[Podcast] Entrevista: Juan Moreira, especialista en macro-invertebrados mariños.

10 minutos de lectura

Juan Moreira, especialista en invertebrados mariños: “Unha ría é como un microcosmos, podes atopar unha gran variedade de hábitat distintos”

Coñecer a diversidae de animais que existe no mar é unha labor básica que sirve de base de coñecemento para moitos outros campos de estudo. Juan Moreira é profesor da Universidade Autónoma de Madrid e leva varios anos traballando como investigador especializado en macro-invertebrados mariños. Estes seres sirven de conexión nas cadeas tróficas entre os microrganismo e os peixes e mariscos. Sobre a importancia destes seres, descoñecidos para moita xente, estiven a conversar con el.

Xandro (X): Ola Juan! benvido a historias do mar

Juan Moreira (JM): Que tal Xandro! encantado de participar.

X: Ti que levas moitos anos estudando os invertebrados mariños, cóntanos: como te decidiches a investigar sobre esta campo? que foi o que te atraeu?

JM: Realmente a historia de cada investigador, de cales son os comezos de cada investigador, depende de cada un de nos. Eu ao principio, cando era un estudante da carreira, non estaba interesado para nada na bioloxía mariña. A min gustábanme outras cousas: os vertebrados, os dinosauros, …, animais grandes, bonitos, creativos. Máis ben foron todo casualidades. Eu no último ano da carreira, no 5º ano, tiña unha asignatura que era oceanografía, e nesa asignatura tiñamos a oportunidade de participar nun Erasmus dun mes en Francia, en Roscoff, que é onde está precisamente unha das estación de bioloxía mariña máis antigas de Europa, un dos centros máis senlleiros da investigación mariña. Por casualidade participei nese Erasmus, seleccionaron me, e despois de participar nese Erasmus e aprender algunhas cousas, máis outras que xa sabía da carreira, descubrín o interesante que era a bioloxía mariña e sobre todo os invertebrados mariños. Precisamente ver nese curso moitos invertebrados distintos, recollelos nós mesmos no mar, e despois examinalos vivos debaixo da lupa no laboratorio, para min foi toda unha experiencia. Despois diso foron tamén todo casualidades, decidín facer a tesiña, falei cun profesor que me dera clase na universidade, un dos mellores profesores que tiven, e a partir de aí fun enganchando neste mundo. E agora son profesor de universidade e sigo investigando.

EFECTOS DO DEITADO DE AREA SOBRE AS PRAIAS
Tres macro-invertebrados mariños e un peixe
X: Ousexa, que o que te marabillou foi descubrir esa bio-diversidade, as formas que ten esa bio-diversidade. Digoo porque a min tamén me atraeu cando tiven contacto por primeira vez, porque ves estrutura en miniatura que parecen rañaceos se fosen a tamaño humano. A min gustaríame conversar contigo sobre a importancia destes animais porque son os grandes olvidados da bioloxía do mar, sempre se relegan como a un segundo plano. Explícanos, ti que sabes moito máis ca min, que son os macro-invertebrados mariños e cal é a súa importancia?

JM: Son animais pequenos, xeralmente vermes ou animais parecidos, ou anemonas, pequenos moluscos, …, en fin, animais que non teñen columna vertebral coma nos. Aí tamén se inclúen os pequenos artrópodos, os parentes das gambas, dos cangrexos e os camaróns. O tema de macro é unha cuestión máis ben humana, de dividir os animais por tamaños segundo unha escala, por dicilo dalgún xeito. Entón para nós macro-invertebrados son animais pequenos pero máis grandes dun milímetro. Máis grande dun milímetro para moita xente é moi pequeno, pero para nós é grande. Un cangrexo, un anémona, un pepino de mar son mega-invertebrado, animais grandes que se ven a simple vista. Entón son animais pequenos, máis grande que outros animais que son aínda máis pequenos, que entran fora doutra escala, a escalas humana por suposto. E aínda que nós lles chamamos grandes, son pequenos para a xente da calle, e a xente normal salvo algúns pescadores e mariscadores non teñen contacto con estes animais, entón nin sequera saben que existen. Unha gamba, ou un cangrexo si, pero todas as ducias de especies distintas de moitos grupos zoolóxicos distintos, ninguén é consciente de que eses animais existen. Como o que non ves non sabes que existe, non sabes tamén cal é a súa importancia e o seu papel. O seu papel precisamente é vital, porque son a conexión entre os animais máis pequenos, os microorganismos, e os animais máis grandes que son os que comen a estes macro-invertebrados. Os animais máis grandes que comen estes macro-invertebrados son os que nós pescamos e mariscamos. Entón a súa importancia é vital para manter todas esas complexas interacción tróficas entre moitos organismos. E ao final de todo iso estamos nós. Se o queres mirar dende un punto de vista humano, está a nosa economía tamén. Entender todo isto, saber que diversidade temos nas rías por exemplo, saber cantas especies hai nun sitio determinado, nun hábitat determinado, e como todo iso interaccióna é básico. Sobre todo para a ciencia, por suposto, e sobre todo tamén para a xestión do medio ambiente. Tanto a parte económica como de conservación. Resumindo, eles están aí no medio e coñecelos é o máis importante, polo menos para min como investigador no campo.

R. Grobas (laopinioncoruna.es)
As miñocas son un dos grupos que estuda Juan Moreira. Fonte: laopinioncoruna.es
X: En Galiza existe unha gran bio-diversidade de macro-invertebrados comparado con outros zonas?

JM: Eu penso que si. Evidentemente aínda falta estudios, moitos estudios, locais e a maior escala para cuantificar todo iso. Pola miña experiencia, eu traballo principalmente en Galicia pero tamén estou traballando no Mediterráneo e teño colaborado con outros investigadores noutra parte da península ibérica, en Galicia non te podería dicir que hai 100, 200 ou 300 especies máis de macro-invertebrados que noutras partes da península ibérica. O que si che podo dicir é que a priori temos máis variedade de hábitats naturais, precisamente pola estrutura da nosa costa. Temos rías, costa aberta, substratos rochosos, substratos brandos (é dicir sedimentos tipo area, tipo lama). Unha ría é como un microcosmos, nese sentido, podes atoparte unha gran variedade de hábitat distintos. Nunha soa ría podes ter ao mellor, tanta diversidade como na liña de costa de centos de quilómetros do Cantábrico, ou incluso nalgunha partes de Portugal.

X: Realmente o gran valor de Galicia, dende o punto de vista da diversidade, como acabas de dicir, son as rías, non? A diversidade de hábitats que existen nas rías.

JM: Efectivamente, porque as rías son unha cousa case única na península ibérica, non única de todo, pero se pensas na cantidade de rias que temos, na cantidade de entrantes, tanto nas baixas, como nas altas, a súa extensión, a posición xeográfica que ocupan, …. Iso é unha cousa practicamente única na península ibérica. Eu penso que as rías son un ben precioso, tanto para a economía de Galiza como para a conservación da nosa bio-diversidade. Ese é o factor distintivo. Se pensas no Cantábrico, efectivamente hai diversidade, pero a topografía da costa é moi distinta. É unha costa moito máis aberta, rochosa, con acantilados, máis batida, …. Nas rías temos todo o que te poidas imaxinar en gradación de substratos sedimentarios e en variedade de substratos rochosos e todo iso ven acompañado doutros substratos secundarios. É dicir, a presencia de especie de animais e de plantas que de forma secundaria aportan hábitat, para outros organismos. Iso eu penso que non o atopas con facilidade en gran parte da costa da península ibérica.

X: E eses animais que fan de substrato para outros, que estás falando de mexillóns? ou da zostera? ou a que te refires?

JM: Por exemplos os mexillóns é un exemplo clásico porque os mexillóns son animais gregarios, non son moi grandes pero os mexillóns crecen xuntos. Todo ese entramado de centos e centos de mexillóns que viven nas rochas, tanto no rango de marea ou zona mesolitoral como a un pouquiño máis de profundidade. Eses mexillóns co biso que producen, con eses fíos que producen para suxeitarse ao substrato, introducen un hábitat tridimensional súper importante. Tanto sobre os mexillóns en si, sobre as súas cunchas, como este biso que teñen na base da cuncha para fixarse. Ese sería un exemplo perfecto tanto pola estrutura do animal como polo seu modo de vida, que é gregario. Pero tamén podes considerar, por exemplo, pequenos animais como os briozoos, moita xente non os ten en conta pero son animais coloniais que aportan substrato, ou as gorgonias que son un tipo de corais que tamén aportan substrato moi distinto ao que aportan os mexillóns, e incluso saíndo fora do mundo dos macro-invertebrados, moita algas. Hai unha gran variedade e moitas veces non pensamos nelas máis que porque son cousas que nos molestan cando estamos na praia tomando o sol ou nos metemos na auga. Pero a presencia en si de algas, algunhas incluso que están en recesión debido ao cambio climático, son fundamentais para aportar hábitat. Incluso as esponxas, que moita xente non pensa nelas porque non as ve, porque están debaixo da auga, moitas esponxas son por dicilo así: un microcosmos en si mesmas. Son alimento para moitos animais, nos seus sistemas de canais (porque as esponxas son unha masa chea de canais, se pensas nunha esponxa de baño) viven outros animais. Animais que se alimenta das esponxas ou que utilizan os canais para protexerse. Incluso hai lesmas de mar, os nudibranquios famosos, que se alimentan dalgunhas especies de esponxas en particular. A parte en si do hábitat que aportan, son interaccións e implicacións moi complexas no gran ecosistema que son as rías. Moitas veces é difícil separar os efectos dun respecto a outro, ou como están interacciónando. Aínda nos falta moito coñecemento nese sentido. Así que a xente que teña interese en investigar no mundo dos invertebrados mariños, na bioloxía mariña, ten campo de estudo. Non penso que saibamos nin o 10% do que deberíamos saber da bio-diversidade das nosas rías, e como todo iso funciona realmente, ou como se integra coas pesquerías, cos animais grandes, cos máis pequenos, como comentabamos ao principio desta entrevista. En fin, é un tema súper súper amplo.

Juan Moreira Jesus Troncoso Cristian Aldea Diva-09 campaña oceanográfica
Juan Moreira (no centro) con outros colegas investigadores.
X: Xa para ir rematando, en que estas a investigar agora? que andas a facer?

JM: Nun principio cando me metín neste mundiño, cando empecei a facer a tese, empecei cos invertebrados. Empecei a tratar de entender a ecoloxía dos invertebrados. No meu caso o máis básico era entender a ecoloxía dos animais de todo tipo, grandes macro-invertebrados que viven en substratos sedimentarios (area, lama). Sigo niso porque é unha cousa que nunca deixei de lado. Pero agora estou traballando noutras cousas, por exemplo, intentar interpretar, o que comentábamos antes, o impacto que ten o ser humano no medio mariño. Tanto no aspecto da contaminación (estou colaborando cuns compañeiros da universidade de Sevilla nese sentido) e o impacto que teñen as construcións artificiais na liña de costa. En particular estou colaborando cuns compañeiros da universidade de Sevilla e de Cádiz, interpretando a bio-diverisidade que vive nun tipo de hábitats artificiais que son as marinas. É dicir, estes pantaláns flotantes onde a xente fai amarras, son estruturas flotantes que ademais crean problemas tanto o que vive na superficie como o que vive no fondo. Estamos estudando, a súa diversidade de forma comparativa por todo o sur da península ibérica. Tamén estudamos os contaminantes e incluso biocidas, que están presentes neses hábitats e como están afectando á distribución das especies. Mellor dito, cal é a correlación que mostran as especies na súa distribución e diversidade respecto aos niveles destes contaminantes. Tamén a estrutura do sedimento en sí, ousexa a parte fisico-química. Por suposto, parte da miña vida científica é taxonomía: o estudo da diversidade en si. É dicir, a descrición de especies, re-descrición de especies, saber cantas especies dun grupo zoolóxico de macro-invertebrados hai nun sitio, … No meu caso, basicamente dedicorme aos poliquetos, que son un tipo de vermes mariños e a algúns tipos de crustáceos como xa comentamos antes, como os anfípodos ou os filocáridos, que son un grupiño moi interesante e moi pequeno, residual dende o cámbrico, son un grupo como de fósiles viventes. Por resumir, a miña liña de investigación actual é a mesma basicamente que cando empecei a tese, é dicir, a ecoloxía e a taxonomía dos invertebrados. Saber que diversidade temos e se non a coñecemos describila, especies novas se é posible, e por outra parte entender a súa ecoloxía e como o ser humano está interferindo ou afectando á composición diversidade e estrutura destas comunidades. E ao final para entender como nos podemos facer mellor as cousas, porque ese coñecemento é básico e se non o temos non podemos facer unha xestión correcta e integral, independentemente de cuestións, políticas, económicas e sociais, que tamén son importantes do medio mariño.

X: Moitas gracias Juan por concederme a entrevista, e vémonos no mar!

JM: Espero que si eh! canto antes mellor Xandro. Encantado de participar.

Si queres saber máis sobre macro-invertebrados mariños neste blog atoparás unha manchea e artigos. Empezando polos poliquetos, un dos grupos no que está especializado Juan Moreira, pero tamén sobre mexillóns, esponxas ou crustáceos.