A criatura na que se puido basear a “Raiña dos Aliens” aparece na praia de Samil

3 minutos de lectura

Estes días o mar regalounos un acontecemento ben curioso. Este animal chámase científicamente Phronima sedentaria e non mide máis duns milímetros. É un crustáceo anfípodo que taxonómicamente pertence á mesma Orde que a pulga de mar, pero a diferencia das pulgas, que viven na area, a Phronima sedentaria vive flotando na auga.

Non é a primeira vez que se atopa este animal en Galiza. Está citado no LEMGAL e foi observado en campañas oceanográficas, pero a súa aparición en Samil é un acontecemento curioso porque non é unha especie costeira. O achádego foi feito polo ex-patrón maior de Vigo Julio Alonso a pasada semana, mentres paseaba coa súa cadela. Son animais cunha escasa capacidade natatoria polo que foron levados ate a praia arrastrados polo mar. O máis sorpendente do acontecemento é que se produza nunha praia urbana completamente desnaturalizada e que sexa no interior dunha ría, como apunta o investigador do CSIC Álvaro Roura nesta entrevista para o Faro de Vigo.

Image from page 163 of
O anfípodo dentro do “barril das salpas”. Fonte flickr.com

Os anfípodos hipéridos (como P. sedentaria), a diferencia do resto de anfípodos que viven apegados ao fondo do mar ou entre os graos de area, flotan nas augas do océano aberto. A gran maioría dos crustáceos deste grupo están asociados a outros seres plantónicos como as salpas ou as medusas, das que son parásitos ou simbiontes. De feito a Phronima sedentaria é parásito das salpas. Este animal vai deborando pouco a pouco o interior da salpa ate deixar só a súa parte exterior que ten forma de barril. A Phronima sedentaria emprega o “barril das salpas” como refuxio e como gardería, xa que a femia coida da proxenie no seu interior despois de que os alevíns saen do seu marsupio. Os restos do animal parasitado melloran a súa flotabilidade, e o anfípodo vainos “pilotando” dende o seu interior, impulsándose coas patas do abdome . Esta forma de moverse aprécisase moi ben neste video publicado polo Faro de Vigo.

Quizais por este ciclo de vida parásito, rumoréase que James Cameron se baseou neste animal para crear a persoaxe da Alien Queen que aparece no filme “Aliens: el regreso” de 1986. Non está moi clara a orixe deste rumor, pois parece que ningún dos directores desta saga de filmes o ten confirmado, pero si que está claro que o primeiro dos filmes da saga (“Alien: o octavo pasaxeiro”, Ridley Scott, 1979) se baseou na obra Necronom IV do artista suizo H.R. Giger, para crear estas terroríficas persoaxes. Quizais a orixe do rumor sexa a narración que fixo David Attenborough na serie documental “Blue Planet”, na que vincula este anfípodo co Alien.

gigersalien
Un dos deseños de H. R. Giger. Fonte: http://www.hrgiger.com/

Nin que dicir ten, que este pequeno animal é completamente inofensivo para os humanos. Non produce ningún composto químico que nos poida resultar tóxico, nen é posible que un animal de escasos centímetros poida provocar danos na nosa pel coas súas pequenas pinzas.

En calquera caso, este acontecemento extraordinario que o mar nos trae ate as nosas costas deberá facernos reflexionar sobre todo o que descoñecemos del, e sobre a súa gran diversidade.

Referencias

Reportajes farodevigo.es 14/02/2019. “Alien, el octavo pasajero” desembarca en Vigo

Colin Schultz. 05/02/2014. This Terrifying Parasite Bears an Uncanny Resemblance to the Queen in “Aliens”

Michael Bok. 10/12/2019. Did Phronima inspire the design of the Alien Queen?

Phronima sedentaria no WORMS. Consultado o 17/02/2019

Katie O’Dwyer. 20/02/2014. Phronima sp.

Bishop, R. E., & Geiger, S. P. .2006. Phronima energetics: is there a bonus to the barrel? Crustaceana 79: 1059-1070.

Ramiro Tato. ORDEN Amphipoda. En: Bañón, R. (Ed.). Inventario de la
biodiversidad marina de Galicia: Proyecto LEMGAL. Consellería do Mar, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

A. Otero. 15/02/2019. El “alien” de Samil, un regalo para la ciencia. Faro de Vigo