Sempre que un tema cobra actualidade: a hixiene, a alimentación, a seguridade viaria, a educación afectiva, a educación ambiental, …; dise que hai que empezar pola escola. Non, non hai que empezar nos colexios. Hai que empezar nas familias e evidentemente, todo ten que pasar pola escola, si é que cremos nunha escola en liberdade e democrática. Así que aproveito para deixar unha primeira convicción de rexeitamento aos vetos parentais no ensino, no público sobre todo.
Índice de contenidos
A educación ambiental, un obxectivo transversal, na escola democrática e libre de vetos parentais.
E sobre o que se pode facer na educación ambiental no ámbito escolar? Moito. Empezarei dicindo que debe ser contemplada como un centro de interese ou un obxectivo transversal que pode tratarse ocasionalmente en todas as áreas do currículo, aínda que na Área de Ciencias ou de Coñecemento do Medio, máis específicas, son innumerables as actividades que se poden levar a cabo, tantas como a creatividade das equipas docentes permita.
Citarei algunhas das que recordo, vividas ao longo dos meus 39 anos de traballo docente, sen ningunha ordenación de prioridade, simplemente conforme se me veñen á cabeza.
Algunhas experiencias
O carné de Amigos da Natureza que era acollido moi ben pol@s nen@s, quizais porque levaba a súa foto, que os “obrigaba” a compromisos moi sinxelos de querencia, respecto e observación da natureza . Non levaba parello ningún traballo escolar e en verdade que foi moi útil para que @s escolares de ata 9 e 10 anos se implicaran absolutamente neste labor.
A colaboración d@s nen@s foi total tamén nas campañas de aforro enerxético e de consumo de auga, permanentes durante o curso, con encargad@s por semana de velar que quedaran apagadas as luces da aula cando saíamos ao recreo ou remataba a xornada, e igualmente controlaban que non quedaran abertas as billas nos servizos, ás saídas e retornos do recreo.
Durante moito tempo, no CEIP Isaac Díaz Pardo, en Culleredo, mantivemos quendas rotatorias nas que o alumnado de cada unidade de Educación Primaria, era o encargado de manter limpas as zonas de recreo cunha recollida semanal do lixo que puidera ser tirado polo estudantado e que non había que confundir coa limpeza que correspondía aos servizos municipais.
Quizais a campaña de maior transcendencia social, foi a limpeza das marxes do Río Trabe, no tramo comprendido entre a Avda. Ribados e Avda. da Coruña, que realizamos todo o colexio, varias veces a mediados dos 90, como xestos simbólicos para reclamar a intervención do Concello de Culleredo, e que se acompañaban con outro tipo de actividades nas aulas e tivo éxito, porque estes espazos deixaron de ser zonas de verteduras incontroladas.
Actividades durante a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente que se aproveitaron para realizar traballos de redacción de contos, e deseño de cómics, carteis e autocolantes, que se expoñían no centro e unha selección acababa publicada no xornal escolar “O Burgo”. As imaxes que se mostran de exemplo, son precisamente etiquetas adhesivas deseñadas por alumn@s de 5º de E.P. no 2014.
Como se pode ver, tratouse dun traballo constante que sempre tiña a súa prolongación na titoría e consecuentemente nas familias e en xeral a toda a sociedade da contorna escolar. Todas estas actividades foron ademais motivadoras da actividade docente e axudaron á creación dun ambiente moi positivo no centro.