Cantos mexillóns hai nas rías?

4 minutos de lectura

En Galiza somos máis mexillóns que persoas. Non é difícil de crer, porque os bivalvos son máis pequenos ca nós e porque non competimos polo espazo vital, pero se os moluscos se revelasen contra nós, como os paxaros no filme de Hitchcock, de seguro que o resultado sería máis dramático que no filme. Afortunadamente, será difícil que un animal de poucos centímetros que vive apegado as rochas poida atacarnos.

Pero, cantos mexillóns hai en Galiza?

Vigo Galicia Batea e barco.jpg
Fonte: http://gl.wikipedia.org/wiki/User:Xelo2004

Non é doado estimar o número total de mexillóns que hai en Galiza, xa que ademais dos que están nas bateas, existen moitos outros mexillóns “salvaxes” apegados ás rochas da nosa costa. Os mitílidos son moluscos bivalvos moi comúns e o Mytilus galloprovincialis atópase nos intermareais rochosos de practicamente toda a costa galega. Durante anos existiu unha discusión científica sobre cal é a especie que vive en Galiza: se Mytilus edulis ou Mytilus galloprovincialis. O M. edulis é un bivalvo típico do atlántico norte (Illas Británicas, Paises Baixos, Noruega, …) e o M. galloprovincialis do Mar Mediterráneo (Arxelia, Túnez, Grecia, …). A península Ibérica está no medio destas zonas xeográficas e os animais que viven aquí comparten algunhas características cos do norte, pero xa non hai dúbida de que é a mesma especie que a do Mediterráneo.

Aínda non hai datos oficiais para o 2018 pero a produción deste ano rondará as 270.000 toneladas. Se nos centramos nos datos oficiais de pescadegalicia.gal, no 2017 producíronse 266.917.052 kg de mexillón e segundo o IGE nese ano vivíamos en Galiza 2.708.339 persoas. Se cada mexillón vivo de talla comercial (70-95 mm), pesa entorno a 50-60 g, en cada quilo haberá uns 15-20 mexillóns, que multiplicados pola producion deste ano (270.000 Tm) resultan en 4.000-5.000 millóns de Mytilus galloprovincialis producidos nas nosas rías no ano 2018: case 2.000 veces a poboación galega. Para calcular a abundancia total de mexillóns en Galiza, teríamos que sumar a esta cantidade os animais que hai por toda a costa, pero sen ningún estudo que se aventure a facer unha estimación desta cantidade, a tarefa parece imposible.

De rías e de bateas

numero de bateas
Número de bateas por ría.

En comparación con outra partes do mundo, as nosas rías teñen unha grande produtividade o que convírte a Galiza no terceiro produtor de mexillóns tras China e os EEUU. A diferencia doutros países europeos, como Francia, Bélxica ou Holanda nos que os bivalvo se producen en estacas chantadas na praia ou no fondo do mar, aquí faise en cordas suspendidas de artefactos flotantes que chamamos bateas. A primeira batea instalouse na Ría de Arousa no ano 1946 e durante o desenvolvemento da industria bateeira na década dos 1960 foron aumentando o seu número ate chegar ao máximo no 1976. Dende ese ano non variou o número de bateas instaladas, e actualmente hai polígonos de bateas en cinco rías galegas: Ares-Betanzos, Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo. A que maior produción ten de largo é a de Arousa: só nesta ría prodúcense o 69% do total e están ancoradas 2.292 bateas das 3.337 existentes.

Cara unha produción máis ecolóxica

biovalvo_captura
Preparación das cunhcas de mexillóns para convertelas en áridos: Cuchas sen tratamento, cunchas tratadas con calor, area grosa de cuncha, area fina de cuncha.

A explotación de recursos vivos é unha actividade que se pode perpetuar indefinidamente no tempo mentres se dan as condicións que permitan o cultivo dese recurso. É unha actividade sustentable no tempo, e por tanto ecolóxica. Quizais un dos principais retos aos que se enfronta a industria mexilloeira para mellorar a sustentabilidade da actividade é a xestión dos refugallos. As cunchas son refugallo da insustria conserveira e tíranse entorno a 25.000 toneladas de cunchas ao ano. Trátase dunha cantidade elevada de refugallos, que tradicionalmente se veñen acumulando en moreas en terra ou no mar, pero que tamén se teñen empregado como abono para cultivos, ou na industria farmacolóxica.

Unha proposta innovadora e a longo prazo para o aproveitamento destes refugallos pode ser o uso como árido para a construción, como propón o proxecto BIOVALVO. Esta alternativa parece un bo xeito de valorizar as cunchas converténdoas nun subproduto con múltiples aplicacións.

Conclusión

As rías galegas non son só unha paisaxe singular, tamén son unha zona de elevada produtividade. Quizais poderemos durmir tranquilos, sen medo a que os animais se revelen contra nós como nos filmes de ficción, cando sexamos capaces de desenvolver actividades sen pegada ecoloxica.

Referencias

Estadísticas de acuicultura en pescadagalicia.gal consultado o 23/01/2019.

Mytilus galloprovincialis en marinespecies.org consultado o 23/01/2019.

IGE estadísticas de poboación 2017-2018 consultado o 23/01/2019.

Proyectobiovalvo.wordpress.com. Gestión del residuo de concha de molusco. Consultado o 23/01/2019.

Carolina Martínez-García, Belén González-Fonteboa, Fernando Martínez-Abella, Diego Carro- López. 2017. Performance of mussel shell as aggregate in plain concrete. Construction and Building Materials. Volume 139, 2017, Pages 570-583.

Uxío Labarta, M José Fernández-Reiriz. 2019. The Galician mussel industry: Innovation and changes in the last forty years. Ocean & Coastal Management. Volume 167, Pages 208-218.

Lök, A. , Acarlι, S. , Serdar, S. , Köse, A. and Yιldιz, H. 2007. Growth and mortality of Mediterranean mussel Mytilus galloprovincialis Lam., 1819, in relation to size on longline in Mersin Bay, Izmir (Turkey – Aegean Sea). Aquaculture Research, 38: 819-826.