📡[Podcast] Entrevista: 13grados (Silvia Iglesias e Sara Carrasco)

9 minutos de lectura

Silvia Iglesias e Sara Carrasco: “13grados é una cooperativa adicada á divulgación e conservación do medio mariño. Achegar o mar á xente é o noso principal obxectivo”

Cando unha persoa atopa a súa verdadeira paixón na vida é cando xurden este tipo de proxectos. 13grados é moito máis que unha simple cooperativa e a colaboración de dúas mulleres ás que lles gusta mergullarse. A unha temperatura de 13 grados sumérxense na auga e gravan nas súas retinas toda a vida mariña que observan para, despois, contarcho a través de ilustracións e fotografías. A isto o chamaron Alén do azul.

Xandro (X): Benvidas Silvia e Sara!

Silvia Iglesias (SI) e Sara Carrasco (SC): Moitas grazas, encantadas de estar aquí en marabaixo.

X: Primeiro de todo, moitas gracias por estar aquí e por deixarme contar a vosa historia mareira. Así que decídeme, que é 13grados e quen o formades?

SI: Pois a ver, 13grados é una cooperativa adicada á divulgación e conservación do medio mariño, principalmente das Rías Raixas, coa que elaboramos actividades e recursos para achegar o mar á xente, ese é o noso principal obxectivo. Formámolo nós as dúas. Aínda que levamos pouquiño tempo constituídas como cooperativa, dende o verán, a idea leva nas nosas cabezas bastante tempo.

SC: De feito poderiamos dicir que todo comezou cando comezamos a mergullar. A partir de descubrir ese mundo que atopamos baixo o mar pois enganchámonos. Esnachámonos moitísimo e apaixonábanos moitísimo o que alí tiñamos. Descubrir esa riqueza e esa beleza, que ademais pensamos que é moi descoñecida, e que está chea de cores e multitudes de especies, que ás veces nin imaxinas. A forza de mergullar, de ir aprendendo. A curiosidade por saber que isto que estou a mirar e buscalo, un poco foi forxando esa idea de… isto temos que contarllo á xente. Temos que dar a coñecer estes tesouros que temos no fondo. E foi collendo así forma, pouco a pouco, ata que nun momento dado, decidimos darlle un xiro á nosa vida e tentar centrarnos en traballar en isto, no medio mariño.

X: Que bonito! e que ben o explicades, polo menos seredes mestras, digo eu, polo ben que vos explicades, de profesión. 

SI: Mestra de profesión non. Eu son psicóloga, e si que estiven vencellada ó eido da educación durante os últimos anos de traballo porque traballaba moito con rapaces e adolescentes. Pero bueno, mestras, non.

SC: Eu de feito son fisio. Si que tamén din clases, pero é outra historia

X: Ou sexa, que nada que ver a vosa formación co mundo do mar

SI: Claro, tamén iso nos da unha idea do que pode chegar a enganchar algo, sen necesidade de saber bioloxía, nin ser científica. Claro, ao querer centrarnos nisto fomos formámonos en bioloxía mariña, en educación ambiental e demáis, para ter una base na que poder apoiarnos. Pero vimos de campos, en principio algo alonxados do fondo do mar. En principio, porque a psicoloxía penso que sempre é útil, e para mergullar penso que é moi importante. E se mergullar con frecuencia e tes una fisio ao lado, pois estupendo tamén para as dores que poidan xurdir.

SC: Eu creo que iso tamén nos fixo ver moito, esa necesidade de dar a coñecer o que temos aquí. Ao non ser nos científicas, ás veces faltábanos esa información que queriamos saber. E víamos a dificultade para chegar a ela, entón foi como,… isto hai que facelo máis fácil. 

X: (rio) Super importante ter unha fisio, sobre todo despois de mergullar.
X: A min cando me preguntan que é o que me atrae do mar, sempre solo dicir que é como unha referencia para a xente que nacemos cerca do mar. Eu nacín en Malpica e ter iso aí, saber que o mar está aí é como unha referencia e ao mesmo tempo é como un polo de atracción que sempre estás a mirar para el. E cando non estás cerca, botalo de menos, por iso, porque necesitas que esté aí cerca de ti. A vos que é o que vos atraer do mar? pásavos coma min?

