As especies mariñas, ao igual que sucede en terra, pasan por épocas nas que o seu consumo ten efectos nocivos para as mesmas e para o planeta. Pola contra, tamén hai períodos nos que estas especies son máis ricas e o efecto do seu consumo faise notar menos ou a máis curto prazo. Así, a maioría de produtos deben ser consumidos preferentemente no que denominamos “a súa tempada”.
Índice de contenidos
Cal é a situación.
Sinxelamente vendo as noticias ou observando as nosas lonxas e mercados, podemos comprobar que cada vez os recursos naturais están máis esgotados, hai menos variedade e cantidade de especies nas nosas augas. Así, as redes dos pescadores aparecen baleiras e as súas duras horas de traballo son menos efectivas.
Hai varias razóns que levaron a este punto, dende a sobrepesca á falta de control e xestión dos recursos. En realidade, moi probablemente a base de todo estea na necesidade de coidado e respecto polo noso ambiente e as especies animais e vexetais que viven nos nosos mares. Actuar con moderación e manter o equilibrio, en vez de buscar unicamente unha satisfacción inmediata das nosas necesidades e un beneficio momentáneo sen pensar nas consecuencias, é o que leva a unha situación de inestabilidade e pobreza dos medios mariños, a nivel ecolóxico e biolóxico.
Por outra banda, cada sociedade ten tendencia de consumir unha serie de produtos preferentes. Orixinariamente ían determinados polo que había próximo e dispoñible, mais hoxe en día é habitual seguir modas e necesidades.
Desta maneira, consúmese apenas unha pequena parte da variedade de especies que existen nas nosas augas, e pretendemos comer durante todo o ano o mesmo tipo de peixes. Segundo un informe da Eumofa, os peixes máis habituais son a pescada, sardiña, salmón, linguado e bacallau. E isto mantense ao longo de todo o ano, independentemente da cría ou as vedas.
Por que consumir produtos mariños de tempada.
Actualmente, unha elevada porcentaxe dos bancos de peixes explótanse de maneira insostible. Prevemos que, a longo prazo, estes animais desaparecerán ou reduciranse ate tal punto que non poderemos alimentarnos deles.
A redución e/ou eliminación de especies, tanto animais como vexetais, ten efectos nocivos para o ecosistema global que abrangue a Terra. Cando desequilibramos un nivel trófico os outros vense afectados. Así, esta eliminación sistemática de especies pode ter efectos nas outras especies, no clima, nos compoñentes do mar e a terra, etc.
Así, é preciso respectar os ritmos e períodos que marca a propia natureza se queremos seguir consumindo e convivindo coas especies que aquí habitan.
Polo tanto, a idea e obxectivo claves consisten en buscar un equilibrio e, desa maneira, desenvolver unha gastronomía e consumos sostibles. Isto implicaría beneficios para o medio ambiente, para a saúde humana e para a economía.
Que hai que saber para consumir produtos mariños de tempada
En realidade, o que debemos ter en conta é relativamente sinxelo:
- Respectar a época de cría.
- Ter en conta os movementos migratorios.
- Manter un consumo responsable controlando tamaño e cantidade.
- Consumir un pouco de todo.
- Usar artes de pesca sostibles.
Para que as especies animais que consumimos sigan aí e non desaparezan co paso do tempo deben manterse xeración a xeración. É esencial que cada xeración teña crías e manteñan unha cantidade o máis estable posible de individuos. Polo tanto debería evitarse pescar especies en época reprodutiva ou xusto antes da cría. Da mesma maneira, deberían rexeitarse os animais que aínda están ovando, aínda que sexan os máis apetitosos.
Múltiples especies animais mariñas levan a cabo movementos migratorios que seguen unha periodicidade relativamente constante. Isto permite que sexan capturados de forma sinxela, ao coñecer os seus patróns. Sen embargo, deben respectarse estes movementos e os motivos polos que teñen lugar, nunca eliminando un grupo concreto enteiro ou reducindo de forma insostible as poboacións.
O quentamento das augas das nosas costas, polo efecto do quentamento global, ven a producir un aumento das migracións naturais das especies mariñas. No caso de especies que non migran de forma natural ou, sinxelamente, que non poden moverse, vai provocar un descenso do rendemento e da calidade e supervivencia destas especies. Polo tanto, debe ser tido en conta cando se calcula a cantidade que pode pescarse e consumirse para cada especie.
É necesario ter unha regulación deste consumo, que sexa sostible para os humanos e tamén para as especies animais e vexetais. Ademais, esta regulación debe ser respectada, evitando o furtivismo e mantendo as cantidades que se poden capturar, os tamaños mínimos e os períodos de veda. Debemos ser capaces de achegar a un equilibrio entre as necesidades de consumo humano e as necesidades biolóxicas e ecolóxicas do noso planeta.
Beneficioso para ti, e para eles: recordas ese día que abriches unha centola e pouco había dentro? ou ese pescado á prancha que quedou seco? Probablemente en ambos casos non fora o momento de pescalos e comelos. Cando dicimos que unha especie non está en período adecuado de colleita, xeralmente isto non é só para beneficiar a estas especies, senón tamén porque normalmente implica que é unha época na que están en boa forma, con nutrientes e graxas adecuados para o consumo.
