• Autor da entrada:
8 minutos de lectura

Os cascos dos barcos, especialmente aqueles feitos de madeira como as embarcacións tradicionais galegas, actúan como plataformas de cría para gran variedade de especies animais e vexetais do medio mariño. Pódense atopar diversos tipos de organismos, uns de orixe vexetal coma o limo ou as algas, e outros de orixe animal coma moluscos ou esponxas. Todos eles son coñecidos de forma xenérica como bioincrustacións. Os primeiros que aparecen son os limos, que teñen unha importancia máis destacable nas embarcacións de madeira que nas de materiais plásticos.

Embarcación en mantemento con bioincrustacións na súa obra viva
Embarcación con mostras de bioincrustacións na obra viva

A proliferación de organismos mariños (fauna, flora e microorganismos) ten efectos non só na propia embarcación e a súa estrutura, senón tamén na súa capacidade de navegación, xa que reduce a súa velocidade e aumenta o esforzo. No caso de embarcacións con motor este maior esforzo pode cuantificarse no consumo de combustible.

No que se refire ao efecto que teñen estes seres vivos na embarcación, destaca a importancia da corrosión do material. A maioría desgastan a pintura e moitos destrúen a madeira. Esta destrución pode chegar a puntos realmente perigosos para a navegación e a propia estrutura da embarcación. E o feito de que se elimine ou dane a pintura implica que se reduce o illamento do casco coa auga, o que tamén remataría por ter efectos nocivos importantes.

Por todo isto, a revisión do estado do casco do barco non se fai unicamente cando a embarcación queda en terra durante un longo período de tempo, senón tamén nas épocas en que navega de maneira habitual. A frecuencia destas revisións depende en gran medida do tipo de embarcación, pero sobre todo da auga na que se atopa inmerso. Xeralmente asóciase unha boa calidade de auga a unha maior cantidade e velocidade de incrustacións no casco. Isto débese a que canto mellor é a auga e menor a súa contaminación haberá máis cantidade de organismos habitando e desenvolvéndose nela. E eses organismos son os que buscarán novos lugares para medrar e reproducirse, neste caso concreto as embarcacións. Así, en augas pouco contaminadas será necesario facer unha revisión do casco cada menos tempo.

Revisión do estado do casco e da presencia de bioincrustacións na Punta Pragueira
Revisión do casco da Punta Pragueira

Como revisamos e coidamos o casco fronte ás bioincrustacións

Nos nosos días utilízase moito o termo “antifouling” para referirse a sistemas de anti-incrustación. E probablemente pareza algo moi moderno pero en realidade sabemos que leva investigándose e desenvolvéndose dende fai moitos séculos.

Ao fin e ao cabo parece lóxico supoñer que dende que houbo embarcacións, especialmente se facían viaxes longos, estas terían os mesmos problemas que na actualidade cos organismos incrustados no seu casco.

Algúns autores contan que os viquingos observaron as propiedades biocidas do cobre e comezaron a usalo nos cascos das embarcacións. Como o averiguaron? Resulta que os seus escudos estaban feitos con cobre e mentres navegaban os levaban colgados pola borda da nave. Co paso do tempo no mar déronse conta que nas zonas onde se atopaban os escudos non medraban organismos como si sucedía no resto da obra viva. Así, despois dun proceso de experimentación concluíron que o cobre tiña a capacidade de eliminar ditos organismos e comezaron a colocar láminas de cobre nos cascos das naves.

Tamén se recolle a presencia de cobre en embarcacións da antiga Grecia, neste caso era habitual que cubriran o esporón, situado na proa da nave. Utilizábase para golpear os barcos inimigos na popa e provocar entrada de auga nos mesmos. Do mesmo xeito que sucedeu cos viquingos, estes navegantes observaron que nas zonas recubertas de metal con contido en cobre, os organismos non medraban como no resto do casco. Así, engadiron dito metal no resto do casco, con resultados variables, para tratar de reducir estas incrustacións.

Deste modo, co paso dos séculos, foron desenvolvéndose diversas técnicas para repartir o cobre ao longo do barco e dos lugares nos que habitualmente provocaban danos estes organismos.

Cando se desenvolveu o motor de vapor e por combustión, os organismos do mar comezaron a penetrar nas embarcacións a través dos sistemas de refrixeración por auga das embarcacións. O máis habitual é que, mentres son de pequeno tamaño durante o seu estado larvario, estes organismos penetren nos canles de auga das embarcacións, quedando aí e medrando ata provocar o taponamento deses condutos. Co tempo producirán ademais a corrosión dos materiais dos condutos, especialmente debido ao aumento de contido de osíxeno das zonas onde están presentes estes organismos.

Para evitar a proliferación destes animais, vexetais e bacterias nos condutos utilízase una dilución con contido en cobre que producirá reaccións químicas que recubrirán os condutos e teñen como consecuencia a eliminación destes organismos mentres aínda se atopan en estado larvario, antes de que se produza dano na embarcación.

