Non son zamburiñas todo o que comemos

3 minutos de lectura

Hai tres bivalvos pectínidos nas nosas costas que se explotan polo seu alto valor comercial. Os tres teñen unha distribución xeográfica semellante e aínda que os tres son apreciados, unhas especies están máis valoradas ca outras económica e culinariamente falando. Convén aprender a diferencialas para que non nos dean “gato por lebre”, velaquí unhas pequenas claves para distinguilas:

Vieira [Pecten maximus (Linnaeus, 1758)]: É un animal grande comparado coas outras dúas especies, como o seu nome científico xa indica (ate 150mm). Ten unha cuncha plana e a outra cóncava (con forma de cunca), entre 15-17 costelas e cor branco escuro, crema ou acastañado. Outra característica que a diferencia claramente é que ten as dúas orellas da cuncha iguais: as dúas cunchas son simétricas. Podemos atopala dende a parte máis baixa do intermareal ate 150m de profundidade en fondos de area.

No mercado só poden atoparse conxeladas xa que as vieiras galegas non se poden comercializar en fresco sen ser evisceradas. Isto acontece porque as vieiras non detoxifican igual que outras especies como o mexillón ou a ameixa, e acumulan elevada cantidade de toxinas (das mareas vermellas) polo que é preciso retirarlle a glándula gástrica (tamén chamado hepatopáncreas) para seren consumidas sen risco para a saúde. Son sen dúbida as máis valorada das tres.

 

Zamburiña [Mimachlamys varia (Linnaeus, 1758)]: Ten as dúas cunchas cóncavas e alongadas, as orellas desiguais e moitas máis costelas cás outras dúas (sobre 40). As orellas das cunchas de zamburiñas son moi asimétricas, moito máis cás da voandeira. Teñen cor moi variable: branca, violácea, rosada, laranxa, marrón e ate case negra, e se lles pasas a man pola cuncha nótanse unhas espiñas ou pequenas protuberancias. Podemos atopalas dende a parte baixa do intermareal ate uns 100m de profundidade, normalmente apegadas a pedras.

Estes animais, adoitan estar cubertos de fauna e flora epibionte como esponxas, algas, arneiróns, vermes poliquetos, outros moluscos, etc., e sábese que coa esponxa Halichondria panicea ten unha relación mutualista, na que a esponxa se favorece ao alimentarse do movemento de auga de filtración da zamburiña, e a zamburiña é defendida dos ataques das estrelas de mar (un dos seus principais depredadores) polas espiñas que ten a esponxa.

Voandeira [Aequipecten opercularis (Linnaeus, 1758)]: As voandeiras poden semellar unhas vieiras pequenas pero teñen as dúas cunchas cóncavas, e as orellas desiguais. Presentan aproximadamente 20 costelas e cor pardo-alaranxada. Podemos atopala dende a parte baixa do intermareal e ate 150m de profundidade en fondos de area ou grava, ás veces as cunchas teñen epibiontes como esponxas e vermes poliquetos. Dos tres pectínidos a voandeira é a que menos valor culinario e comercial ten en Galiza, pero existen unhas elevadas capturas.

Capturas dende o 2001 de pectinidos na Galiza
Capturas dende o 2001 de pectinidos na Galiza consultado en pescadegalicia.gal o 12/09/2017

É difícil diferenciar a voandeira e a zamburiña sen cuncha, pero do total de capturas das tres especies na Galiza, a zamburiña supón menos do 1%, polo que parece complicado que sexa a de maior consumo. Para poder distinguilas polo sabor ou pola forma da carne é preciso ter bo padal, experiencia e bo ollo, polo que é doado que aínda que na carta poña “zamburiñas” se trate de voandeiras.

Coñecer as características destas tres especies é a única alternativa que temos como consumidores para que non nos dén “gato por lebre”, quizais as claves que se dan neste texto poidan axudar nesa labor.

Bibliografía:

Brand, A. R. (2006). The European scallop fisheries for Pecten maximus, Aequipecten opercularis and Mimachlamys variaDevelopments in aquaculture and fisheries science35, 991-1058.

Duncan, P. F., Brand, A. R., Strand, Ø., & Foucher, E. (2016). The European Scallop Fisheries for Pecten maximus, Aequipecten opercularis, Chlamys islandica, and Mimachlamys varia. In Developments in Aquaculture and Fisheries Science: Scallops Biology, Ecology, Aquaculture, and Fisheries, 3rd edition (Vol. 40, pp. 781-858). Elsevier BV.

http://www.marinespecies.org consultado o 12/09/2017.

https://www.pescadegalicia.gal/ consultado o 12/09/2017.