Este verán cando vaias á praia non só te tires a tomar o sol na toalla, mira ao teu redor e fíxate: estás nun ecosistema vivo. Entre a area, nas pedras, na auga, … as praias son un entorno cheo de seres vivos e ao atoparse entre o ambiente terrestre e o mariño existe unha grande biodiversidade.
Buscar pistas da existencia desta biodiversidade pode ser unha maneira de entreterse en vez de só tirarse na toalla. Tamén é unha forma divertida de ensinarlle aos nosos fillos e fillas cousas que nunca viron.
Velaquí algúns consellos para atopar os animais e prantas que viven nas zonas de lecer do verán:
Índice de contenidos
1. Cunchas
Nin que dicir ten que cando queremos atopar cunchas imos ate unha praia para buscalas. O número de cunchas e a súa diversidade danos unha idea de como é o ecosistema no que nos atopamos: se vemos moitas cunchas estamos nunha praia moi produtiva; se atopamos un gran número de cunchas diferentes será moi diversa.
Unha bo xogo para as nenas e nenos, e buscar o maior número de cunchas diferentes. Podes levalas para a casa e con calma, consultar nunha guía que especies son. Eu recoméndoche que uses a “Guía de moluscos marinos de Galicia, pero hai moitas outras guías para principiantes (esta por exemplo). Aínda que é un texto moi extenso, as fotografías e as explicacións son excepcionais, e os investigadores que elaboraron o libro incluiron todos os moluscos mariños que se atopan en Galiza (incluso os que non teñen cuncha).
Ao principio tes que ter paciencia, porque todas parecen iguais. Se agrupas as semellantes verás pequenas diferencias entre elas. Fíxate nas similitudes e diferencias e sigue facendo grupiños. Ao final serás capaz de identificar algunhas especies na primeira ollada. A moitas cunchas faltaranlles partes e serán moi difíciles de identificar porque levan tempo no mar e están deterioradas, teno en conta.
2. Bancos marisqueiros
Moitos bancos marisqueiros están en praias ou nas súas proximidades, isto xenera un conflito entre a xente que vai a traballar e as que van a pasar unhas horas de lecer. Se ves a unhas mulleres a rañar na area e recoller ameixas ou berberechos, non estás nunha praia, estás nun banco marisqueiro.
O marisqueo é unha actividade acuícola, de cultivo, na que se crian bivalvos en zonas da costa. A colleita é o último paso do proceso do cultivo, pero antes deben facerse outras labores como sementar, airear, etc. As mariscadoras fan estas labores ao longo de todo o ano, pero nós só imos a praia no verán.
Para moita xente ter marisco ao pé da súa toalla é algo moi tentador. É tan doado apañar unha presa de ameixas que se perde a percepción do dano que se fai. Ademáis, é moi inxusto para a xente que vive do marisqueo que calquera que pase pola praia lle roube o traballo de toda a tempada.
3. Pozas
As pozas son como pequenos oasis para a vida mariña durante a marea baixa e nelas podemos ver unha grande cantidade de fauna e flora. Nunha poza podemos atopar: anémonas, ourizos, cangrexos, lapas, caracois, leitugas de mar, esponxas, etc, e tamén varias especies de algas. Achégate ás rochas que hai no borde da praias e busca unha poza. Cantos animais ves? cantas algas? Se a marea está moi baixa quizais poidas ver unha esponxa como a da imaxe, pero hai moitas outras especies que viven nestas pequenas “illas” mariñas.
Podes contar os seres vivos diferentes que hai dentro dunha poza e os das pedras, en onde hai máis especies?
4. Petacas de raia e tiburón
Chámanlle petacas pola forma, pero son ovos, como os das aves. Son doadas de ver en algunhas praias, e ás veces aparecen sen eclosionar. Antes de pisala ou levaa para a casa, miraa a tras luz para comprobar que está baleira. Si ves unha pequena raia ou tiburón no seu interior, deixao na praia e fixate que quede somerxida. Aínda que as raias e tiburóns non viven na propia praia, as petacas está a indicarnos que están moi cerca. Esta é a razón pola que unha asociación inglesa organiza todos os anos unha busca masiva destes restos, para mapear a súa presencia e estimar o número de animais que viven nas súas costas.
Ao igual que as cunchas, podemos levalas para a casa e observar con calma a súa forma. Aquí podes atopar unha guía e unha app móbil para identificar estes restos animais en inglés.
5. Cetáceos
É a foto que todos buscan para publicar no instagram. Aínda que os cetáceos son animais esquivos, e non adoitan achegarse a lugares moi concorridos, nas rías baixas hai poboacións residentes de arroaces e non é difícil coincidir con eles nos días de verán. Se os consegues ver, podes tratar de contar o número máximo de aletas que ves, a dirección na que van ou a súa actitude (si se alimentan, navegan, xogan, …). Se estás o suficientemente cerca cando se alimentan, quizais podas ver a presa capturada no bico antes de ser engulida, ou como os peixes brincan fora da auga escapando destes depredadores.
Se atopas un cetáceo morto na praia é importante que chames ao 112 ou á CEMMA (686 989 008) para que poidamos saber porque varan tantos mamíferos mariños en Galiza.
6. Aves
Son uns dos seus habitantes habituais e as praia son un bonito entorno para fotografalas. Érguete cedo e achegate a primeira hora pola praia, hai menos xente e as aves que durmen na praia estarán máis tranquilas. Se non pasou un tractor limpando a praia, verás como aínda están medio durmidas. Tamén podes buscar na area pegadas de aves de distinto tamaño e outros rastro.
Cando estés a fotografalas procura non molestalas, usas uns prismáticos ou un teleobxectivo na túa cámara. Algúns grupos como o das garzas, garcetas, gaivotas e limícolas son doadas de ver. Fixácheste en que unhas gaivotas teñen plumas castañas e brancas mesturadas e outras son máis azuladas e grisaceas? Sabías que hai varias especies de gaivotas que aniñan en Galiza?
Respecta a praia
Para conservar esta diversidade ademais de coñecela debes respectar algunhas normas cando vaias a praia:
· Respecta os lugares de acceso e os aparacadoiros para non alterar máis o entorno
· Protexe as dunas: son hábitats delicados que se deben conservar, asique procura non pasar por elas e se o tes que facer usa os camiños que xa esisten para non deterioralas máis.
· Pídelle ao teu concello que limpe as praias a man e non con maquinaria pesada: os seres
que viven entre a area forman parte do ecosistema e son necesarios para manter
a biodiversidade.
· Procura deixala igual ou mellor do que estaba cando chegaches: recolle algún lixo se podes ou cando menos non tires máis.
Se intentaches buscar as pistas que che da este artigo decataríaste das condicións excepcionais que se dan nas praias. Cando te volvas achegar a un areal xa non o verás igual. Conservar e protexer o entorno está nas nosas mans.