As miñocas son máis caras que os percebes

10 minutos de lectura

Se che gusta a pesca deportiva, seguro que tes comprado ou ido a coller estes animais mariños. Non se comen pero o prezo dalgunhas especies chega a máis de 60€/kg. Pero que son? Que especies se capturan en Galiza?

As miñocas son anélidos poliquetos

As miñocas pertencen a un grupo de animais denominado anélidos. Esta palabra provén do latín annelus (pequeno anel) + ida (plural) en referencia á súa estrutura corporal formada por numerosos segmentos anulares. Os anélidos viven en practicamente todos os hábitats mariños e incluso  podemos atopalos en auga doce e en terra, xa que as miñocas de terra e as samesugas tamén pertencen a este grupo.

A principal diferencia entre as miñocas mariñas e as de terra é cantidade de seda. As miñocas de terra forman o grupo dos oligoquetos (literalmente poucas sedas), é as mariñas o do poliquetos (moitas sedas). As samesugas forman o grupo dos hirudineos (hirudo = samesuga en latín).

Platelmintos diversidade. A: Acelo marino. B: Catenulido limnícola. C: Policlado marino. D: Triclado. E:Triclado terrestre. F: Tenia. Fonte: litoraldegranada.ugr.es
Diversidade de platelmintos. A: Acelo marino. B: Catenulido limnícola. C: Policlado marino. D: Triclado. E:Triclado terrestre. F: Tenia. Fonte: litoraldegranada.ugr.es

Non todos os vermes son miñocas

A palabra “verme” fai referencia a un animal alongado, sen apéndices e que se despraza arrastrándose. Nesa descrición inclúense diversos animais que aínda que son semellantes no aspecto externo, nada teñen que ver filoxenéticamente nin na súa organización interna.

Aos nemertinos chámaselles vermes cinta e aos platelmintos vermes planos ou planarias pola forma do seu corpo, pero a diferencia dos anélidos o corpo destes animais é continuo, sen segmentos anulares. A única cavidade interna de platelmintos e nemertinos é a cavidade gástrica e non teñen sistema circulatorio.

Os anisakis son nematodos

Os nematodos, como o anisakis, son chamados vermes cilíndricos e si que teñen un sistema dixestivo completo, como as miñocas, pero non segmentación corporal, nin sistema circulatorio ou respiratorio.

Hai outros moitos seres mariños que podemos confundir con miñocas como os priapúlidos e sipuncúlidos. Incluso algunhas especies de lesmas mariñas, ou de holoturias co corpo alongado tamén poderían considerase vermes.

modelo corporal general de un anlido Hickman
Modelo corporal xeral dun anelido. Fonte: Hickman

Como son os anélidos poliquetos?

Cando dicimos “miñoca” estamos a referirnos a algunha especie de anélido, tanto aos de terra como ao de mar. O seu corpo está dividido en seccións seriadas iguais ou case iguais pero na cabeza poden ter ou non receptores sensoriais como ollos primitivos, tentáculos, palpos ou cirros.

As miñocas de mar, ou anélidos poliqueto, teñen en cada segmento multitude de sedas. Son como pelos, pero con diversas formas e tamaños. A forma tamaño e colocación das sedas é característica de cada especie, así que se usa como característica para identificar poliquetos.

LEMGAL
Cabeaza dunha miñoca de ría

Algúns teñen estruturas especializadas no intercambio de gases que chamamos branquias aínda que non teñen nada que ver coas branquias dos peixes. Sobresaen no lateral do corpo e poden ter formas máis ou menos complexas: de abano, árbore ou espiral.

Ao longo do corpo das miñocas, discorren os sistemas circulatorio, nervioso e alimentario. Aínda que son animais cunha organización primitiva, considéranse máis evolucionados que por exemplo os platelmintos, nemertinos, priapúlidos e sipuncúlidos.

As miñocas de terra teñen tamén un corpo seriado con sedas en cada un deles, pero a diferencia das mariñas, as sedas son menos numerosas e menos visibles.

