Manual de “Guerra ao plástico con Hugh e Anita”

4 minutos de lectura

Os efectos do plástico sobre os seres vivos é unha das maiores preocupacións científicas do século. A dimensión do problema é tan grande e existen tantas incógnitas non resoltas aínda, que é normal que ás persoas con conciencia ecolóxica sintamos certa ansiedade o ir a compra. “Guerra ao plástico con Hugh e Anita”, é unha serie documental emitida pola BBC, que enche a audiencia de trucos e argumento para que deixemos de consumir plásticos dun só uso. Todo un manual de protesta cívica. 

Manual de protesta cívica

Hugh Fearnley-Whittingstall e Anita Rani son as condutoras do programa. O cociñeiro é famoso polo seu activismo, e a xornalista por presentar programas de TV e radio de elevada audiencia. Pero a notoriedade non lles resta entusiasmo á hora de sinalar as culpables de que se consuma tanto plástico, ou de darnos consellos para reducilo no día a día.

Portada de "Guerra ao plástico con Hugh e Anita". Fonte: BBC
Portada de “Guerra ao plástico con Hugh e Anita”. Fonte: bbc.co.uk

Onde están os plásticos na nosa casa, algo que as veces non é tan obvio como podemos pensar, é un dos principais temas tratados nesta serie. Pero non se limitan a poñer exemplos de boas prácticas, tamén forman a cidadanía en como realizar accións de protesta. Sen dúbida, a reivindicación activa é necesaria para esixir cambios no insustentable sistema de consumo, algo que ten ben presente esta serie documental. Dende unha pequena protesta no supermercado do barrio, até devolverlle a McDonald’s todos os seus muñequiños plásticos do Happy Meal. Máis parece un material subversivo incautado aos Extinción Rebelión que o show dunha TV pública.

Hugh Fearnley-Whittingstall nun vertedoiro de Malasia. Fonte: inews.co.uk
Hugh Fearnley-Whittingstall nun vertedoiro de Malasia. Fonte: inews.co.uk

Sen embargo, o que máis sorprende de “War on Plastic with Hugh and Anita” é que non só apela á responsabilidade da xente á hora de consumir, senón que culpa a quen ten cargo político e a quen dirixe empresas contaminantes. As primeiras por non lexisla contra a expansión do plástico e as segundas por antepoñen o beneficio económico á saúde. É obvio que as persoas que consumimos non somos as únicas culpables da contaminación por plástico, pero ás veces só se nos sinala a nós.

Primeira pregunta: canto plástico temos na casa? 

A acción comeza respondendo a esta pregunta. Para elo Anita e Hugh, pídenlle a 20 casas que saquen a rúa todos os seus obxectos plásticos. Esta acción experimental sucede en Bristol, nun típico barrio Británico, no que a audiencia pode escoller entre varias familias para sentirse identificada. O exercicio de sacar todos os obxectos plásticos da casa impacta, porque nos decatamos do normalizado que está o uso deste composto tóxico. 

Anita Rani rodeada de plástico doméstico. Fonte: bbc.co.uk
Anita Rani rodeada de plástico doméstico. Fonte: bbc.co.uk

O punto álxido da serie é a fin do terceiro capitulo, cando se lanza unha campaña nas redes sociais para devolver envases dun só uso ao supermercado. Co hastag #OurPlasticFeedback (a nosa crítica plástica) a xente escribe nas embalaxes a súas críticas e devólvena a onde a compraron. Esta campaña acadou miles de publicacións en Twitter e Instagram e foi apoiada por David Attenborough e outras celebridades.

O cuarto capítulo é un pouco diferente aos demais porque se gravou na época Covid-19. O aumento de consumo de plástico durante a pandemia, o efecto das mascaras e as luvas no ambiente son os temas que trata, pero tamén fala de bolsiñas de té e das embalaxes dos sandwiches, dúas cousas que a cidadanía británica consume diariamente. Este é o último capítulo polo de agora, e foi posible debido á grande repercusión que tiveron os tres primeiros e á campaña en redes sociais. 

Na TV pública

No estado español, “Guerra ao plástico con Hugh e Anita” pode verse en #0 de Movistar+, pero se non tes acceso a este canal, podes ver o primeiro capítulo en YouTube. Está en inglés pero podes configurar os subtítulos con tradución automáticas para o galego.

Sinalar con nomes e apelidos á xente que non quere mudar un sistema insustentable é un dos grandes acertos deste documental. Falar abertamente dun problema tan presente nas nosas vidas e cunhas consecuencias ambientais tan terribles, non acontece habitualmente nas TV públicas do estado español. Escasean os espazos nos que se cuestione a sustentabilidade do sistema e a emisión de documentais coma este é unha boa nova aquí e en Inglaterra.