O outono é a época do ano na que máis me gusta achegarme á natureza. O impacto que me provocan as cores das árbores desta estación non é igualado por ningunha outra paisaxe. No mar as cousas son un pouco diferentes, e a escena que se pode ver baixo a auga das rías galegas estes días non é comparable coa da Ribeira Sacra ou o Courel. Non é porque a inmersión no outono mariño, non transmita emocións, senón porque as sensacións no mar percíbense doutro xeito. Outomar é o que está a acontecer agora na nosa costa.
Índice de contenidos
Paisaxes de outono mariño
As cores de outono non se aprecian de igual xeito no mar. A auga absorbe as radiación e as cores vermella e amarela déixanse de percibir conforme profundizamos. Tampouco hai moitas árbores que muden as súas cores a ocre, amarelo ou vermello. De feito, esas cores non son nada habituais en animais mariños, nin no outono nin no resto das estacións do ano. Ou sexa, que o fondo do océano en outono continúa a ser de cor verde-azulado, coma durante todo o ano. Este fenómeno está ben explicado no vídeo de arriba.
Non caen as follas das algas, porque as algas non teñen follas, pero igual que hai árbores de folla caduca e perenne no mar tamén hai algas caducas e perennes. Algunhas especie como a alga parda Saccorhiza polyschides, dexenera durante o outono e entra nunha fase microscópica do seu ciclo vital. Asi, o seu corpo (esporófito), que chega a medir máis de metro e medio de longo, pudre no outono e non se ve rastro del ate a primavera. A Saccorrhiza e outras algas pardas semellantes, viven en zonas rochosa formando grandes acumulacións submareais parecidas a montes. Os hábitats que forman as ganes extensións de algas pardas arborescentes chámaselles bosques de laminariales ou bosques de kelp, e son un hábitat de importancia comunitaria. Aínda que a estructura interna destas algas non ten nada que ver coa das árbores, (posto que non teñen vasos conductores) no seu corpo distínguense tres partes con funcións semellantes á das raíces, tronco e follas das árbores. A caída das Saccorrhiza acontece mentres nas fragas están a caer as follas dos castiñeiros e carballos, polo que podemos dicir que os montes submariños tamén outonan.
Magosto con sabor a mar
No magosto ou no samaín, adoitamos comer cabazas, setas, castañas ou viño novo, pero tamén poderíamos comer marisco. Segundo os expertos, as condicións organolépticas de moitos mariscos son óptima nesta época, e non solen ter un prezo tan elevado como no verán ou no nadal. Tamén é habitual que sexa nesta época do ano cando os bateeiros recollen o mexillón para o seu consumo en fresco. Aínda que o mexillón se extrae durante todo o ano, nesta época e cando está máis saboroso, por iso quizais deberamos mudar o refrán e dicir que “polo San Martiño faise o magosto con mexillóns e viño“. Curiosamente, unhas das festas gastronómicas máis antigas de Galiza, a Festa do Marisco do Grove, tamén se celebra neste mes. Será por aproveitar este momento doce dos froitos do mar?
Capear o temporal
É tamén a época na que comezan a entrar pola costa as borrascas que traen choiva, frío e fortes ondaxes. O vento non se sinte zoar nos ouvidos baixo o mar, pero si o golpe das ondas cando baten contra as rochas. As ondas cando baten, tamén impactan contra aos animais e ás algas que viven apegados nelas. Cando o temporal arrecia, algúns seres vivos son desprendidos pola forza das ondas, por iso é habitual nesta época atopar arribazóns de algas nas praias. Os temporais tamén afectan aos animais que se poden desplazar, como os cetáceos, xa que moitas veces se ven obrigados a refuxiarse para capear o temporal.
Aínda que o mar e a terra son completamente diferentes, a transición do verán ao inverno que se produce no outono afecta de xeito semellante aos seres mariños e aos terrestres. As galegas e galegos recoñecemos o outono nas cores ocres das árbores, nas castañas, no viño novo e no lume acendido na estufa ou na lareira, pero no mar non hai cores ocres, nin follas caídas, nin lume e temos que aprender a recoñecelo doutro xeito. Só coñecendo o mar aprenderemos a respectalo.