3 barcos eléctricos galegos e 2 de fora que non coñeces

4 minutos de lectura

O outro día escoitei por primeira vez o programa “Mar de Ardora” da radio galega. Foi un achádego interesante xa que fala nese espazo radiofónico moita xente mareira. O que máis me chamou a atención do programa do 24 de outubro foi a conversa de Xusto López Carril (o condutor do programa) co carpinteiro de ribeira Gerardo Triñanes. Non falaron de barcos de madeira, senón de barcos eléctricos. 

É cada vez máis común ver coches eléctricos circulando polas nosas cidades pero as similitudes entre un automóbil e unha embarcación son poucas. Os barcos solen ter motores moi grandes, non teñen marchas e mantéñense funcionando durante días. Quizais sexa por iso que de momento non existen moitos barcos eléctricos e os que cito a continuación son unha excepción. Nese programa de radio citáronse varios proxectos, que recolle neste artigo, así como algúns máis que eu xa coñecía: 

Ortze unnamed

A noticia á que fan referencia en “Mar de Ardora” é a do barco escola do Instituto Náutico Blas de Lezo de Pasaia, o pesqueiro Ortze. Leva 15 anos navegando propulsado por gasóleo e pasou polo asteleiro para cambiar para un motor eléctrico. Leva tamén un xerador de gasóleo que lle permite ter máis autonomía. Será pois, un barco eléctrico que pode navegar en “modo híbrido” xerando enerxía eléctrica mediante a combustión de gasóleo. Esta embarcación pasou con éxito as primeira probas de mar, polo que en breve teremos noticias sobre a súa posta en funcionamento.

Buque Ortze en carro varadero Astilleros Arostegui de Orio. Fonte: ortze-cv.com
Buque Ortze no carro do varadeiro. Fonte: ortze-cv.com

Gaivotiña bgalega

O Gaivotiña foi construído pola Xunta e a empresa Energylab entre os anos 2010 e 2013. Era un barco de propulsión eléctrica con baterías de Li-Ion que tamén dispoñía dunha pila de hidróxeno e un xerador de gasóleo. Digo “era”, porque esta patrulleira foi vendida nunha poxa para o seu desmantelamento despois de botar tempo en terra en estado ruinoso.

Portada do informe de abandono do Gaivotiña. Fonte: mar.xunta.gal
Portada do informe de abandono do Gaivotiña. Fonte: mar.xunta.gal

Novo Esmeralda bgalega

Os barcos bateeiros teñen moitas papeletas para liderar o cambio eléctrico no sector pesqueiro, xa que non fan desprazamentos largos, teñen unha dinámica moi semellante no seu día a día e volven sempre ao mesmo porto. Iso facilitaría establecer un punto de recarga nos portos para prescindir dos combustibles fósiles. Na Illa de Arousa participan nun proxecto de descarbonización xunto con outras 25 illas europeas. Este proxecto no que participa a empresa Nosa Enerxía, pretende a adaptación tecnolóxica de todo os barcos bateeiros da Illa. O Novo Esmeralda será o primeiro e servirá de prototipo para o proxecto.

AJ8C1F1 1
Barco Novo Esmeralda. Fonte: lavozdegalicia.es

Xouva bgalega

O Xouva 4.90 e un barco eléctrico 100% galego, fabricado en Sanxenxo. Este barco ten un deseño no que priman a accesibilidade e está a ser usado xa por varias empresas para facer rutas turísticas en Galiza. Por exemplo a empresa “A-02 velas” está a operar dende Sada con esta embarcación, que non precisa titulación para patroneala. Ten capacidade para 8 persoas e como non fai ruído nin bota fume os paseos pola ría son máis agradables.

Evan e Luna ee8277813ea649a58dc101b0bedbf5cc

Non son galegos pero si que estiveron por Galiza, en Vigo concretamente. Tratase de dous barcos solares xemelgos que estiveron operando entre o ano 2017 e o 2019 no náutico de Vigo. Están fabricados en Polonia por Green Dream Boats, e son 100% eléctricos. Desgraciadamente o pasado ano 2019 volveron para Polonia para navegar por un lago.

Demostración de funcionamento do barco eléctrico Evan

O futuro son os barcos eléctricos

As emisións de gases de efecto invernadoiro, como o CO2, son os causantes da mudanza climática que no mar provoca a acidificación da auga entre outras consecuencias. Conversei con Marcos Fontela sobre estas consecuencias da acidificación para os corais de augas profundas, e podes ler como afecta ao mexillóns neste artigo

Nun contexto no que moitas persoas investigadoras recoñecen que xa superamos o “cénit do petróleo“, e que, polo tanto cada vez será máis custoso extraer combustibles fósiles, a adaptación a esta nova realidade é inevitable. Que os barcos de pesca tivesen motores electricos, supoñería non só deixar de emitir grandes cantidades de CO2 a atmosfera, senón un avance irreversible cara un modelo enerxético con pouca dependencia dos combustibles fósiles. Aínda así, a maior parte das emisións de CO2 son de barcos mercantes e moito queda por avanzar neste sentido. 

Dáme a impresión de que será máis tarde que cedo cando vexamos habitualmente barcos eléctricos navegando por augas galegas.