SC: Eu creo que esa sensación sempre está, a de darche certa tranquilidade saber que o tes aí ó lado. E a verdade é que nos gusta todo, porque é un mundo tan diferente. A min particularmente chámame moitisimo a atención que cada día alí abaixo é distinto. En función da hora do día que vaias, da estación do ano na que estes, … o mesmo punto de buceo varía moitísimo. Varía moito a vida, varía moito o que ti ves. É unha sensación incrible a verdade. 

SI: Eu tamén gusto moito diso, e tamén vencellada a idea esa do cambio constante do medio mariño, a min gústame moito por que sempre aprendo algo. É dicir, cada vez que baixo descubro algo novo ou vexo algo novo, sorpréndome, e iso paréceme marabilloso. E logo, o que se di moitas veces, que é como estar noutro mundo. Estou falando de mergullar claro, que me desconecta por completo. De repente todo o que está fora do mar, como que desaparece. Todo, o que ves o que escoitas, paréceme una sensación de desconexión e conexión co fondo mariño moi especial.

SC: Mesmo iso, dar un baño na praia a veces fai que che cambie totalmente o día e o humor.

X: Falando de facer mergullo. Levades moitos anos, polo que dicides, mergullándovos, non? Na vosa experiencia, notades algún cambio no mar? para ben ou para mal?. A parte deses cambios diarios que decides que notades. Refírome a cambios provocados polos humanos.

SC: Nos, realmente levamos pouco tempo mergullándonos comezamos a mergullar no 2012 e con máis frecuencia no 2017. Son períodos de tempo curto para os cambios na biodiversidade. Pero compañeiros nosos que levan toda a vida na auga, eles si que falan desa perda de riqueza aquí. Como foi o tema das centoleiras ou os santiaguiño, que agora son cousas excepcionais, que cando ves un santiaguiño fas unha festa.

SI: O que si atopamos, quizáis este non é un cambio se non unha realidade que probablemente xa existira antes e que co paso do tempo vaise acumulando máis, é certos problemas coa contaminación. Por unha parte atopamos moitísimos artes de pesca, redes, cabos,… abandonadas ou perdidas no fondo do mar, que están a facer pesca fantasma. Seguen a capturar animais, sen ningún tipo de sentido, nin de fin, mentres estean aí no fondo e ademais están a contaminar, por que gran parte teñen compoñentes de plástico e doutros materiais. Chamounos tamén moito a atención, nunca pensaramos nisto hasta que mergullamos, o tema da contaminación acústica. E brutal como se percibe o son cando estás baixo o mar, e como iso afecta aos animais que alí viven. Eu non sei se é que agora fíxome máis ou que, na contaminación acústica, pero dá a impresión, no verán máis que no inverno que hai mais tráfico. Dáme a impresión de que cada vez hai máis. E outra cousa que vemos moito é a presión pesqueira. Nalgunhas especies, especialmente as que teñen moito interese comercial. Son flutuacións no tempo, non é un cambio a longo pazo pero a veces si que se ve como afectan a merma bastante importante dalgunhas desas especies.

Portada libro Alén do Azul
Portada do Libro “Alén do Azul”
X: Bueno entrando xa en materia quería preguntar polo voso libro. Por que vimos aquí a falar do voso libro. Titúlase “Alén do Azul” e amosa paisaxes e especies sobre todo da ría de Vigo, pero tamén de todas as rías baixas. Como conseguides un libro? Como conseguides vos, dúas rapazas de Vigo, facer un libro de divulgación científica?

