Durante esta fin de semana, entre o 3 e o 6 de agosto estase a celebrar o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Este ano ten lugar en Sada (A Coruña), con máis de 100 embarcacións inscritas. O importante neste evento é compartir e por en valor o interese polo mar e o seu patrimonio, especialmente as súas embarcacións, divulgando así esta parte da nosa cultura.
Xa fai varios meses, nunha das publicacións de febreiro, falabamos sobre Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial), unha asociación mantida gracias a acción do voluntariado que ten como motivación e obxectivo defender e divulgar o Patrimonio Marítimo e Fluvial de Galicia. Entre as moitas actividades nas que participan destaca o seu interese e traballo coas embarcacións tradicionais, como é o Encontro do que falamos nesta entrada.
Índice de contenidos
A historia do Encontro
A finais dos anos oitenta un grupo variado de persoas viron a necesidade de traballar xuntos e loitar para evitar a perda do patrimonio marítimo e fluvial. Déronse conta de que se comezaban a perder as costumes e tradicións arredor do mar, da pesca e de tódalas artes que os rodeaban. Ademais, ao desenvolverse novas tecnoloxías e técnicas, perdíanse tamén os usos de embarcacións antigas e tradicionais, como a dorna ou o galeón galego. Así, comezaron a traballar no que se convertería, pouco a pouco, no que hoxe coñecemos como a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, tamén chamada Culturmar.
Esta federación, formada por voluntarios que buscaban manter o valor cultural do noso patrimonio marítimo así como divulgalo e poñelo en valor para toda a sociedade, organizou en 1993 o que dende entón se coñece como Encontro de Embarcacións Tradicionais. Celébrase cada dous anos dende entón, con excepción da anterior, no ano 2021, que tivo que ser cancelada por mor da COVID-19.
A idea era facer unha reunión entre diferentes embarcacións en Galicia e o Norte de Portugal, promovendo as relacións e a comunicación entre entidades con obxectivos comúns, asociados ao mar e aos ríos, que tiveran ou estivesen implicados coas embarcacións tradicionais. Localidades de toda a costa galega foron as sedes das diferentes convocatorias ao longo destes trinta anos, entre elas: Cambados, Poio, Boiro ou Rianxo.
Para elixir a sede de cada Encontro, unha das entidades que conforma Culturmar presenta un proxecto que debe ser aprobado en asemblea. Ademais, dito proxecto debe estar aprobado unanimemente polo concello ao que pertence esta entidade. E para a súa organización crearase un comité, no que haberá sempre representantes do concello, de Culturmar e da entidade ou asociación organizadora. Tamén se busca que estean neste comité os principais participantes locais, incluíndo entidades de todo tipo: asociacións de veciños, culturais, profesionais, etc.
O obxectivo, ao establecer estas bases de organización, é promover e favorecer o desenvolvemento local, traballando en conxunto entre entidades e organizacións diversas, mantendo un fluxo de comunicación e de divulgación entre distintos campos con intereses comúns.
Despois de tantos anos o Encontro foi ampliándose pouco a pouco, aumentando a participación de embarcacións e tripulantes. Ademais, o apoio a nivel social e tamén administrativo foi cambiando e establecéndose co paso dos anos. Cada vez hai máis xente participando activamente e desfrutando de tódalas actividades propostas. E, por se isto fose pouco, non é un evento illado para Galicia e Portugal, senón que inclúe outras zonas de España como Cataluña e o País Vasco, que traen as súas propias embarcacións tradicionais. E, nalgunha das convocatorias, participaron e colaboraron outros países, compartindo as súas tradicións e cultura.
O Encontro está dirixido a tódalas persoas interesadas no patrimonio marítimo e fluvial. En principio pretendían centrarse especialmente nas asociacións e entidades que queren reparar e recuperar embarcacións ou outros elementos do patrimonio, pero tamén a toda a sociedade, tratando de promulgar e difundir a importancia e interese deste xa citado patrimonio.
Así, os seus obxectivos poden resumirse en tratar de crear un punto de encontro para relacionarse as persoas interesadas no mar e os ríos, así como a tradición dos mesmos. Promover a defensa do patrimonio marítimo e fluvial a través do estudo e da difusión, creando exposicións, mostras, demostracións, publicacións…
É importante destacar que este Encontro, así como a propia Culturmar, funciona gracias ao voluntariado. Deste modo, tódolos que participan nestes encontros son voluntarios, coa única motivación de manter as tradicións e cultura propias do noso mar, mantendo vivas canto sexa posible as nosas embarcacións máis antigas.
O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais
Seguindo o procedemento xa descrito, este ano o Encontro ten lugar gracias á colaboración e organización combinada de Culturmar, o concello de Sada e a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros. A súa presentación tivo lugar en marzo, en Sada. Posteriormente presentouse en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego, co obxectivo de divulgalo e darlle publicidade tanto como fose posible, para que este Encontro fose un éxito, especialmente como celebración do 30 aniversario do mesmo.
