3 aplicacións para coñecer a biodiversidade

3 minutos de lectura

Non fai falta ser biólogo para coñecer a biodiversidade que nos rodea, moito menos hoxe que temos unha gran cantidade de información (literalmente) na palma da nosa man. Quizais por esa facilidade no acceso á información, cada vez hai máis xente que se interesa por coñecer os seres vivos que temos preto de nós.

Ti tamén podes aprender a coñecer a biodiversidade con estas 3 aplicacións. Se tes alma de naturalista, tes que coñecelas e entrar na súa comunidade.

iNaturalist

Comezou como un proxecto de fin de máster dun grupo de estudantes na Escola de Información da UC Berkeley, e foi gañando entidade ate converterse nunha das ferramentas colaborativas de ciencia cidadá máis empregadas, se non a que máis. Actualmente é unha iniciativa conxunta da Academia de Ciencias de California e a National Geographic Society. Está traducida ao español, aínda que moitos nomes comúns de especies aparecen en inglés. O máis destacado desta aplicación é que usa unha tecnoloxía de visión artificial que axuda enormemente na identificación. Hai bastantes observacións de seres mariños.

Mapa coas observacións de iNaturalist na zona da Coruña
Mapa coas observacións de iNaturalist na zona da Coruña

Biodiversidade.eu

Naceu ao abeiro do Grupo de Investigación Análise e Conservación da Biodiversidade da USC pero actualmente se xestiona colaborativamente a través dunha asociación. No seu inicio centrábase na biodiversidade vexetal ameazada pero dende o 2017, esta ferramenta ten obxectivos máis amplos e pódense subir observacións de fauna e fungos. Podes acceder á web en galego-RAG, portugués, español e inglés. Dispón dunha aplicación web para subir os rexistros é tamén inclúe roteiros.

Aplicación web de biodiversidade.eu
Aplicación web de biodiversidade.eu

PlantNet

Este proxecto de investigación participativo, apoiado pola Fundación Agropolis, no que participan diversas entidades francesas é hoxe continuado a través da iniciativa Floris’Tic. Só con sacar unha foto, esta aplicación para móbiles e computadores permítenos identificar a que especie de planta pertence. As imaxes enviadas son analizadas e comparadas cun banco de imaxes producido de xeito colaborativo e como resultado, o sistema propón unha lista de posibles especies. Resulta moi útil para saber se se trata dunha planta ornamental, invasora ou autóctona. Está traducida ao español.

Pantalla de busca e identificación en PlantNet
Pantalla de busca e identificación en PlantNet

Ademais de subir fotografías con observacións en iNaturalist e Biodiversidade.eu, a comunidade tamén debe facer outras labores como validación e edición, por iso existen varios perfís de usuari@s dependendo a implicación no proxecto. PlantNet está máis centrada en mellorar o sistema de recoñecemento que en debater sobre a súa taxonomía e a ecoloxía, polo que están máis limitados nos aportes que se poden facer.

Consellos para principiantes

Aprender a distinguir especies e recoñecer as súas características é a base para comprender a importancia da biodiversidade. Para enfrontarse por primeira vez, sen ningunha experiencia previa, a esta labor necesitarás unha pequena base de coñecementos. Por exemplo, se queres aprender a diferenciar bivalvos mariños, como as zamburiñas, voandeiras e vieiras, primeiro deberás saber que as cunchas teñen orellas e están ornamentadas con costelas.

Velaquí van 3 consellos básicos:

  1. Antes de saír entra nestas aplicacións e mira que observacións fixeron outras persoas. Nun caderno ou nun arquivo de texto toma nota das características das especies e de onde se poden atopar.
  2. Sobre o terreo compara as características que observas coas descritas para as especies. Fai un listado das especies que vas atopando para que cando volvas ao mesmo sitio poidas detectar cambios.
  3. Saca fotos. Faino de xeito que se poidan ver as características que fan recoñecible esa especie. Súbeas con calma despois de analizar o que viches.

Se tes especial interese en aprender a identificar un grupo de animais mariños, ponte en contacto comigo e quizais poida recomendarche algunha lectura.