Gaivotas da costa galega: As especies reprodutoras

6 minutos de lectura

Gaivotas, presentes tanto en bravas paisaxes marítimas e praias remotas como en portos, encoros, vertedoiros ou na terraza do bar da esquina. Poucas aves hai que poidan ser observadas tan doadamente en tantos lugares tan diferentes e ao mesmo tempo sexan unhas perfectas descoñecidas para a maior parte da poboación.

gaivtoa sombria e patiamarela
Gaivota sombria e patiamarela

Un exemplo deste descoñecemento é que non pouca xente descoñece que detrás do xenérico “gaivota” estamos agrupando, en realidade, varias especies e que moitas delas podemos observalas na nosa contorna sen maior esforzo. É máis, moitas especies de gaivotas protagonizan impresionantes migracións  e movementos dispersivos conectando puntos do planeta, en ocasións, moi afastados, polo que a riqueza de especies pode ser ocasionalmente rechamante. Outro exemplo?: de cando en vez alguén pregunta que é unha estraña “gaivota marrón” ignorando que, en realidade, non é máis que o xuvenil de algunha das especies máis comúns.

Ao longo do ano en Galiza, de xeito máis ou menos regular, podemos atopar, entre residentes, invernantes e en migración, unhas doce especies diferentes. Se contaramos as especies que, de xeito excepcional, se achegan ou se teñen achegado, a cifra rondaría as vinte.

Así que para comezar imos coñecer que especies están con nós durante a reprodución.

Gaivota patiamarela (Larus michahellis)

A especie máis común e ubicua é a coñecida gaivota patiamarela (Larus michahellis). É a típica gaivota que podemos atopar aniñando en case todas as illas e illotes de Galiza e tamén nos tellados de non poucas cidades e vilas. É doadamente identificable por ter o corpo branco e o lombo e dorso das ás prateadas; o extremo destas (case todas as plumas denominadas primarias) é negro con pequenas ventás brancas. Como o seu nome indica as patas son amarelas, pico amarelo con pequena área vermella. Pero esta descripción só vale para os adultos. Nos individuos novos a plumaxe é marrón xaspeada de branco,  transformándose ata adquirir a plumaxe de adulto, xa con catro anos. Nestas idades tamén é diferente a cor do peteiro, negra, e a das patas, rosadas. O seu tamaño está preto dos 60 cm de lonxitude e sobre os 130 cm de envergadura.

O número de parellas en Galiza ronda as 45.OOO, con importantes colonias de cría no Parque Nacional das Illas Atlánticas e outras da costa atlántica como as Sisargas ou Coelleira, Ansarón e os Farallóns xa na Mariña de Lugo. Tamén crían nas cidades e vilas costeiras e mesmo en puntos do interior como en Compostela.  Así que se observas unha gaivota en calquera lugar da costa galega, cidades ou vertedoiros o máis probable é que se trate da nosa familiar gaivota patiamarela.

A evolución da poboación de gaivota patiamarela en Galiza é de crecemento ata o presente século. A partir deste momento as poboacións estabilízanse e mesmo hai unha tendencia á recesión nos últimos anos, asociándose ao peche de vertedoiros e a cambios na xestión dos descartes mariños nas actividades pesqueiras.

Gaivota escura (Larus fuscus)

Moi similar á gaivota patiamarela é a gaivota escura (Larus fuscus). Diferénciase da primeira na “capa” que neste caso non é prateada senón gris escuro. Os individuos xoves e inmaturos son tamén moi similares ás súas parentes, as patiamarelas, mais pódense distinguir por sutís diferencias na coloración e na estructura corporal. A súa poboación en Galicia ronda as 200 parellas e crían nas diferentes illas tanto do Atlántico como do Cantábrico sendo a Illa de Sálvora e máis as Sisargas as que acollen un maior número de parellas. No paso migratorio tanto a finais de verán como en primavera cruzan polas costas galegas e, ocasionalmente polo interior, exemplares que nidifican nas costas atlánticas europeas máis ao norte. Moitos destes exemplares tamén pasan o inverno entre nós.

Gaivotón (Larus marinus)

gavioton
Gaivotón

A terceira especie nidificante en Galicia dende tempos recentes é o gaivotón (Larus marinus). Con 61-74 cm de lonxitude e sobre metro e medio de envergadura é como unha copia en grande da súa parente a gaivota escura. Como nidificante, esta especie está en expansión nos últimos anos ocupando con éxito diferentes illas e illotes de, a día de hoxe, case toda a costa galega inda que o fai en baixo número.

Gaivota tridáctila (Rissa tridáctila)

Rissa tridactyla
Gaivota tridáctica en Islandia. Foto: Fernando Palazón Tornero

Ata hai ben pouco aniñaba unha cuarta especie en Galiza, a gaivota tridáctila (Rissa tridáctila). O seu aspecto e ecoloxía son ben diferentes ás tres anteriores. De tamaño máis pequeno (a súa envergadura non chega ao metro), os adultos son brancos co dorso agrisado e punta das ás negras mentres que os xoves teñen un peculiar diseño no dorso que lembra a un W e áreas escuras na caluga, auriculares e punta da cola. O máis característico da súa ecoloxía é que se trata dunha especie completamente peláxica que tan só se achega á costa a nidificar inda que pode ser observada dende cabos durante os pasos migratorios. Aniña en cantís mariños, en ocasións, tan só aproveitando unha pequena fenda dunha rocha como adoitaba facer en Cabo Vilán e as Illas Sisargas. A súa práctica desparición en Galiza pode estar relacionado con capturas incidentais por anzol e por contaminación por hidrocarburos.