4 conflitos que existen na túa praia

5 minutos de lectura

Agora que chega o verán, aproveitarás a saída do sol e a chegada da calor para visitar as praias. Desfruta dun chapuzón no mar ou tirate na toalla a broncearte, pero ten en conta que nas praias están a acontecer, cando menos, 4 conflitos dunha terrible envergadura.

Conflito 1: Mariscadoras e ladróns de marisco

Sen dúbida o conflito máis violento é o que acontece entre as persoas que van á praia a producir marisco, e os que se achegan para tomar o sol, e “de paso” apañar uns berberecho ou unhas ameixas sen ter a licencia. No seguinte vídeo Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñan explícano ben:

Conflito 2: Morte ao plástico

Outro dos conflitos é unha guerra contra a contaminación. A que levan a cabo milleiros de voluntarios en multitude de xornadas de limpeza dos areais. Esta é unha batalla que temos perdida de antemán, xa que é imposible recoller toda a cantidade de lixo que chega á costa. Máis de 8 millóns de toneladas de plástico acaban no mar cada ano. Esta tremenda cantidade, debera levarnos a poñer máis énfase na redución de residuos e non na súa recollida. Se vas a participar como voluntario ou voluntaria nunha limpeza lémbrate de non recoller madeira ou outros compostos orgánicos e céntrate e recoller sobre todo plástico.

Area e plásticos na Praia de Doniños
Area e plásticos na Praia de Doniños

Ademáis do traballo voluntario para manter limpos os areais, cada concello contrata todos os anos un servizo de limpeza. Se te achegas a primeira hora do día pola praia seguro que os verás pasando un gran cepillo que vai atrapando a suciedade. Esta máquina, tamen atrapa algas e outros materiais orgánicos, e pode asustar ou danar a animais e plantas que viven na area. Por eso é recomendable que a limpeza se faga a man, sen ninguha maquinaria. Aínda que é maís laborioso, é máis respectuoso co ecosistema da praia.

Conflito 3: Subida do nivel do mar vs urbanismo

playa_grande_1505
Praia de Miño 03/2014. Fonte

Está claro que a subida do nivel do mar entra en conflito coas construcións feitas ao pé do mar. A foto do edificio Solymar da Praia Grande de Miño resulta moi ilustrativa para enunciar uns feitos que nos negamos a crer: o mar está chegando á porta das nosas casas. Dende que foi publicado no 2013-14 o 4º informe do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre a Mudanza Climática) quedan poucas dúbidas de que os humanos somos os causantes da mudanza climática xa que nel se di literalmente que “É sumamente probable que a influencia humana teña sido a causa dominante do quecemento observado dende metade do século XX.” A subida do nivel do mar é unha consecuencia directa da mudanza climática (aínda que non a única) polo que debemos re-plantexarnos o urbanismo a pé de praia.

Tamén a desaparición de area que acontece nalgúns tramos de costa, ten que ver coa urbanización “a toda costa”. As dunas funcionan como un reservorio no ciclo natural da area e ao construír enriba delas inmobilizase parte do reservorio e altérase todo o ciclo. Aínda que algunhas administracións se empeñen en solucionar este problema deitando area todos os anos, é máis un parche que unha solución a longo prazo, é ten uns custes ecolóxicos importantes.

Se non existe outra solución que construír un espigón ou un peirao apegado ao mar, pode facerse de xeito respectuoso e hai métodos para aumentar a biodiversidade das construcións mariñas.

Conflito 4: A nai de todos os conflitos

O máis velado dos conflitos ten lugar en silencio e moitas veces pasa inadvertido para nós, pero é sen dúbida o conflito con máis repercusión dos 4: trátase da loita pola supervivencia dos seres vivos mariños.

Venus verrucosa (carneiro) na parte baixa do intermareal
Venus verrucosa (carneiro) na parte baixa do intermareal

As praias, son zonas intermareais, e durante unhas horas do día están descubertas polo mar así que os animais mariños teñen que adaptarse a un entorno terrestre. Dende que baixa a marea e ata que volve subir, os seres mariños teñen que interromper as súas funcións vitais ou adaptalas a estar emerxidos. Como o conseguen? Pois moitos deles permanecen recluídos dentro da súa cuncha, como os moluscos e algún crustáceo, deste xeito conseguen manterse húmidos. Durante este tempo que están encerrados dentro da cuncha os moluscos empregan rutas metabólicas anaerobias para realizar as súas funcións básicas e deixan de alimentarse. Outros animais foxen coas mareas como as navallas e longueiróns que durante a marea alta están na superficie da area e durante a marea baixa entérranse para manterse húmidos e protexidos.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Praia de Chanteiro (Ares)

As praias son zona de transición, nas que existe un gradiente dende a parte máis alta de area seca (á que case nunca chega o mar) ate a parte baixa que está practicamente sempre somerxida. A maior ou menor tolerancia a este estrés, fai que os animais e as plantas se organicen en cinturas. Nunha praia é máis difícil de observar, porque durante a marea baixa a fauna e flora está soterrada ou entre os graos de area. Se te achegas ate o final da praia, a unhas rochas verás como os mexillóns só se atopan nunha franxa, e por enriba outra franxa de arneiróns ou cracas. [1] Nas praias acontece algo semellante, os berberechos están case na superficie da area, mentres que para atopar ameixas hai que profundizar máis. Por todo isto, as praias son zonas con elevada biodiversidade e produtividade, motivo polo cal, a maioría das concesións marisqueiras son a pé. (No ano 2019 déronse en Galiza 27 concesións a pé, 17 par embarcación e 5 para embarcación e a pé.)

Somos mediadores de conflitos

Tres destes catro conflitos que acontecen nas praia son provocados polos humanos e está na nosa man decantar a balanza cara un ou outro bando, polo que se queres resolver os conflitos presta atención a estes consellos:

  • Se queres mariscar e vivir de explotar un recurso mariño vivo facendo unha actividade sustentable, saca o PERMEX e non roubes marisco.
  • Aproveita a túa estancia na praia para levar 4 ou 5 obxectos de plástico ao contentor amarelo, ao longo do verán terás retirado unha gran cantidade de plástico do mar. Reclámalle ao teu concello que faga as limpezas de praias sen maquinaria.
  • Defende que non se constrúan casas nen ningunha outra infraestructura ao pé do mar. Cando vaias de vacacións non reserves estancia a pé de praia, é moito máis sustentable.
  • Cando mires para un mexillón apegado a unha rocha durante a marea baixa lémbrate de que leva varias horas aí quieto, sen respirar.

[1] Se queres saber cantos mexillóns hai nas rías clica aquí

Referencias

Robert F. McMahon. Respiratory Response to Periodic Emergence in Intertidal Molluscs, Integrative and Comparative Biology, Volume 28, Issue 1, February 1988, Pages 97–114.

DOG. ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019. 31 de decembro de 2018

Xandro García Regueira e Anxo Mena. 2010. Efectos do deitado de area sobre as praias. Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente. Nº 72, pax: 9-11.

IPCC, 2007: Climate Change 2007: Synthesis Report. Contribution of Working Groups I, II and III to the Fourth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change [Core Writing Team, Pachauri, R.K and Reisinger, A. (eds.)]. IPCC, Geneva, Switzerland, 104 pp.

Ricardo Estévez. ¿Cuánto plástico hay en el océano? ¿Y en tu estómago?