 2020

“As lavadoras son a orixe de máis do 80% dos microplásticos detectados”


Microplásticos con distintas formas e orixes

A gran maioría dos microplásticos atopados neste pioneiro estudo tiñan forma de fibras (88.8%), pero tamén foron atopados filamentos, films, microperlas e pellets. Estas formas teñen orixes diferente: mentres que as fibras son fragmentos de tecido sintético e prodúcense nas lavadoras de roupa, os filamentos proveñen da rotura de artes de pesca e os films son cachos de bolsas e outras láminas.

Ao efecto mortífero dos obxectos plásticos sobre a fauna e a flora mariñas, hai que  sumarlle o prexuízo que a fragmentación en cachiños terá. Aínda que adoitamos pensar que os microplásticos só proveñen da degradación de obxectos maiores, isto non é sempre así, algúns son fabricados explicitamente en pequeno tamaño. As microperlas ou microesferas, por exemplo, fabrícanse para algunhas pastas de dentes ou cremas con efecto “exfoliantes”. Os pellets, son o formato no que se transporta o plástico que posteriormente será fundido para convertilo nun obxecto. Durante o proceso de fabricación dos plásticos, antes da formación dos obxectos, ao material plástico (como polietileno ou polipropileno) dáselle forma de pellet o que permite un doado transporte.

Pellets de plástico sobre a area da praia de Doniños (Ferrol)
“Bágoas de serea” ou pellets de plástico sobre a area da praia de Doniños (Ferrol).

Fibras e máis fibras

Na parte media das rías, é onde están as maiores poboacións das rías baixas como Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía, e tamén onde se atoparon os puntos con maior concentración de microplásticos. A maioría dos microplasticos mariños proveñen de terra, e só uns poucos de actividades mariñas como a pesca ou o transporte marítimo. De feito, a práctica totalidade dos microplásticos atopados nos puntos próximos a núcleos de poboación foron fibras. Xa se ten falado neste blog de que o plástico é o causante dun dos maiores conflito que atopamos nas praias.

As microfibras proceden do lavado das miles de prendas sintéticas que os humanos usamos. Estímase que no lavado dunha prenda de roupa despréndense ata 1.900 microfibras por lavado. A pesar de que a auga que sae das nosas lavadoras é canalizada ate unha depuradora. Os filtros empregados nestas instalacións non están deseñadas para reter partículas tan pequenas e son vertidas directamente ao mar

Distribución de microplasticos nas rias baixas. Fonte: Carretero et all 2020
Distribución de microplasticos nas rias baixas. Fonte: Carretero et all 2020

A parte exterior das rias, e a plataforma continental, son as zonas onde menor contaminación plástica se detectou. Isto débese ás dinámica oceanográfica e a maior distancia a núcleos de poboación humana. Sería esperable que a maior contaminación fose atopada na ría de Vigo (a máis poboada), pero sen embargo o punto con maior cantidade de plásticos atopouse na ría de Muros. Noutros estudos sobre polución mariña a ría de Muros é a menos contaminada por hidrocarburos e PCBs, polo que son precisas máis investigacións para determinar porque acontece isto.

Unha costa vulnerable

A vinculación da xente ao mar, a gran produtividade das augas e a elevada biodiversidade convirte as costas galegas, nunha zona vulnerables á contaminación por plástico. É preciso afondar neste coñecemento para determinar como esta contaminación está a afectar ao ecosistema mariño.

O artigo científico no que está baseado este texto, está “en prensa” neste momento. Isto quere dicir, que a publicación definitiva pode ter algunha variación.

Máis información

Olga Carretero, Jesús Gago, Lucía Viñas. 2020. From the coast to the shelf: Microplastics in Rías Baixas and Miño River shelf sediments (NW Spain). Marine Pollution Bulletin. 111814. ISSN 0025-326X.

El Correo Gallego. 25/11/2020. Los fondos marinos gallegos, amenazados por el plástico.