4+1 proxectos de ciencia cidadá mariña que debes coñecer

5 minutos de lectura

Nunca estivo tan próxima a ciencia para a cidadanía como agora, existen multitude de proxecto nos que calquera con interese pode participar. A ciencia cidadá é o camiño bidireccional entre a xente do común é as persoas que investigan. Tés que botarlle un ollo a estas 5 iniciativas.

Que é a ciencia cidadá?

“A ciencia cidadá refírese á participación do público en actividades de investigación científica nas que os cidadáns contribúen activamente, xa sexa co seu esforzo intelectual ou co coñecemento do seu contorno ou achegando as súas ferramentas e recursos.” Esta é a definición que está recollida no libro branco da ciencia cidadá da UE.

Como podes ver, neste vídeo onde persoal investigador fai un resumo dos proxectos nos que participa, o papel da cidadanía non é só achegar datos ou observacións, senón que tamén poden participar na toma de decisións. É por iso que a definición de ciencia cidadá esta a mudar continuamente, porque tamén a relación entre a investigación e a cidadanía esta a evolucionar.

Ciencia cidadá mariña

Se queres saber que seres viven no mar sobre o que navegas, na praia na que te bañas, ou no paseo marítimo polo que paseas, podes colabora nestes 3 proxectos centrados na biodiversidade.

Observadores del mar

Esta idea do Instituto de Ciencias del Mar (CSIC) de Barcelona está pensada sobre todo para persoas que fan mergullo. É o proxecto de ciencia cidadá mariña máis antigo e con máis usuarios do estado español. Moitas das observacións están feitas no Mediterráneo, pero tamén hai moitas no Atlántico. Teñen varios proxectos centrados en temas concretos como: efectos do cambio climático nos corais e gorgonias, movimento das medusas, distribución de especies exóticas, presenza de plásticos, …, e así ata 14 proxectos. Vale a pena botarlle un ollo con calma aos mapas con rexistros de observacións.

Mapa de Observadoresdelmar.es
Mapa de Observadoresdelmar.es

Redogal

A rede de observadores do medio mariño galego é un proxecto da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo principal detectar e avaliar a presenza de especies mariñas que puideran ser indicadoras de cambios ou alteracións do ecosistema mariño. Está dirixida a todas as persoas que usan e disfrutan do mar, e dispón dunha aplicación móbil para Android e iOS. Aínda non ten demasiadas observacións e a guía de especies está en construción, pero semellan que vai ser moi gráfica.

Pantalla principal da app de Redogal
Pantalla principal da app de Redogal

Diversimar

Este é un proxecto dos centro oceanográficos do IEO da Coruña, Vigo e Santander. Aínda que se centra nos recursos pesqueiros, mediante un formulario web, podes achegar observacións de calquera especie mariña sexan ou non especies comerciais. Dentro dos seus recursos teñen unha guía de especies pesqueiras moi interesante. Xunto co CESGA, que tamén forma parte deste proxecto, está a desenvolver un visor de mapas onde se poderán ver a distribución de especies e pesquerías.

Formulario web de Diversimar
Formulario web de Diversimar

DORIS

É o acrónimo de Datos de Observación para o Recoñecemento e Identificación de flora e fauna Subacuática. Depende da Federación francesa de Estudos e Deportes Subacuáticos. Colaborativamente a rede de mergulladores da comisión de bioloxía desta federación foron elaborando as máis de 2500 fichas. As persoas voluntarias que colaboran neste proxecto son mergullador@s e científic@s. As fichas son completísimas, con información da especie, do seu hábitat, alimentación, reprodución, etc. Dispón de multitude de fotos o que fai moi fácil a identificación. Tamén hai un glosario de termos, pero ao igual que a web están en francés.

Páxina principal da web de DORIS
Páxina principal da web de DORIS

Non só biodiversidade

Coñecer a biodiversidade é o primeiro paso para querer e respectar o ambiente. Cando somos conscientes dos seres que viven ao redor de nós, a percepción que temos polo ambiente xa non é a mesma. Ademais destes proxectos centrados no medio mariño, tamén podes probar estas 3 aplicación para móbil das que xa se falou neste blog. 

Pero a investigación mariña non só se centra na biodiversidade, senón que existen moitos outros temas. Igualmente hai moitos outros proxectos de ciencia cidadá nos que podemos colaborar. Aquí vos deixo un curioso proxecto tecnolóxico a modo de bonus track. 

Marduino

Co subtitulo “a miña boia, os nosos datos e o mar” ten como obxectivo sensibilizar ao público sobre a importancia de preservar a calidade da auga do mar ensinando a construír boias oceanográficas de baixo custo que midan a transparencia da auga de mar. Forma parte do proxecto científico europeo Citclops no que participa o CSIC e o Instituto de ciencia do mar de Barcelona.

Web de Marduino
Web de Marduino

Se queres manterte ao día do que pasa no mundo da investigación mariña, podes subscribirte a este blog no que atoparás artigos sobre especies mariñas, e sobre outros moitos temas.

Máis información

Observatorio de la Ciencia Ciudadana en España

Libro branco da ciencia cidadá