Un estudo realizado durante o confinamento da Covid-19, detectou menor incidencia en síntomas de ansiedade e/ou depresión nas persoas con contacto coa natureza. Este estudo realizouse mediante enquisas online en distintos países durante o confinamento. Nos resultados destacase os beneficios do contacto coa natureza para a nosa saúde.
Índice de contenidos
Unha enquisa online
Máis de 6.000 persoas contestaron unha enquisa online mentres sufrían as restricións máis severas conta a pandemia da Covid-19. O estudo, que está accesible na plataforma SocArXiv, foi realizado por persoal investigador do País Vasco, Reino Unido e Noruega.
Esta enquisa de 54 preguntas, foi distribuída mediante correo-e, en idioma Español e Inglés. Para contestalo debía cubrirse un formulario de “Googe Forms”. Contestaron 6.080 persoa dende 77 países, maioritariamente residentes no continente europeo. Os países nos que participou máis xente foron: España (3.704 persoas, o 61%), Reino Unido (451 persoas, o 7.4%) e Alemaña (324 persoas, o 5.3%).
O período de tempo no que estivo activa a enquisa, entre o 17 de abril e o 8 de maio, foi inmediatamente posterior a que os gobernos europeos decretasen o confinamento máis restritivo. O estudo distingue 3 graos de dureza no confinamento: no nivel 1, o máis severo (que se viviu por exemplo en España, Italia ou China), a xente non puido saír das súas casas excepto para ir a traballos esenciais, para comprar comida, por emerxencia ou para sacar a pasear a súa mascota. No nivel 2 (en Francia ou Reino Unido), permítese saír da casa un certo tempo para facer exercicio, e no nivel 3 (países escandinavos) as limitacións de movemento atendían a recomendacións vinculantes para determinados espazos.
A nosa saúde tamén está natureza
Chámaselles “servizos culturais” aos beneficios obtidos polos humanos no contacto coa natureza, é dicir, os efectos non materiais que melloran a saúde física e mental. Estes efectos xa foron descritos noutros estudos, pero esta publicación afonda neles.
Unha das principais conclusións deste estudo é que as persoas con acceso directo a ambientes verdes-azuis, como parques, xardíns, piscinas, montes, praias, lagoas ou ríos, tiveron unha menor incidencia en síntomas de ansiedade e/ou depresión. Ou o que é o mesmo, as persoas que non podían saír da súas casas e non dispoñían de lugares privados ao aire libre (como balcóns, xardíns, piscinas, etc) manifestaron máis síntomas de ansiedade e/ou depresión.
Este estudo tamén atopou diferencias entre as persoas que estando encerradas na súa casa (nivel 1 de confinamento) podían observar paisaxes naturais e os que non tiñan esa posibilidade. A xente que non vía paisaxes naturais dende a súa fiestra ou vían paisaxes mixtas (naturais e urbanos) tivo maior probabilidade de sufrir síntomas de trastornos mentais que os que tiñan esa posibilidade.
Factores sociais
Existen varios grupos de persoas os que o confinamento lles afectou de xeito máis severo. Así, as persoas que perderon o seu emprego polo confinamento obrigatorio tiveron maiores síntomas de ansiedade e/ou depresión. Na xente moza detectouse unha maior probabilidade de sufrir depresión, quizais porque teñan unha maior demanda natural de socialización física. A depresión e ansiedade antes da COVID-19 afectaba en maior mediada as mulleres que os homes, e neste estudo suxirese que esta maior incidencia continúa en situacións extremas como o confinamento.
Curiosamente, os donos de mascotas durante o confinamento nivel 1 (o máis duro) tiveron máis probabilidade de sufrir ansiedade a pensar de dispoñer de tempo extra para estar fóra da casa. Isto quizais sexa debido a que esa actividade, normalmente agradábel, de pasear a súa mascota, estivo en moitos países limitado a un determinado número de saídas ou con restricións no tempo, o que converteu esta actividade nunha obriga con riscos para a saúde das persoas durante o confinamento.
Nova normalidade post Covid-19
O confinamento é unha medida extrema que ten consecuencias para a nosa saúde. Se os estudos epidemiolóxicos o permiten, as autoridades sanitarias deberan contemplar medidas para mitigar esa situación. Un novo confinamento poderia aumentar a incidencia de enfermidades mentais nas persoas, polo que deberamos estar preparadas para unha maior prevalencia destes trastornos, de darse o caso, especialmente en grupos vulnerables como mulleres, mozos ou persoas sen contacto coa natureza.
Os espazos naturais, públicos e privados, aos que imos “cargar as pillas”, deberan ser o eixe central das nosas vilas e cidades. Poder achegármonos a eles de xeito habitual para desconectar, realizar actividades lúdicas, ou simplemente marabillarse da natureza, debera ser unha opción para toda a xente, e non só para unhas poucas persoas.
Diversos estudos como este evidencian os beneficios que o contacto coa natureza ten para a nosa saúde. Chegou xa o momento de replantexarnos os nosos hábitos e a relación que temos co lugar onde vivimos. A pandemia da Covid-19 ten que ser un punto de inflexión para que as cidades do futuro nos permitan conectar coa natureza.
Máis información
Pouso, Sarai, Angel Borja, Lora E. Fleming, Erik Gómez-Baggethun, Mathew White, and María C. Uyarra. 2020. “Maintaining Contact with Blue-green Spaces During the COVID-19 Pandemic Associated with Positive Mental Health.” SocArXiv. August 4.