Menos polbo que nunca

6 minutos de lectura

O polbo é un dos alimentos máis simbólicos da gastronomía galega. Unha ración de polbo é en si mesma unha festa, un exercicio de convivencia, de folclore ou case de historia. Este típico manxar galego é un dos produtos pesqueiros con maior aumento de demanda dos últimos anos, pero as capturas en Galiza están a descender dende o 2016. O eterno debate sobre a procedencia do polbo que consumimos é, se cadra, máis aguda nun ano de capturas tan escasas.

A preocupación das empresas que pescan e comercializan polbo, e as moitas dúbidas da xente que o consumimos, fixo que o pasado 15 de marzo se realizase un webinar sobre “A situación do polbo en Galicia: Problemas actuais e oportunidades de futuro” ao que tiven a sorte de asistir. Este seminario foi organizado polo proxecto financiado con fondos europeos CEPHS & CHEFS e a USC. Extraio neste artigo algunha conclusións dese evento no que participaron numerosas expertas en cefalópodos así como representantes da Xunta, do sector e das empresas comercializadoras.

Un elemento clave nas cadeas tróficas

O polbo é un molusco cefalópodo ao igual que o son os calamares, chocos, potas, potóns, puntillas, etc. Ten un corpo mol, sen esqueleto interno, 8 tentáculos e 3 corazóns. Octopus vulgaris ten unha distribución case cosmopolita, e podemos atopalo en moitas partes do océano mundial. Na parte leste do Océano Atlántico captúrase dende Escocia ate Cabo Verde e no Mar Mediterráneo. Para capturalos úsanse nasas que teñen que estar rodeados de rede ou doutro material con aberturas non menores de 10mm. Está prohibido o uso desas garrafas negras que se ven moitas veces como crebas.

Entre a dieta do polbo están por suposto, os crustáceos como as centolas ou nécoras, pero tamén peixes e moluscos bivalvos. Non está no alto da cadea trófica, senón que é comido por moito outros animais como peixes, aves, lobos mariños, cetáceos, lontras e cefalópodos. Unha das razón polas que os polbos poden camiñar sobre dúas patas é para despistar aos seus depredadores. A súa posición intermedia nas cadeas tróficas fai que a desaparición desta especies poida desencadear efectos en cadea, tanto por exceso como por defecto de abundancia. O aumento no número de polbos pode diminuír as especies nas que depreda, como as nécoras, e a súa desaparición pode afectar, por exemplo, a peixes peláxicos.

Ciclo de vida condicionado polo ambiente

As femias coidan dos ovos ate a súa eclosión e despois morren. A elevada fecundidade de Octopus vulgaris (poden poñer entre 1 e 5 millóns de ovos) non evita a grande vinculación entre o desenrolo desta especie e a condicións ambientais. O tempo que transcorre entre a fecundación do ovo e a súa eclosión depende moito da temperatura e pode variar entre 20-25 días a 25ºC ate 125 días a 13ºC.

Rey Mendez 2015 Esquema del ciclo de vida del pulpo Octopus vulgaris W640
Esquema do ciclo vital do polbo. Fonte: Rey-Méndez-2015

Dos ovos sae unha paralarva de aspecto semellante a un adulto en miniatura. Este primeiro estadio de vida do polbo flota no océano (fase planctónica) alimentándose de plancto para posteriormente asentase no fondo mariño. A reprodución está acoplada aos afloramentos de forma que a eclosión dos ovos coincide con períodos de forte proliferación de algas para que as paralarvas teñan alimento. Aínda que os expertos non saben indicar con exactitude cal é factor clave, parece que a temperatura do océano inflúe fortemente na supervivencia do primeiro estadio do desenrolo. Posteriormente desprazase ao fondo mariño para vivir ate a idade adulta apegado ao fondo (fase bentónica).

A peor tempada que se recorda

Evolucion primeira venda polbo
Evolución das capturas do polbo. Fonte: pesgadegalicia.gal

No que vai da tempada 2020-21 de polbo, á que só lle restan un par de meses para rematar, lévase capturado menos da metade do que se capturou en toda a tempada 2019-20. É certo que aínda queda tempo para que esta tendencia mude, pero non parece que vaia ser así. Esta tendencia á baixa parece algo global, xa que dende o 2010 o número de capturas de cefalópodos descenderon en todo o mundo. O número de quilos de polbo capturados descende imparablemente dende o 2016 en Galiza, o que levou a que incluso moita da xente que ten permex nasa-polbo non saíse a faenar esta tempada.

A forte vinculación do polbo ás condicións ambientais fai que despois dun bo ano de capturas sexa case seguro que o seguinte vaia ser peor, e iso a xente do mar sábeo. Quizais esta tendencia tamén esté condicionada polo cambio climático, pero de momento é difícil distinguir os seus efectos da dinámica natural deste recurso.

TempadaQuilosImporte
2020-21 (ate o 24 de marzo)729.369,165.928.126,24€
2019-201.895.39813.881.399,06€
Capturas de polbo. Fonte: pescadegalicia.gal

O centro do mundo do polbo

O debate sobre a procedencia do polbo non é novo. Cada vez que me sento diante dunha ración de polbo á feira con outros comensais, surxe a pregunta de se realmente estamos a comer un polbo galego ou se a única auga que tocou este animal en Galiza foi a da pota onde se coceu. O certo é que as nosas costas atópanse no centro do mercado global do polbo, non só polo número de capturas senón tamén polos fluxos de comercialización. O polbo galego expórtase por todo o mundo, pero tamén hai empresas que importan este produto pesqueiro doutros lugares como Portugal ou Italia para vender dentro e fóra de Galiza.

Para estar seguro de que se compra un polbo galego o máis doado é mirar a etiqueta. Esta é unha práctica que debéramos seguir para ser máis consciente do que comemos e consumir responsablemente. Ten que constar entre outras cousas a zona e a forma de captura. Se se trata dun polbo galego indicará como lugar de caputura Zona 27-VIIIc e como forma de captura nasa ou trampa.

Existen varias marcas de calidade como “Pescaderias” ou “Pulpo de Lonja” que debemos buscar se queremos comprar un produto galego. A primeira, é un selo de identidade para a promoción de peixes e mariscos da frota artesanal, e “Pulpo de Lonja” é a marca colectiva baixo a que se comercializa o polbo das confrarías de Fisterra Corcubión, Lira, Muros, O Pindo e Porto do Son.

Covid-19 e polbo

Este é o peor ano de capturas que se recorda e isto supón un problema máis para as persoas que viven deste recurso. Ao mal ano do polbo hai que sumarlle os prexuízos causados pola Covid-19, que lle quitou ao sector unhas das súas principais vias de venda: o canal horeca. A normalidade post-covid tamén trouxo unha maior complexidade para os comercializadores que deben asistir a subastas online, cando antes podían valorar o produto que compraban “en directo”. Incluso para moitas pulbeiras que subsisten a pesar da pandemia e se ven obrigadas a mercar un produto foráneo.

Máis información

Rey-Méndez, Manuel. (2015). Cultivo de pulpo: una alternativa en la producción a pequeña escala.

El Confidencial. 05/10/2020. Alerta por la desaparición del pulpo en Galicia: 2020 será el peor año de la historia