Por outra banda, tamén hai que manter un tamaño mínimo nos animais que se recollen. Capturar e consumir individuos demasiado pequeno implica que aínda non chegaron á idade reprodutiva. Polo tanto, afectará negativamente ao tamaño poboacional e terá consecuencias nas seguintes xeracións.
Recordades o lema “pezqueñines no, gracias. Hay que deixalos crecer”? Pois é ben certo, respectar o tamaño mínimo tendo en conta a necesidade de que os animais críen para que existan novas xeracións antes de pescalos e crucial para manter a biodiversidade do medio mariño.
Diversificar o consumo, é dicir, consumir gran variedade de especies en vez de centrarse unicamente nunhas poucas, é unha medida necesaria para evitar a sobreexplotación e a redución da riqueza dos medios mariños.
Do mesmo xeito, un consumo máis variado fai máis sinxelo adaptarse aos períodos apropiados de consumo. É dicir, consumir diversas especies permite que nos adaptemos ao longo das estacións, tal e como se fai coas froitas e as verduras.
Recomendacións de algunhas especies e as tempadas de consumo.
A continuación imos indicar unha serie de períodos de consumo recomendados para algúns produtos mariños, incluíndo varias especies consumidas habitualmente en España e as épocas en que este consumo é adecuado.
É importante ter en conta que son datos orientativos, xa que segundo as fontes onde busquemos a información atopamos diferentes períodos, e resulta indispensable indicar que sempre debemos facer caso do que diga a lei, xa que a pesca, captura e comercio de tódalas especies consumidas están reguladas.
Bonito do norte (Thunnus alalunga): atópase en certas zonas do Atlántico oriental e do Atlántico occidental, incluíndo tamén augas de Sudáfrica e no mar Mediterraneo. O seu consumo recoméndase entre maio e novembro, dependendo da zona de orixe. No caso desta especie hai que considerar as proteccións que se lle aplican.
Bacallau (Gadus morhua): do Atlántico norte e mares próximos. Plantéxase o seu consumo recomendado entre xaneiro e marzo ou xaneiro e maio.
Calamar: é un molusco con gran diversidade de especies, que varían en condicións de vida e hábitats. Recoméndase o seu consumo entre xullo e setembro no que se refire a casos de proximidade.
Centola (Maja squinado): atópase nas costas atlánticas da Península e no Mediterráneo. A época de captura legal desta especie vai dende xaneiro a xuño e de novembro a decembro, xa que está en veda entre xullo e outubro.
Dourada (Sparus aurata): atopámolo en todo o Mediterráneo e no Atlántico. O seu calendario máis apropiado para o consumo iría de setembro a decembro no caso de crianza en piscifactoría. No Mediterráneo recoméndase entre xaneiro e marzo e entre outubro e decembro.
Gamba vermella (Aristeus antennatus): está presente en parte do Mediterráneo e zonas do Atlántico oriental. Nos casos en que aparecen épocas de consumo recomendadas, estas irían de outubro a decembro, despois de desovar.
Linguado europeo (Solea solea): distribución semellante á da sardiña. A mellor época para o seu consumo é entre marzo e abril, aínda que se pode consumir durante todo o ano, dependendo sobre todo das zonas de orixe. Deste modo, o do Mediterráneo e o Atlántico recoméndase consumilo entre xaneiro e abril, e de outubro a decembro o que ven só do Mediterráneo. Exclúese desta descrición o linguado que está críado en piscifactoría.
Ollomol (Pagellus sp): peixe que habita no oeste do Mediterráneo e no Atlántico oriental, chegando a zonas moi setentrionais. Os períodos reprodutivos varían dependendo da zona, polo que tamén é variable a época de pesca dos mesmos. Sen embargo, pode dicirse que recoméndase o consumo entre decembro e marzo.
Pescada europea (Merluccius merluccius): peixe natural do Atlántico nororiental, cuxa tempada considérase habitualmente de abril a xullo. Hai outros subtipos de pescada con tempadas lixeiramente diferentes, como a pescada atlántica, que podería consumirse entre xaneiro e setembro, e a pescadilla galega entre marzo e maio.
Polbo (Octopus vulgaris): vive no Mediterráneo, no Atlántico oriental e no occidental, así como Taiwán e Xapón. A época na que a súa captura é legal vai de xaneiro a abril e de xullo a decembro, con veda en maio e xuño.
Sardiña (Sardina pilchardus): especie común no noreste do Atlántico e dende Noruega ata Senegal. O calendario de consumo recomendado vai de maio-xuño ate outubro. Na zona do Mediterráneo recoméndase, en ocasións, o consumo de abril a setembro.
Salmón (Salmo salar): atopámolo na costa do Atlántico norte. Neste caso o calendario recomendado de consumo varía segundo sexa, ou non, de piscifactoría. Cando esta é a súa orixe, podería consumirse durante todo o ano. No caso do salmón salvaxe, depende do tipo: o salmón real pode consumirse case todo o ano, o prateado de xuño a outubro, o keta e o rosado de xuño a setembro e o vermello de maio a setembro.
Mais aló de todo o xa explicado sobre cando e canto consumir os nosos produtos mariños, tamén debe considerarse a arte de pesca que se utiliza para obter cada unha das especies consumidas, comprobar e tratar de que sexan sostibles e tan pouco nocivas como sexa posible. Pero sobre os detalles das diferentes artes de pesca e os seus efectos falaremos en entradas futuras.
Se queres consultar algún dos calendarios dispoñibles, consulta os seguintes enlaces: