As cunchas de mexillón, un novo material de construción

4 minutos de lectura

Unha tese presentada na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da UDC, propón o uso da cuncha de mexillón como árido para construción. O traballo da investigadora Carolina Martínez, que forma parte do grupo gCONS, analiza o comportamento deste novo material. Galiza é un dos principais produtores de mexillón do mundo e xéranse 25.000 t de cunchas ao ano como subproduto da industria conserveira.

A pesar de que a mudanza climática ameaza aos Mytilus galloprovincialis e outros animais mariños, a nosa nación segue a ser un dos principais produtores mundiais, de feito, en Galiza hai moitos máis mexillóns que persoas. A maioría véndense frescos e con cuncha pero os que son procesados para latas de conservas deben ser des-cunchados. Este subproduto é aproveitado en restauración e para pensos animais, pero a gran maioría deitase ao mar co conseguinte impacto nas comunidades bentónicas.

Carolina Martínez (no centro) cos seus directores de tese
Carolina Martínez (no centro) cos seus directores de tese

A procura de novos materiais con baixo impacto ambiental foi o leitmotiv da tese de Carolina Martínez, que foi titorizado pola profesora Mª Belén González Fonteboa e o profesor Diego Carro López. Carolina defendeu a súa tese o pasado 25 de setembro co titulo: “Avaliación das cunchas de mexillón para o desenvolvemento de diferentes bio‐materiais de construción”. Na presentación, á que tiven a sorte de asistir, debullou todas as solucións construtiva probadas para este novo materia e os experimentos que levou a cabo para coñecer o seu comportamento.

Probas experimentais

O pavimento da praza dos mariñeiros na Coruña leva mexillóns. Fonte: dousdevinte.com
O pavimento da praza dos mariñeiros na Coruña leva mexillóns. Fonte: dousdevinte.com

Probou a substituír o árido convencional de construción (area de canteira) por cuncha de mexillón tanto en formigón como en morteiros de cemento e cal. As probas fixéronse con gravilla e area de cunchas trituradas, e substituíuse o árido en distintas proporción: 5%, 12,5%, 25%, 50% e 65% no formigón e 25%, 50% e 75%, para os morteiros.  Previamente ao seu uso a cuncha é tratada termicamente a 135°C durante 30 minutos. Os resultados amosaron que a adición de cuncha de mexillón aporta á pasta unha menor permeabilidade e densidade. A forma en laxas das cunchas e un pequeno contido en materia orgánica, provoca que na mestura existan máis burbullas de aire e, que polo tanto, unha vez fraguada sexa máis porosa. A adherencia entre a pasta e a chucha é menor que no árido convencional xa que teñen unha superficie moi lisa.

Tamén se testou o uso solto, sen ligante, da cuncha como material de illamento. Neste caso a cuncha encerrouse en paneis de madeira para medir a transmisión acústica e térmica. Para estas probas usáronse cunchas enteiras, gravas, gravillas e areas. Esta solución amosou resultados semellantes ao dunha madeira de conífera lixeira, polo que é unha alternativa ecóloxica comparable ao uso doutros materiais renovables. Moitos dos illantes usados convencionalmente na construción como os paneis de poliestireno expandido e extruido, ou poliuretano, teñen  un  impacto  negativo  no  medio ambiente debendo usarse para a súa obtención grandes cantidades de enerxía e auga.

Módulo Biovalvo. Fonte: web do proxecto
Módulo Biovalvo. Fonte: web do proxecto

Recomendacións e usos no Proxecto Biovalvo

É polo tanto recomendable o uso das cunchas en morteiros de albanelería para revestir superficies verticais, así como en cimentacións de edificios ou como bloques para diques portuarios. En proporcións iguais ou inferiores ao 25% o comportamento deste material é semellante ao formigón e morteiro convencional. Se se traballa ou pule a superficie queda un acabado moi estético no que se poden ver partes de cunchas. Este material foi xa usado en Galiza para elaborar elementos prefabricados como bancos ou aparcabicis, e en pavimentos.

Como parte desta tese doutoral construíuse o “Módulo Biovalvo“. Un edificio experimental situado no campus de Elviña da UDC, onde se seguen a testar a día de hoxe, todas as solucións construtivas presentadas na tese. Esta construción ten unha bonita forma de bivalvo e foi deseñado para lograr unha alta eficiencia enerxética, usando criterios de Casa Pasiva para construílo.

Muro de cuncha de mexillón solta
Muro de cuncha de mexillón solta

Conclusións

A principal conclusión desta tese é que este subproduto é un material ecolóxico de construción perfectamente válido e abundante en Galiza. 6 artigos científicos e 2 patentes avalan este texto, pero aínda queda campo para afondar nas investigacións e probablemente en breve serán publicados novos artigos. Por exemplo, resta por coñecer máis profundamente o comportamento deste produto en ambientes mariños, aínda que todo apunta a que será un material óptimo para este uso, dado a maior impermeabilidade que lle imprimen as cunchas.

A tese foi cualificada coa máxima nota “sobresaínte”, e todas as persoas membros do tribunal destacaron a profundidade coa que, a doutora, levou a cabo a súas investigacións, pero tamén a practicidade coa que está elaborado o documento, no que se fan recomendacións de uso para as distintas solucións construtivas.

Máis información

Web do proxecto biovalvo

La Voz de Galicia. 03/04/2017. La UDC amplía los ensayos con conchas de mejillón como material constructivo