Figura 3 Setas representativas de poliquetos Setas compuestas A F Falcigeros y G W640
Sedas representativas de poliquetos. Fonte: Franco-Gordo 2014

Moitas sedas

As sedas permítenlle ás miñocas escavar, reptar polo fondo ou incluso nadar. Están feitas de quitina e o abano de formas vai dende as máis simples, con aspecto de lanza ou pica, até as máis complexas cun perfil similar a un alfanxe medieval ou un arma branca de ciencia ficción.

Usan as sedas para escavar, reptar ou nadar, e están montadas sobre uns pequenos apéndices que chamamos parapodos. Estas pequenas prolongacións do corpo das miñocas poden verse a cada lado do corpo e tamén nos da moita información para identificar ao animal.

Arenicola tubo Barnes
Tubo de mangón. Fonte: Ruppert y Barnes

Miñocas de tubo e vida libre

O máis fácil para aprender a diferenciar as especies de miñocas é fixarse na forma do seu corpo e nas estruturas que teñen. Para velas ben precísase unha lupa e moitas veces un microscopio.

Algúns anélidos poliquetos teñen dúas partes diferenciadas do corpo que chamamos tórax e abdome. Se a simple vista logramos diferenciar dúas rexións, sabemos que se trata dunha miñoca que vive nunha galería ou tubo. Non todas as miñocas teñen abdome e tórax, pero todas as que teñen dúas rexións corporais son tubícolas.

Hai poliquetos depredadores, que se alimentan capturando presas coas súas mandíbulas. No corpo destas miñocas todos os segmentos son iguais e as mandíbulas e receptores sensoriais da cabeza están moi desenvolvidos para atrapar o seu alimento.

Diopatra neapolitana miñoca de tubo verme poliqueto
Detalle do tubo de Diopatra neapolitana

Notas para identificar miñocas comerciais

Quizais os poliquetos sexan un dos grupos de animais mariños máis difíciles de identificar. Para chegar a identificar unha especie con exactitude é preciso ver as sedas do animal e para elo é preciso facer unha preparación para microscopio dun ou varios segmentos do animal. Isto implica que teñen que estar mortos e fixados con formol ou alcol e que @identificador/a ten que ter certa experiencia.

Aínda así, hai varias especies moi comúns que non teñen moita confusión para identificalas a simple vista, se te fixas nalgunhas características.

As 4 especies que se explotan comercialmente en Galiza son:

Mangón, sangrón ou cagón.

Nome científico: Arenicola marina

Nome comercial: Mangón ou miñoca de area

Como a distinto: É unha miñoca mariña de aspecto gordo co corpo dividido en dúas rexións. A parte de diante (tórax) máis ancha que a traseira (abdome). As cagarrutas que fai na area son fáciles de ver nalgunhas zonas. O animal vive en galerías en forma de U, co cu debaixo das cagarrutas e a boca nunha pequena depresión. É un verme sedimentívoro non selectivo, ou sexa que para alimentarse traga a area que pasa ao longo do seu aparato dixestivo e vai dixerindo a materia orgánica que hai nos sedimentos. É un dos poliquetos máis coñecidos e fáciles de recoñecer.

Gavilán

Nome científico: Scoletoma laurentiana

Nome comercial: Gavilán

Como a distingo: Moi alongado e fino, de corpo cilíndrico. A cabeza ten forma cónica, con punta, sen apéndices nin ollos. De cor alaranxada ou amarela e con brillo iridescente. É unha das senradas máis apreciadas. É un poliqueto detritívoro non selectivo ao igual que o mangón.

