Por que non debes comprar esponxas mariñas naturais

5 minutos de lectura

Parecen plantas porque viven apagados ao fondo mariño, pero son os animais máis primitivos. O seu nome científico, Porífera, fai referencia aos poros que cubren a súa superficie corporal. O esqueleto está formado por fibras proteicas e elementos minerais, chamados espículas. Nas especies comerciais este esqueleto está formado só por fibras de esponxina, o que lle dá unha textura suave e mol.

As esponxas son un artigo de luxo pero tamén un recurso mariño en extinción. Aínda que parece unha opción ecolóxica e sen fibras sintéticas para enxaboarte na túa bañeira, é preferible que empregues fibras vexetais e non un animal mariño.

Unha esponxa de baño
Unha esponxa de baño

Pesquería ameazada pola sobepesca

Foron os exipcios e os fenicios, os primeiros en empregar as esponxas como utensilio de baño hai máis de 5.000 anos, e dende entón a extracción deste recurso non cesou. No Meditárraneo existe unha grande tradición de recollida de esponxas mariñas. Diversos textos de Aristoteles, Platón ou Homero citan o seu uso. No século XIX xeralizase a súa compra e convertense nun utensilio de “moda” habitual nas casas. Dende entón, a demanda nunca diminuíu e hoxe está lonxe de ser satisfeita. 

A pesar de que dende o último século a gran maioría das esponxas que usamos son obxectos de fibras artificiais seguen extraéndose toneladas destes animais. Como cada vez hai menos esponxas naturais o prezo comercial elevouse, e moitas especies converteronse en obxectos de luxo. É tal a escaseza e tan alto o seu valor que incluso se cultivan nun tipo de batea especialmente deseñada para ese fin. 

Evolución das capturas de esponxas no Mediterráneo
Evolución das capturas de esponxas no Mediterráneo

Un dos exemplos máis claros de pesquería insustentable atopámolo no Mediterráneo onde as capturas de esponxas descenderon drasticamente en 70 anos como se pode ver no gráfico. Neste mar existe unha gran tradición na extracción de esponxas, pero tamén noutras zonas do mundo existe unha pesquería de esponxas na que están ameazadas: o Mar Caribe, Nova Guinea e a Gran Barreira de Coral, son 3 exemplos pero hai máis. 

Epidemias

A desaparición das esponxas non só se explica pola sobre-explotación senón que tamén influíron varios eventos de epidemia. Os primeiros foron documentados en 1906 e 1914, pero tamén os houbo posteriores. Estes eventos de pandemia están relacionados coa mudanza climática e algunhas actividades urbanas e agrícolas. A aparición de puntos brancos na superficie é o primeiro estadío da enfermidade, que avanza facendo desaparecer o tecido vivo do animal e deixando ao descuberto o seu esqueleto. Finalmente colapsa a estrutura e o animal perde a capacidade de alimentarse.

Evolución dunha esponxa caribeña afectada. Fonte: caribbeanreeflife.com
Evolución dunha esponxa caribeña afectada. Fonte: caribbeanreeflife.com

Non se sabe cal é a causa exacta desta enfermidade pero sospéitase que se pode tratar dunha infección por fungos ou bacterias. O que si está clara é a relación ambiental destas  infeccións. Como aconteceu en 1906 cambios nas condicións oceanográficas no hábitat, provocan alteracións no animal que o fan máis propensos a infeccións. 

Especies chave na investigación

A súa superficie porosa e o seu corpo cheo de canais sirve de acubillo a moitas especies mariñas tanto vexetais como animais. Algas, crustáceos, moluscos, etc, usan como refuxio as esponxas, o que as convirte nunha especie chave en moitos hábitats como os arrecifes de coral. Tamén viven en simbiose con bacterias e algas.

Como comentaba Lucía Pita nesta entrevista, estes animais non teñen sistema inmune propiamente dito pero para defenderse de infeccións ou evitar a obstrución do sistema de filtración, numerosas especies producen compostos bioactivos con propiedades anti-bacterianas, anti-virais, anti-inflamatorias, herbicidas e anti-fouling. Algúns destes compostos teñen propiedades farmacolóxicas nos humanos por iso moitas científicas de todo mundo os investigan. Estas liñas de investigación levou, por exemplo, a atopar compostos anti-tumorais e anti-canceríxenos procedentes destes primitivos seres.

En Galiza nunca se extraeron de xeito comercial, a pesar de que están presentes nas nosas costas especies de baño como Spongia officinalis

Alternativa vexetal

Si o que queres é empregar un utensilio de baño con pouca pegada ecolóxica, debes apostar polas fibras vexetais. Unha das alternativas máis comúns é versátiles é a feita da cabaza luffa. Como se pode ver neste vídeo é doado se tes unha horta. 

Conclusións

O uso de esponxas mariñas como utensilio de baño non é unha alternativa ecolóxica. A sobre-explotación, as epidemias e o deterioro dos hábitats mariños, ameazan estes animais en todo o mundo.

A próxima vez que compres unha esponxa natural lémbrate de que estas a usar o esqueleto dun animal primitivo. Quizais así re-penses esta idea e optes por unha alternativa máis ecolóxica. 

Máis información

Webster, N.S. Sponge disease: a global threat?. Environmental Microbiology (2007) 9(6), 1363–1375

Pronzato, R. & Manconi, R. Mediterranean commercial sponges: over 5000 years of natural history and cultural heritage. Marine Ecology 29 (2008) 146–166.

La Voz de Galicia.18/02/2012.Las esponjas de mar gallegas tienen propiedades antitumorales

Corriero, G., Longo, C., Mercurio, M. Carlotta, Marzano, N., Lembo, G., Spedicato, M.T. Rearing performance of Spongia officinalis on suspended ropes off the Southern Italian Coast (Central Mediterranean Sea). Aquaculture 238 (2004) 195 – 205