SI: A historia longa e porque isto comezou hai uns tres anos máis ou menos. Precisamente por todo ese mundo que estabamos a descubrir e o que comentaba Sara. Comezamos gravando con unha GoPro, destas que non teñen pantalla por detrás nin nada, imaxina os planos cando chegabamos a casa. O locurón de intentar identificar algo nese tipo de planos. E buscas información, pero se non sabes o que un sargo ou que tipo de peixe pertence é moi complicado. Para os principiantes non hai información que che axude a dicir: tes que buscar aquí, fíxate se ten o corpo aplanado, fíxate se ten esta cor. Vivindo todo isto, dicimos facer unha especie de guía visual tradicional das especies que temos na ría. Esta foi a idea inicial pero co paso do tempo foi dando voltas e mudando, e tirando quizais cara algo máis artístico, máis visual e menos exhaustivo. Ao final, os últimos cambios foron coa editora, con catro ventos que conseguiu darlle un fío condutor moi interesante, ate acadar o resultado final que é o que temos agora.

X: Onde podo comprar eu este libro? e máis importante, porque debería compralo?

SI: Podes mercalo a través da nosa páxina web, 13grados.com porque temos alí unha sección de tenda online, ou mesmo na páxina web da directora, catro ventos, e logo está dispoñible en bastantes librarías e mesmo en tendas amigas, que lle chamamos, que son puntos de venda como pode ser o Matina, ou Vaidhe aquí en Vigo. E porque mercalo…

SC: Con toda esta historia da Covid, tamén unha das cousas que lle fixo darse conta a moita xente foi desa necesidade de contacto coa natureza. Eu creo que este libro pode ser un bo primeiro paso dese achegamento a que hai baixo a superficie da auga. Que temos aquí ao noso carón.

SI: Eu penso que quizais un punto forte que ten é que é moi accesible. É dicir, non tes que ser mergulladora, nin bióloga, nin científica, nin ter una formación concreta para poder desfrutar do libro. En parte porque tamén é moi visual: ten as ilustracións de Sara, ten fotografías, mesmo ten códigos QR para acceder a vídeos que estamos actualizando continuamente. Tes un pouquiño de todo, coa idea de facelo máis ameno. O que falabamos antes, educación ambiental vencellado ao ocio e ao desfrute dun mundo que se presta moito para ser desfrutado.

X: Cales son os vosos novos proxectos. Con que nos ides a sorprender?

SC: Pois a verdade é que levamos pouco tempo aínda oficialmente. Si que temos moita ideas rondando a cabeza que aínda non tivemos tempo de materializar. No tema das guías de peixes que estabamos a facer, aínda queda traballo por diante 

SI: Estamos a re-inventarnos moito, porque polas circunstancias da Covid moitas cousas que tiñamos pensadas temos que déixalas un pouquiño aparcadas porque son máis traballo de campo. O de facer actividades na praia, de snorkel no intermareal quedou un pouquiño de lado e estamos vendo a opción de poder darlle unha nova forma máis online. Temos un tema vencellado á realidade virtual, pero para iso aínda queda. Ideas temos moitas porque é un mundo que dá para moito. Temos moito que facer cada un de nós a nivel individual na nosa vida diaria para poder favorecer a saúde do mar. Tanto coñecelo como poder aportar esa parte persoal no noso día a día pensamos que a cousa moi importante.

X: Eu vin unha cousa no voso Instagram que me chamou moito a atención que é un ROV. Estabades usando un ROV. Paréceme súper curioso porque é algo que hai uns anos parecía algo inaccesible completamente para os mortais. Cando vin a foto dixen Buah! que fan cun ROV?

SI: Que conste que non é noso. Ogallá o fose pero non. Se fose noso estariamos agora xogando con el na praia seguro, porque é unha marabailla. Ese foi o día que puidemos probalo. Temos un amigo e colaborador que si que é piloto de ROVs e dispón dese pequeno xoguetiño, e foi unha maravilla. Tanto para ir a sitios de difícil acceso e demais é moi interesante o poder dispoñer del.

X: Pois moitas gracias e que teñades moita sorte nos vosos novos proxectos.

SI e SC: Moitas grazas. Moitísimas grazas por facernos un oco e encantadas.

Máis información