O pasado día 29 de xaneiro tiven oportunidade de achegarme á cidade de Kiel (Alemaña) para entrevistar a Lucía Pita Galán. Esta coruñesa leva varios anos traballando como investigadora mariña no GEOMAR Helmholtz Centre for Ocean Research Kiel. Despois de presentarnos -non nos coñecíamos persoalmente- subimos ate a azotea do edificio do Geomar. Impresionan as vistas do Fjord de Kiel co porto, os estaleiros e a saída ao Mar Báltico. Nunha sala situada nesa terraza onde os científicos toman o café, xantan ou simplemente descansan un pouquiño das súas investigacións, non perdo tempo e disparo a primeira pregunta.
Xandro (X): Por que decidiches facer bioloxía e especializarte en bioloxía mariña?
Lucía Pita (LP): Sempre quixen facer bioloxía dende que pensei no que quería ser de maior. Cando cheguei a terceiro de carreira tiven ecoloxía e dixen “esta é a miña maneira de pensar”. Non sei explicalo moi ben, pero como que todo cobrou sentido, pensei: “as cousas non se poden estudar illadas, todo está conectado”. Ademais os grupos de ecoloxía da universidade (UDC) estaban a traballar con técnicas moleculares e de xenética que era a parte que a min máis me gustaba. En cuarto estiven de Erasmus en Brest (Francia) nun centro de investigación mariña, semellante ao Geomar, e no último ano de carreira voltei para A Coruña e estiven no departamento de Ecoloxía traballando en temas de xenética de poboacións de algas invasoras, con Rodolfo Barreiro. Eu quixen facer bioloxía para poder escoller entre a rama ambiental ou molecular, non o tiña moi claro, e finalmente decanteime pola ecoloxía, pero con técnicas moleculares, o que vén a ser “ecoloxía molecular”.
X: Da xente coa que estudaches na carreira, cantos traballaron en investigación? Segues en contacto con eles?
LP: Bueno, non todos foron pola investigación, e dos que sei que traballaron como investigadores algúns seguen investigando; outros xa remataron e están con contratos temporais; outros están fóra de España e están mirando de voltar; e, outros queren marchar fóra para ter esa experiencia. Creo que aínda non estamos no punto de estabilizarnos. Tamén depende de cada un. Eu, por exemplo, acabei a carreira e enseguida tiven a oportunidade de comezar co doutorado e outra xente fixo outras cousas e despois comezou co doutorado.
X: De todos os centros de investigación nos que estiveches, en cal te sentiches máis cómoda?
LP: En todos os centros nos que estiven aprendín algunha cousa e gardo moi bo recordo da xente. Creo que a xente é o máis importante. Non ten sentido estar nun centro que é estupendo e non estar ben co teu grupo. Onde estiven máis tempo foi en Barcelona con Xavier Turón, e aquí no Geomar. Hai cousas positivas e negativas nos dous centros, como en todo. Gustoume moito de Barcelona o ambiente de traballo, comparado con Alemaña onde son moi xerárquicos. En España en xeral as cousas son máis horizontais. No de Barcelona compartíamos o laboratorio entre diferentes grupos e, aínda que poida parecer caótico, tamén é máis doado falar con outra xente que está facendo cousas moi diversas. Aquí en Alemaña temos máis medios e o Geomar é un centro internacional. O apoio aos investigadores mozos é moito mellor con cursos, coaching, mentoring, e o diñeiro para viaxes a congresos non é un problema. Gustoume moito tamén estar no instituto de Baltimore (EEUU) polo investigador que levaba o grupo, había un ambiente moi dinámico. El era o director do centro, polo que tiña moitas outras obrigacións, pero sempre tiña tempo para que nos sentásemos todos os do laboratorio xuntos e falar do que estaba a pasar, que problemas había, etc.
X: Nas investigacións que estás a levar a cabo actualmente, falades de “metaorganismos” e “holobiontes”, estas son palabras completamente novas para min. Pódesme explicar un pouco que significan?
LP: Nosoutros investigamos a asociación de organismos con microorganismos e isto é o que recibe o nome de metaorganismo. Pero porque fai falta este novo termo? Antes pensábase que a simbiose entre macroorganismos e microorganismos era anecdótica (por exemplo, nos corais que están asociados con microalgas, ou nunha sepia de Hawai en simbiose cun vibrio bioluminiscente), pero coas novas tecnoloxías de microscopía e sobre todo de secuenciación, viuse que de feito todos os organismos que coñecemos sexan plantas ou animais, teñen asociada unha comunidade microbiana que ademais, é específica en cada animal ou planta. O termo holobionte é para resaltar que non só falamos dese macroorganismo senón tamén da súa comunidade de microorganismos, xa que esta comunidade afecta ás funcións do holobionte: ao seu desenrolo, á súa capacidade de enfrontarse ao estrés, ao seu sistema inmune, á súa fisioloxía… O mesmo acontece cos microorganismos que temos os humanos no intestino. Isto ten sentido porque antes de existir vida multicelular xa existían os microorganismos. É lóxico que os macroorganismos evolucionaran aprendendo a vivir nun ambiente microbiano.