Este ano, ademais de tódalas entidades vinculadas ao patrimonio marítimo e fluvial, así como as entidades locais que participan nas actividades, hai unha entidade invitada: ASPACE. A intención desta colaboración é facer que este Encontro sexa inclusivo, achegando a nosa cultura marítima a persoas con diversidade funcional.
ASPACE é unha asociación que traballa con e para persoas con parálise cerebral e que, neste Encontro de Embarcacións, busca axudar a levar a cabo actividades para persoas con diversidade funcional, incluíndo a navegación, achegando así este evento a todos e todas.
Os Patexeiros son a entidade pertencente a Culturmar que acolle e promove este Encontro. Son unha Asociación Cultural Mariñeira que mantén e coida embarcacións tradicionais como dornas, bucetas ou botes polbeiros. Aproveitando esta data, darán a coñecer neste Encontro o seu Museo A Flote, onde exhibirán a partir de agora as súas embarcacións tradicionais no paseo de Sada.
Os tripulantes das embarcacións inscritas como participantes neste Encontro poderán navegar tanto polas mañás como polas tardes, dentro do programado no calendario deste festexo. Así, auméntase a visibilidade destas embarcacións ao mesmo tempo que poden desfrutar da navegación, un dos grandes praceres dos participantes.
Entre as embarcacións anotadas atópanse, por exemplo:
- Bucetas: utilizadas orixinalmente para pesca con liña ou palangre, teñen a mesma forma en proa que en popa. É característica das rías de Muros e Noia.
- Chalanas: pequena e humilde, de fondo plano e impulsada a remo, utilizábase como embarcación de pesca auxiliar ou para transportes en zonas de pouca profundidade.
- Dornas: embarcacións usadas para a pesca, o transporte de carga e de pasaxeiros, moi navegable tanto con remos como con vela. É típica das Rías Baixas.
- Galeón galego: usábase en transporte de mercadorías e pesca ate os anos 60. O Punta Pragueira, que participa neste Encontro, é unha das embarcacións deste tipo que están restaurados e navegan na actualidade.
Cando se presentou este XVI Encontro de Embarcacións púxose de manifesto o interese por conseguir políticas que marquen áreas portuarias específicas para as embarcacións tradicionais. Permitindo así que sexan visibles, actuando como museos vivos, tal e como será o que presentan este ano Os Patexeiros. Do mesmo xeito, búscase promover e respectar as actividades tradicionais de carpinteiros de ribeira, buscando a revitalización da construción naval. Pretenden manter viva tamén esa parte do patrimonio mariñeiro.
Actividades do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais
O programa combina actividades en terra e en mar, tanto para os navegantes anotados coas súas embarcacións, como para todos aqueles que pasen e queiran participar e desfrutar do mar. Entre as actividades inclúense talleres, música, xogos, teatro e propostas para os cativos.
Algunhas xa comezaron con antelación, tal e como sucede co Convoi Tesa a Escota Proa que saíu dende Muros cada a Sada, para chegar ao Encontro. Tamén levan xa dende xullo a exposición fotográfica “No centro do mar”, de Eduardo Rivo e a exposición pictórica “O mar na miña memoria”, da Asociación de Artistas Plásticos Galegos.
As actividades programadas son diversas e repartidas ao longo da fin de semana, incluíndo presentación de libros, revistas e proxectos e incluso, un recital poético.
A música, que forma parte importante da nosa cultura, non pode faltar. Por iso, durante as catro xornadas do Encontro teñen lugar concertos de artistas de Galicia.
Para aqueles que queiran desfrutar da navegación dende terra, programouse unha ruta de sendeirismo pola costa, que chega ata Lourido, coa que se poden seguir as embarcacións e desfrutar dun grupo tan grande e único coma este, navegando xuntos.
Dado que un dos obxectivos é a divulgación, tamén hai exposicións e obradoiros de redeiras, cesteiros, tecedores de tapices, construtores de barcos dentro de botellas, pintores e debuxantes entre outros.
Para os cativos unha ludoteca infantil con temática mariñeira. Poderán bogar en zoncas (embarcacións típicas do golfo Ártabro feitas a escala para este Encontro). Obradoiro de nús mariñeiros. Espectáculos para eles, como teatro ou maxia. Poderán estampar camisetas, facer un obradoiro de música tradicional e facer un barco a partir de madeiras de crebas.
Este ano Marabaixo e o galeón Punta Pragueira participamos no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais. Esperamos vervos alí e que desfrutedes desta historia viva que son as nosas embarcacións.
E para os próximos días, podes saír con nós nalgunha das nosas rutas , esperámosvos!