Paralelamente para evitar as bioincrustacións nos cascos dos barcos utilizábanse pinturas con contido en cobre ou estaño, que danarán os organismos nocivos para as embarcacións e evitarán que se unan ao casco.

Sen embargo, isto ten un problema importante asociado: estes materiais son tamén nocivos para a vida no mar. E está claro que non se pode eliminar a biodiversidade das augas para navegar mellor ou máis rápido. É por iso que na actualidade utilízanse materiais de patentes (autofouling) que non sexan nocivas para o medio ambiente.

Efectos e consecuencias da bioincrustación.

Dende a perspectiva dos propietarios de embarcacións está claro que o máis importante respecto ás incrustacións é como facer para eliminalas e reducir os seus efectos. Pero non se pode esquecer que é esencial non afectar á biodiversidade animal e vexetal dos mares nos que navegamos. Por iso debemos coidar os materiais e técnicas que utilizamos para coidar e manter as nosas embarcacións, tratando de que teñan o mínimo impacto posible nos mares e se cumpran unhas normas xerais e coidadosas co medio.

Ao mesmo tempo, os mesmos organismos que viaxan nas embarcacións poden ser un problema para a biodiversidade e o medio ambiente. Na actualidade, os humanos viaxamos por tódolos mares, recorrendo milleiros de quilómetros nunha soa viaxe e chegando ás costas de zonas non contaminadas ou afectadas por especies de fora. Así, cando nos cascos das embarcacións viaxan especies de animais e vexetais dunhas zonas concretas, estas poden soltarse e pasar a desenvolverse neses novos terreos inexplorados. Cando estas especies foráneas son máis agresivas ou sinxelamente non atopan depredación neses novos lugares… medrarán e cambiarán os ecosistemas aos que chegan. Son o que chamamos especies invasoras e poden provocar a extinción doutros organismos.

Polo tanto, ter coidado das especies que navegan con nós é esencial para unha boa viaxe, pero tamén para manter un equilibrio nos ecosistemas que visitamos.

Outra cuestión ambiental que debemos ter en conta é o impacto do quentamento global. Xa que comprobouse que a maior temperatura da auga maior crecemento dos organismos que se incrustan e medran nos barcos. Polo tanto, se temos coidado dos mares, do ambiente e da situación de contaminación global tamén poderemos controlar mellor a calidade e o coidado das nosas embarcacións.

Algunhas especies que podemos atopar nos nosos barcos.

Teredo navalis

Tamén chamado verme da madeira ou broma, xa que é experto en perforar a madeira para crear alí o seu tobo. En realidade é un bivalvo, pero as súas dúas cunchas están especializadas en perforar. Debido a este hábito é moi perigoso para os cascos dos barcos de madeira, así como peiraos e estruturas fabricadas con este material que se atopen no mar. Atópase por todo o mundo xa que ao longo dos séculos foise esparexendo adherido aos cascos dos navíos.

Imaxe de individuos Teredo navalis e o efecto que producen na madeira
A Broma e as súas perforacións. Fonte EcuRed

Percebe

Este crustáceo cirrípido habita principalmente adherido ás rochas, pero debido a que as larvas son de vida libre poden acabar por desenrolar a súa forma adulta pegadas aos cascos das embarcacións (así como a grandes animais como as baleas). A súa acumulación no casco diminúe notablemente a velocidade de navegación e o consumo de combustible, xa que altera a forma aerodinámica do barco, así como pode chegar a supoñer un aumento de peso considerable se non se levan a cavo tarefas de limpeza por longos períodos de tempo.

Imaxe dun grupo de percebes incrustados en cemento
Percebes incrustados no porto

Mexillón

Ao igual que os percebes, estes moluscos bivalvos de cores escuras polo xeral, poden acabar pegados aos barcos, causando os mesmos problemas. Hai especies de mexillón, como o chileno e o mediterráneo, que son especialmente recoñecidas por converterse en especies invasoras que viaxaron incrustadas en embarcacións mercantes.

Imaxe de mexillóns adheridos á rocha xunto a outros moluscos semellantes
Mexillón xunto a outros moluscos

Algas

Ao contrarío do que moita xente pensa, as algas non son plantas. Pertencen ao reino dos protistas. Poden aparecer en multitude de formas e tamaños. Así hainas microscópicas, formadas por unhas poucas células, e tamén chega a haber especies que chegan a acadar decenas de metros. Algunhas especies viven adheridas ás rochas ou calquera material sólido, polo que tamén poden pegarse nos cascos das embarcación. Coa súa rápida taxa de crecemento, enseguida poden causar os problemas antes citados pola aparición do “fouling”. Do mesmo xeito que sucede cos mexillóns e outros animais, coñécense tipos de algas que invadiron novos ecosistemas, como sucede coas algas asiáticas, atopadas na actualidade en áreas diversas.

Se desexas saber máis sobre as bioincrustacións recomendámoste:
https://www.imo.org/es/OurWork/Environment/Pages/Biofouling.aspx