X: No caso das esponxas que ti estás a estudar máis concretamente, que sexan animais tan simples -son dos primeiros animais pluricelulares- facilita dalgunha forma que haxa máis interacción cos microorganismos?
LP: Esa é unha pregunta que quizais en dez anos poidamos responder -comenta entre risas. O que acontece coas esponxas é que en xeral teñen unha comunidade microbiana máis diversa e máis específica. Aínda que haxa varias especies de esponxas no mesmo sitio, cada especie ten a súa comunidade microbiana. Malia que varíe a temperatura e a salinidade da auga, ou cambie a súa alimentación, os microorganismos simbiontes permanecen estables. En xeral, semella que os animais foron evolucionando para deixar de estar en contacto directo cos microorganismo establecendo unha barreira. Por exemplo, no noso intestino os microorganismos están dentro dun mucus; outros animais albergan os simbiontes nun órgano específico, pero nas esponxas as células do animal están en contacto directo coas microbianas. Non sabemos exactamente por que acontece isto, de feito é o que a min máis me interesa: coñecer cales son os mecanismos que ten a esponxa para, por exemplo, diferenciar que microorganismos son comida e cales son simbiontes. Tamén hai microorganismos que son transmitidos á seguinte xeración a través da larva. Hai moitas implicacións que aínda non coñecemos.
X: Isto que estudas ti é algo innovador ou xa se leva tempo estudando?
LP: A simbiose é un termo antigo, pero agora coas novas técnicas de estudo hai unha revolución. Viuse que realmente é algo común nos animais e nas plantas. Agora mesmo é un trending topic tamén porque se pensa que modificando o microbioma pódese mellorar a saúde dos animais e as plantas. De feito hai proxectos para modificar o microbioma humano e mellorar a nosa saúde; ou, o das plantas, para mellorar a súa produción; ou o dos corais, para axudalos a sobrevivir co cambio climático. Eu empecei estudando, no meu doutorado, a simbiose dende o punto de vista dos microorganismos e agora pasei a estudar o hospedador, a esponxa. Estou a estudar o sistema inmune da esponxa e isto é algo novo no noso campo. Non hai ningún grupo de investigación, a día de hoxe, que faga isto. Por iso quero continuar a estudalo, porque hai campo para traballar, e queda moito camiño por percorrer.
X: Cales son as túas perspectivas de futuro? Pensas continuar na investigación?
LP: Si que quero seguir na investigación. Polo menos gustaríame intentalo. Eu creo que teño posibilidades dentro do difícil que é. Tamén antes pensaba que podía marchar fóra de España, onde houbese traballo, sen importar onde e como, e agora coido que debe ser en Europa, mellor en España, Francia, Alemaña ou Portugal. Cambiou un pouco a miña percepción.
X: En que campo che gustaría investigar?
LP: Creo que queda moito por facer no meu campo e gustaríame colaborar con xente coa que xa traballo aquí e en España. Tamén teño en mente facer cousas diferentes, pero si que me gustaría que ese seguise a ser o meu tema central.
X: Pensas que fóra da investigación hai traballo para unha profesional tan especializada coma ti?
LP: Eu creo que si. O meu día a día é resolver problemas e hai moito de xestión de persoal, de comunicación cos estudantes, cos colaboradores, tamén de non ter medo de asumir responsabilidades. No meu día a día teño que escribir correctamente en varios idiomas, vou acumulando un tras outro e xa teño unha chea deles -rise vergonzosamente. Creo que temos moitas capacidades que ás veces non se valoran o suficiente, aínda que supoño que si o valorarán as empresas. Eu creo que son cualidades fundamentais.
X: Esas cualidades que non se poñen no currículo, non?
LP: Claro, que as temos tan asumidas os investigadores que non pensamos nelas ou non as enfatizamos o suficiente. Eu no meu traballo estou constantemente a pensar cal é esta nova técnica? cal é este novo programa? e pola miña conta, dende cero, busco a forma de aprender a usalo. Non espero que ninguén me diga tes que facer A, logo B e logo C.
X: Considéraste ecoloxista? Pregúntocho porque moita xente é ecoloxista pola empatía que sinte polos seres vivos. Empatizas cos microorganismos?
LP: Eu sempre fun ecoloxista, antes de ser bióloga e antes de ser investigadora, e creo que é unha responsabilidade como cidadá non vinculada á profesión. Non podemos ignorar o noso medio. Estudando os microorganismos quizais esta visión aínda é máis importante, xa que os microorganismos xogan un papel crucial nos ciclos bio-xeo-químicos dos que depende o clima ou a mineralización de nutrientes. Saber isto fixo que tivese aínda máis respecto ao medio. Ao fin somos unha parte moi pequena do todo.
X: Moitas gracias Lucía por recibirme para esta entrevista.
LP: Moitas gracias a ti, foi un pracer.
Despídome dela, non sen antes dar un pequeno paseo polo edificio do Geomar e ver os acuarios nos que Lucía fai os seus experimentos. Volto para casa coa sensación de que se pode ser humilde e traballar en investigación, e que quizáis sexa algo distorsionado esa idea (ou realidade) de que haxa que pisar aos demais para crecer.