Os mareos no mar: como superalos.

7 minutos de lectura

É unha cuestión moi habitual, cando embarcamos, querer saber se sufriremos mareos ou non. E en caso afirmativo, que podemos facer para evitalo e solucionalo? Por iso debemos ter claro que todo o mundo pode marearse nunha embarcación, pero tamén que podemos reducir ou evitar os síntomas de formas sinxelas, como alimentos ou medicación lixeira. Os mareos no mar son comúns pero superables.

Mirar ao horizonte sen fixar a vista como método para evitar os mareos
Mirando cara ao horizonte para evitar os mareos

Que é o mareo e por que nos mareamos ao navegar?

O mareo por movemento ou cinetosis coñécese tradicionalmente como “mal de mar”. É un trastorno do sentido do equilibrio e da orientación espacial orixinado por una percepción equivocada do que nos rodea.

A base dos mareos está no oído interno, que xestiona o equilibrio, e nas sinais que lle envía ao cerebro, que se contradín coas sinais que envían os ollos. É dicir, o cerebro recibe por parte das canles semicirculares do oído a sinal de movemento, pero os ollos envían a sinal contraria, indicando que non nos movemos. Tamén se pode producir mareo cando se sobreestimulan estas zonas do oído por mor dun movemento excesivo e non unicamente por información contraditoria.

Neste proceso, ademais de participar os sensores de movemento (ollos) e o do equilibrio (oído), tamén participan os sensores musculares, xa que son as terminacións nerviosas dos músculos e articulacións que informan sobre a posición corporal.

Anatomía do oído, onde se sinalan os canais semicirculares. É un dos órganos responsables dos mareos por movemento.
Anatomía do oído, un dos órganos responsables dos mareos

É importante ter en conta e recordar que todo o mundo pode marearse, de feito, hai moi pouca xente que non se mareara nunca. Ben é certo que co paso do tempo e a repetición do estímulo que orixina os mareos, pódese reducir este risco. Mais é importante non esquecer que o feito de marearse non é de novatos ou de xente pouco mariñeira. Incluso o máis bravo home de mar pode sucumbir aos mareos calquera día de labor.

Dentro dunha embarcación é máis fácil marearse na cabina que en cuberta, xa que no interior faise máis notoria a confusión entre as sinais recibidas polos nosos sentidos, ao non apreciar o que nos rodea de forma clara. Por outra banda, a exposición repetida ao estímulo que orixina os mareos reduce o risco de que aparezan, sen embargo, non o evita de forma absoluta. Así, podes estar acostumado a navegar en grandes embarcacións ou en mares tranquilos, pero un día vas nunha embarcación pequena ou nunha tormenta podería perfectamente aparecer a cinetosis.

Nun primeiro momento os mareos producen unha sensación de incomodidade e inestabilidade que ven acompañada de somnolencia, vertixe, bocexos continuados, suores fríos, dificultade para concentrarse e lividez. A continuación, precedido de salivación excesiva e as náuseas, aparecen os vómitos. Unha vez alcanzado este punto, chega unha sensación de letargo.

A prevención dos mareos.

É moito máis sinxelo e eficiente previr os mareos antes, que frealos unha vez comezaron os seus síntomas. É un pouco o mesmo que se di cando nos falan de tratar a dor antes de que comece.

Deste modo, hai varias opcións para xestionar o mal de mar, dende a medicación ate trucos máis tradicionais que veñen xa de lonxe.

Para comezar, podemos falar da alimentación, xa que recoméndase facer comidas lixeiras antes de embarcar, usando auga, froita e bebidas edulcoradas.  Recoméndanse as mazás verdes, a menta, froitos secos e alimentos ricos en vitamina C. O xenxibre é un alimento que está vinculado a moitos efectos beneficiosos, entre os que destaca a mellora da circulación sanguínea, o que favorecería a chegada do sangue e do osíxeno ao organismo, de tal forma que evita o mareo. É un inhibidor natural das náuseas.

Os alimentos ricos en vitamina C, como as laranxas ou mazás acedas, recoméndanse por ser antihistamínicos naturais que inhiben a acción da histamina. Isto débese a que canto máis baixos son os niveis da histamina menor son os efectos do mareo ou as posibilidades de que teña lugar. Esa é a razón pola que as principais pastillas contra os mareos son antihistamínicos. Da mesma forma que se poden consumir alimentos ricos nesta vitamina, tamén hai pastillas ou caramelos con elevado contido que podemos usar antes de embarcar, de xeito preventivo.

Recoméndase, en caso de comezar a notar esa sensación de malestar, situarse nas zonas máis estables da embarcación, como o centro ou a proa, buscando localizacións con boa ventilación e na que se poida mirar cara ao horizonte.

