A mudanza climática provoca efectos fisiolóxicos nos mexillóns

3 minutos de lectura

Científic@s do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, do Institut National Agronomique de Túnez e do Gulf Fisheries Centre de Canada, veñen de publicar un artigo onde se describen os efectos fisiolóxicos que a acidificación mariña ten para os mexillóns. Esta investigación enmárcase dentro do proxecto A.RIOS dirixido por Fiz F. Pérez e coordinada por Jose Babarro, que ten como obxectivos o estudo da acidificación nas Rías Baixas. Para este fin, @s investigador@s expuxeron os mexillóns a distintos graos de acidificación da auga de mar e a alta e baixa dispoñibilidade de comida, para coñecer os efectos que este dous parámetros tiñan sobre os animais.

portada mexillc3b3n acidificacion 1
Portada do artigo

A principal conclusión á que chegaron é que a acidificación mariña e a falta de alimentación, teñen consecuencias fisiolóxicas: mala adherencia ao substrato, alteracións do comportamento (na apertura e cerre das valvas) e peor capacidade para procesar partículas alimentarias. Ademais, a combinación destes dous factores provoca alteracións na formación da cuncha que fan que sexa máis feble do esperado. Polos meus cálculos en Galiza hai 2.000 veces máis mexillón que persoas, así que non é preciso estenderse moito en falar da importancia económica que ten esta investigación.
Non é a primeira vez que se estudan os efectos da acidificación sobre os moluscos. Existen moitas outras especies nas que foron estudiados os efectos da diminución de pH como ostras, ameixas, vieiras, caracois mariños, etc. O mexillón é dos moluscos máis eficientes adaptándose á acidificación, pero neste estudo demóstrase que esta eficiencia descende cando se ve afectado por outra fonte de estrés. De xeito xeral, a acidificación provoca un descenso na tasa de crecemento, na dureza da cuncha e na supervivencia do animal.

O factor clave é o humano

Dende finais de século XVIII, a humanidade ten emitido unha grande cantidade de CO2 á atmosfera como consecuencia da queima de combustibles fósiles. Precisamente, polas fortes alteracións que os humanos provocamos sobre o planeta, moitos autores chámanlle ao período que vai dende o inicio da revolución industrial ate actualidade “antropoceno”. O dióxido de carbono emitido á atmosfera non só se acumula nela senón, que unha parte é absorbida por vexetais cando realizan a fotosíntese, e outra parte disólvese na auga do océano. O 48% de todo o CO2 emitido polos humanos é absorbido pola auga de mar, o que o convirte no seu principal sumidoiro. Se temos en conta o dióxido de carbono que fixan os vexetais mariños, como as algas e o fitoplancto, esta porcentaxe sería moito maior, posto que a metade da fotosíntese de todo o planeta realízase no mar.

Concentración de CO2 antropoxénico no océano
Concentración de dióxido de carbono xenerado polos humanos no océano. Fonte

O pH na auga do océano está regulada polo tampón carbonato que se mantén lixeiramente básico (entre 8.1 e 8.3). Todos os compostos deste tampón coexisten en equilibrio na auga do océano, pero ao aumentar o dióxido de carbono da atmósfera, modifícase este equilibrio. Canto maior concentración de CO2 exista na atmosfera, maior será a presión parcial deste gas no aire, maior a cantidade que se disolverá no mar, e polo tanto haberá maior cantidade de ións de hidróxeno, ousexa un pH máis ácedo. Tamén se producen outras reaccións que diminúen á cantidade do ión carbonato, esencial na formación da cuncha dos mexillóns.

Tampón carbonato
Tampón carbonato. Fonte: NOAA

A acidificación aumenta aínda máis o risco dos hábitats mariños, xa ameazados por outras consecuencias da mudanza climática e por accións humanas. Quizais, dos efectos da mudanza climática sexa a que mais directamente afecte ás especies e aos habitat, posto que afecta á calcificación. Os animais con estruturas calcáreas como os corais, os moluscos, as algas, as esponxas, os ourizos, etc. son en moitos casos, a peza clave do ecosistema ou forman por si mesmo un hábitat.

Esquema da calcificación da cucha nos moluscos
Esquema da calcificación da cucha nos moluscos. Fonte

Referencias

Lassoued J, Babarro JMF, Padín XA, Comeau LA, Bejaoui N & Pérez FF. (2019) Behavioural and eco-physiological responses of the mussel Mytilus galloprovincialis to acidification and distinct feeding regimes. Mar Ecol Prog Ser. 626:97-108.