Hediste diversicolor
Esquema xeral do corpo dunha miñoca de ría

Miñoca de ría

Nome científico: Hediste diversicolor

Nome comercial: Miñoca

Como a distingo: É un poliqueto largo e fino co corpo máis ben aplanado. Cabeza pentagonal. De cor verde-amarelo con tons alaranxados ou vermellos. O vaso sanguíneo dorsal vese claramente como unha liña vermella percorrendo todo o corpo. A diferencia do gavilán, que non ten apéndices no lateral do corpo, as miñocas si que teñen e vense a simple vista. Trátase dun poliqueto cunha grande resistencia aos cambios de salinidade e sole atoparse en zonas intermareais lamacentas do interior de ría. Alimentase de restos depositados na superficie da lama pero tamén depreda outros animais mariños, o que o convirte en tolerante a certas perturbacións como a contaminación orgánica.

Dentro da familia Nereididae existen moitas especies e son moi semellantes entre si, polo que chegar a determinar a especie con exactitude a simple vista pode ser enganoso. Esta especie diferenciase do resto das da familia pola posición das mandíbulas, algo que obviamente non se pode percibir a simple vista. Tratase dun dos cebos de pesca máis utilizados.

Diopatra neapolitana Litoral Cantabria
Diopatra neapolitana. Fonte: Patrimonio litoral de Cantabria.

Miñoca de tubo ou casulo

Nome científico: Diopatra neapolitana

Nome comercial: Miñoca de tubo

Como a distingo: Vive nun tubo membranoso que normalmente sobresae un pouquiño da superficie da lama. De corpo cilíndrico. É un poliqueto máis ben grande. Aínda que o seu corpo non ten dúas rexións como o mangón, na parte máis próxima á cabeza hai unha zona con branquias moi fácil de ver polo grandes que son as branquias. De cor verde escuro, coas branquias máis claras

Como se captura unha miñoca de tubo

Coller miñocas está regulado por lei

Estas especies pasan por lonxa, para posteriormente ser vendidas aos pescadores deportivos. No ano 2020 vendéronse en Galiza 2.000 kg destes animais e as especies máis vendidas foron o Gavilán e a Miñoca de tubo. Os prezos son moi elevados, superando a todos os mariscos comestibles. Incluso máis caros que percebes e centolas.

Taboa coas vendas de poliquetos en lonxa 2020. Fonte: Pescadegalicia.gal
Taboa coas vendas de poliquetos en lonxa 2020. Fonte: Pescadegalicia.gal

As 4 especies comerciais non só se usan como cebo para pesca, senón que cando son pequenos serven de alimento para peixes de acuicultura. Nos últimos anos, hai un esforzo da administración para mellorar o coñecemento destes animais con convenios entre a Xunta e centros de investigación. En Galiza hai unha concesión para a produción masiva de poliquetos á empresa Galibait. Pero hai máis entidades que se dedican á comercialización destes animais, como por exemplo Micebo.

O equipamento básico dun/ha pescado/a inclúe cana, botas de auga e “unha gorra” de miñocas, como lle din nalgúns sitios á unidade básica de medida deste recurso. Ademais de venderse en tendas de pesca ou por internet, tamén se poden ver nalgunhas máquinas de vending. Claro está que é preciso mantelos refrixerados e húmidos para que non morran antes de ser utilizados.

A captura destas catro especies esta regulada pola Xunta, polo que é preciso ter licencia para ir a collelos. Se es pescador recreativos, poderás capturar ate 50 poliqueto para pescar, pero terás que ir a buscalos á zona que a confraría ten habilitada para tal fin.

Máis información

DOGA. Orde do 6 de febreiro de 1998 pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia.

La Voz de Galicia. 2011/04/09. Mar autoriza a una empresa coruñesa el primer criadero de poliquetos de Galicia

Micebo

Pescadegalicia.gal

EuropaPress. 23/03/2011 La Asociación Científica de Estudios Marinos edita una guía sobre el ‘Patrimonio litoral de Cantabria’

Hickman, C. P., Roberts, R. G. & Larson, A. C. (1997). Zoología. Principios Integrales. McGraw-Hill – Interamericana. Madrid.

Franco-Gordo. 2014. Inventario de Biodiversidad de la costa sur de Jalisco y Colima. ISBN: 978-607-7768-73-9.