Debemos respirar pausada e prolongadamente, deixando saír o aire, e evitar os movementos bruscos. Axuda tamén mover relaxadamente os ombreiros para relaxar a musculatura e tratar de sincronizar o noso corpo ao movemento da embarcación. A idea neste caso sería imitar a postura que tantas veces observamos nas películas de piratas: as pernas de mar. É dicir, unha posición corporal relaxada, coas pernas abertas para estabilizarnos e permitindo ese lixeiro balanceo que nos sincroniza coa navegación, que deberíamos acompañar dunha respiración longa e profunda.

Algúns consellos para evitar os mareos no mar

Hai casos en que unha boa distracción, como traballar no temón, poden axudar a evitar e distraerse da sensación de mareo. Neste caso as mellores funcións que se lle poden indicar a unha persoa que comeza a ter sensación de malestar son aquelas que lle permitan ter acceso a unha posición estable e de boa ventilación na que poida mirar cara ao horizonte.

Un truco moi tradicional e vinculado á cultura asiática é a de facer presión nun punto concreto do pulso a uns cinco centímetros da unión entre brazo e man. Pódese facer presión con un cacho de papel do tamaño dun chícharo colocado debaixo do reloxo, mantendo a outra man apertando as veas do pulso ou coas pulseiras antimareo, que teñen unha boliña para producir este efecto. A idea disto é a mesma que a do xenxibre: mellorar a circulación e a osixenación do sistema, reducindo así as náuseas.

Cando xa os síntomas dos mareos comezaron e chega a sensación de debilidade o mellor é deitar á vítima en posición lateral, nun lugar estable e ventilado. É importante recordar que ese lugar non é no interior, xa que a ventilación será peor e o movemento maior, senón no exterior da embarcación, sempre que isto sexa posible.

Algúns medicamentos para previr e evitar os mareos no mar.

O tratamento preventivo máis habitual é o dimenhidrianto, cuxa marca máis coñecida en España é a Biodramina. Ten propiedades antihistamínicas, anticolinérgicas, antimuscarínicas e antieméticas. Tarda uns 30 minutos en notarse o seu efecto, que dura entre 3 e 6 horas, polo que é recomendable tomalo antes de embarcar. Como ten un efecto de somnolencia véndese tamén con cafeína, para contrarrestar este efecto e así non pasar toda a viaxe querendo durmir.

A prometazina é un medicamento que precisa receita médica. Normalmente utilízase para alerxias, vómitos, mareos, etc. Ven en dose inxectable e recoméndase en casos graves de cinetosis. O seu nome comercial en España é Frinova.

Tamén se poden utilizar parches de escopolamina e as xa mencionadas pastillas de vitamina C.

Imaxe das vistas dende a Punta Pragueira, con mar movida, que aumenta o risco de sufrir mareos.
As mares bravas e as tormentas aumentan o risco de sufrir mareos

Factores de risco para os mareos no mar.

A idade pode ser considerado un factor de risco, xa que os nenos de menos de dous anos así como os maiores de 50 son menos proclives a sufrir mareos por movemento. En cambio teñen maior tendencia a marearse os nenos (2-12 anos).

Tamén poden considerarse antecedentes familiares e certo compoñente xenético, aínda que farían falla máis estudos dos que hai sobre o tema para comprobar de feito canto é o peso dese contido herdable. Si que teñen unha vinculación clara certas patoloxías como as enxaquecas ou a laberintitis (trastorno do oído interno).

O consumo de bebidas alcohólicas, de bebidas acedas e de lácteos aumenta o risco de sufrir mareos. O mesmo ocorre coa fame e coa pouca ventilación. Neste último caso é importante a presenza de fumes e cheiros fortes como o fume do tabaco ou dos combustibles.

Cando o corpo xa ven desencaixado do día anterior, con resacas, indixestións, acidez ou fatiga, tamén se pode atopar un incremento da posibilidade de sufrir mareos ao navegar. Do mesmo xeito, é posible que as mulleres embarazadas se mareen máis que cando non están nese estado, xeralmente por un efecto intrínseco de falta de estabilidade do organismo nese período.

Nas nosas viaxes para ver A Coruña dende o mar coidamos dos nosos invitados, tratando de previr os mareos. O que buscamos e queremos é que todo o mundo poida desfrutar de bos momentos de ocio, polo que levamos con nós aperitivos e bebidas, así como un botiquín adecuado, para darvos un paseo inesquecible.

E recorda, por se tes dúbidas sobre o clima ou as condicións que te acompañarán cando fagas unha viaxe, sempre podes preguntarnos ou consultar meteogalicia!