Despois de ler este artigo non mirarás as microalgas do plancto do mesmo xeito

Coñecemos co nome de microalgas aos seres unicelulares e autótrofos esto é, seres compostos por unha única célula que fan a fotosíntese osixénica. Posto que empregan a luz solar para fixar CO2, ao igual que o fan as plantas terrestres, son uns dos principais productores de enerxia do ecosistema mariño, e emiten a metade de todo o osíxeno que se produce na Terra. As microalgas forman parte do fitoplancto, polo que as podemos atopar flotando no mar pero tamén están presentes en todas as masas de auga.

DINOFLAGELLATE
Dinoflaxelados Fonte: fickleandfreckled

Aínda que as macroalgas se clasifican empregando os seus pigmentos, e dicímos que hai tres grandes grupos: algas verdes, algas vermellas e algas pardas; as microalgas son algo máis complexas de organizar xa que dentro do que se consideran seres unicelulares con fotosíntese osixenica existe unha grande diversidade de formas de vida.

Importancia

É certo que o zooplancton se alimenta do fitoplancto, pero non só os animais pequenos empregan as microalgas como alimento, as redes tróficas mariñas son complexas e existen animais macroscópicos, (como os moluscos filtradores) que tamén se alimentan de microalgas. Así, dentro do grupo de animais que se alimentan de microalgas atópanse: pequenos crustáceos como os copépodos, larvas planctónicas, a práctica maioría dos moluscos bivalvos, as esponxas mariñas, as ascidias, etc.

bloom_summer_off_cornwall
Foto de satélite dunha proliferación de microalgas. Fonte

Quizais o feito polo que son mais coñecidas as microalgas é polas “mareas vermellas”, que non son máis que grandes proliferacións, blooms en inglés, destes seres. Acontecen baixo determinadas condicións oceanográficas, e na costa galega o habitual é que se produzan en primavera e no outono. Aínda que orixinariamente se chamaron así, “vermellas” o termo non é moi exacto xa que moitos destes episodios de proliferación son de especies que non son de cor vermella como os dinoflaxelados (de cor marrón). As especies mais comúns causantes do peche dos polígonos bateeiros de mexillón e doutros moluscos en Galiza son: Pseudo-nitzschia australis (toxina amnésica), Alexandrium minutum, Gymnodinium catenatum (toxina paralizante) e Dinophysis acuminata (toxina diarreica). Estes blooms teñen unhas consecuencias económicas importantes, posto que os bivalvos cando filtran a auga, reteñen as microalgas con toxinas, e poden chegar a producir a morte. Ademáis, a eutrofización que se produce nas rías galegas polas verteduras de augas fecais (cada día en aumento) está provocando que os episodios de proliferación de microalgas sexan cada vez mais largos no tempo e máis intensos.

Máis espectacular e menos perigosa é a proliferación da Noctiluca scintillans, unha alga bioluminiscente. Se nunha noite calma de verán te estás pegando un baño na praia, e ves na auga uns pequenos flashes verde-azulados, moi probablemente estén producidos pola Noctiluca. A ese fenomeno chamámoslle ardentía ou mar de ardora e a luz é producida por unha proteína chamada luciferasa. En Galiza tense visto este fenómeno máis ou menos masivo, pero non acontece moi acotío e é difícil de prever.

O cultivo comercial

Oyster food
Cultivo de microalgas nunha granxa de ostras. Fonte: California Sea Grant

A pesar da mala fama que poden ter as microalgas, levan sendo  empregadas polos humanos dende hai moitos anos, aínda que o seu aproveitamento a escala industrial non comezou ate os anos 1950. Hoxe podemos atopar multitude compostos biolóxicos extraídos das microalgas nas nosas vidas, como proteínas, lípidos ou pigmentos, que son empregados como antibóticos, para alimentación ou para facer biodiesel.

É moi habitual o seu uso na acuicultura e criadeiros de moluscos, onde se empregan para a alimentación das larvas e xuvenís. De momento son poucos os compostos empregados en alimentación humana, pero Ángel León, o chef do mar, é coñecido polos seus platos con “plancto mariño”. Isto non é máis que un “producto liofilizado de microalgas” elaborado coa especie Tetraselmis chuii.

csiro_scienceimage_2970_collection_of_microalgae_cultures
Cultivos de microalgas en laboratorio. Fonte: CSIRO

A mudanza climática, que en grande parte está provocada por accións antrópicas, está a causando o incremento da temperatura a nivel global e vai a supoñer un grande reto para estes pequenos organismo. Se non son capaces de adaptar a súa bioquímica celular desaparecerán. Ademáis, a acidificación da auga de mar (outra das consecuencias do cambio climático) ameaza con desfacer as paredes celulares de silicio dalgúns grupos como as diatomeas (na imaxe de cabeceira deste artigo) ou as estructuras de carbonato cálcido dos cocolitofóridos.

Opinión

Quizais debéramos reflexionar sobre o concepto que temos da natureza e deixar de crer que está ao noso servizo. Respectar a natureza e o primeiro paso para asumir que formamos parte dela; tamén nos axúda a comprender mellor como é o noso entorno e os seres vivos cos que nos tocou convivir. Isto cobra máis significado nos seres microscópicos como as microalgas, xa que o coñecemento que temos é menor que nos macroorganismos e a súa diversidade maior. Aínda hai moitas cousas que non sabemos destes pequenos seres, pero co que sabemos podemos reflexionar sobre a importancia que teñen no noso día a día e no ecosistema mariño.

Referencias

INTECMAR. PROLIFERACIÓNS ALGAIS NOCIVAS. Consultado o 24/2/2019

AlgaeBase.org. Consultado o 25/2/2019

Plancton marino veta la palma. Consultado o 24/2/2019

Aponiente – Ángel León. Consultado o 24/2/2019

Borowitzka, M. A. 1995. Microalgae as sources of pharmaceuticals and other biologically active compounds. Journal of Applied Phycology, 7(1), 3–15.

Vonshak, A. 1990. Recent advances in microalgal biotechnology. Biotechnology Advances, 8(4), 709–727.

Spolaore, P., Joannis-Cassan, C., Duran, E., Isambert, A. 2006. Commercial Applications of Microalgae. Journal of Bioscience
and Bioengineering, vol. 101 (n° 6). pp. 201-211

Eva Rodríguez. 19/11/2013. “Cada vez que respires, piensa que la mitad de tu oxígeno viene del mar”

Francisco Rodriguez. 26/09/2017. Un mar de Noctilucas en la ría de Vigo

Unha opinión sobre “Despois de ler este artigo non mirarás as microalgas do plancto do mesmo xeito

Add yours

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

%d bloggers like this: